segunda-feira, abril 30, 2018

Libros do Mes

Chu Guangxi, a Belated Silver Poet of the High Tang de D.J. Toscano [E]

La cuarta dimensión de Raúl Ibañez Torres

Embedded formative assessment de Dylan William

El origen de la vida en el universo de D. Cenadelli e D. Venturoli

*The Lyric Age of Greece de A.R. Burn [E]

*Alex's Adventures in Numberland de Alex Bellos [E]

*Shih-ching by Ezra Pound (tr.)

*Apolonio de P.M. González Urbaneja

domingo, abril 22, 2018

O Vernero que foi: Abril '07

O mes máis cruel traía no seu remol unha morea de traballo, anque non nas aulas universitarias -o meu derradeiro ano de estudos só incluía materias lixeiras de literatura. Dun lado estaban as traducións que daquela exportaba para Rinoceronte, e que ás veces implicaban xornadas maratonianas coas que acrecentar o meu reducido peculio. 
Christopher Norris andaba tamén impartindo nesas datas un curso de doutoramento de inglés ao que fun convidado a asistir de ouvinte; topara as súas páxinas anti-posmodernas no azar dos fondos da biblioteca de filoloxía, e xa daquela dera comezo a un intercambio espistolar ben fructífero, e consolidado en varios volumes que decoran as miñas estanterías. Alén dos seus libros, vexo polas entradas pasadas que pelexaba coa posmodernada de turno: o Sade, Fourier, Loyola de Barthes, que lía á sombra da laranxeira da casa nun día quente e luminoso de primavera tal que hoxe, eterno retorno no que fitarei para un par de frases do volume en homenaxe ao eu mesmo pasado e a aquela tarde da que xa non fica ren no meu maxín, e sobrevive tan só na escrita e na fisicidade propia, do libro e da laranxeira.
A segunda guerra do golfo tiña lugar (mal que lle pesase a Baudrillard, que facía pouco que morrera), e diso sí gardo algunhas lembranzas fuxidías: os informativos da CNN, a sorpresa perante a rápida victoria americana, as hiperbólicamente cómicas declaracións do ministro de propaganda Iraquí, a portada dun xornal cos soldados yankees pousando botas sobre a mesa no pazo presidencial de Saddam Hussein...
Un último traballo non remunerado foi o speech para o acto de graduación que me solicitaron os meus pares e que penduraría eiquí. Unha non mala peza de retórica, se se me permite a fachenda, e que me xerou felicitacións e gabanzas de, entre outros, un destacado ex-conselleiro de educación.

sexta-feira, abril 20, 2018

Reto lector 3 - Embedded Formative Assessment

Marzo (e parte de Abril, tamén!) foi un tempo no que estiven moi liado (neno, aulas, programación), así que daremos un pequeno salto e pasamos a continuar co reto lector para este mes, consistente nun libro emprestado. Precisamente para o traballo estiven a debullar as páxinas de Embedded Formative Assessment, de Dylan William, un volume relativamente pequeno (190 páxinas) mais bastante denso e cheo de propostas e ideas que requiren meditar non pouco.

A proposta do libro é bastante sinxela: logo de varios estudos científicos, o seu autor chegou á conclusión que o mecanismo máis efectivo para mellorar o sistema educativo e acadar o éxito cos nosos discentes é mellorar a calidade dos docentes; á súa vez, o mellor xeito de conseguir o segundo é entrenando e traballando a avaliación formativa, entendida coma aquela na que "evidencias do éxito dos estudantes son conseguidas, interpretadas e empregadas por docentes, alumnos e pares para tomar decisións arredor dos próximos pasos na instrucción que poidan mellorar as decisións que se terían tomado na ausencia das ditas evidencias".

Como parte da explicación, William distingue e separa claramente as 'notas' (que considera incluso perxudiciais para a mellora), produto dunha situación 'final' que xa non ten reparación, dunha avaliación que axude a resolver problemas de aprendizaxe cando aínda hai tempo. A maior parte do resto do exemplar, logo das explicacións, procede a detallar as 'estratexias básicas' a empregar para isto e exemplos concretos de actividades. 


O libro pareceume útil e moi alonxado das habituais pedabobadas que se limitan a defender hipóteses sen contrastar e que simplemente gaban a ideoloxía de 'expertos' que non visitaron as aulas de educación obrigatoria dende que estudaron nelas. Parece basearse en evidencias científicas e estatísticas, e as propostas de acción son concretas e prácticas. Seguramente mereza unha segunda lectura e paseniña posta en práctica (algo xa estou intentando).

quinta-feira, abril 19, 2018

O Vernero que foi: Marzo '07

O comezo da primavera foi no 2007 un periodo propicio para a miña escrita dixital. Moitas das entradas facían referencia a obras de arte que me gorentan, nalgún caso rescatándoas de escritas anteriores, noutros suxerencia dos lectores e seguidores da bitácora (daquela, aínda tiña diso). Outras imaxes, coma o cadro de Klee, rimaban coas miñas angustias e frustracións amorosas, ou con textos propios tan escuros coma o Alberich...

Anque naqueles días non apuntaba os libros que lía, ler entreliñas permíteme ver que no marzal rematara A Corte do Tsar Vermello de Montefiore e un volume de Indoeuropeística que extraera dos anaqueis de acceso directo da biblioteca. Porén, a coroa daqueles días debérona de levar algunhas páxinas dos volumes de Žižek que teño aínda pola casa (seguramente, Repetir Lenin); o 9 dese mes visitáranos no Consello da Cultura Galega, dando unha charla nunha sala de madeira á que lle teño afecto por xornadas e actos diversos. 

Da parola lembro moi pouco, mesturándoa con lecturas, vídeos e outros loci communes de autor que gardo no maxín- así que tiven que refrescar a memoria coa vella entrada; do anecdótico que pendurou gravado nos paneis da Casa de Mnemósine podemos citar a pequena rifadeira que me fixo no turno de preguntas o profesor Monteagudo por preguntar moi rápido (non era o meu afán lucirme co meu inglés, mais cando estou nervioso falo a fume de carozo), ou que algunhas das sinaturas dos libros que lle levei ao esloveno (algunhas ou todas? terei que mirar nos anaqueis) bautízanme coma 'Miguel' no canto do meu nome de pila. Lendo as verbas que escribín no pasado, só podo cavilar no moito que aínda a día de hoxe, 11 anos despois, simpatizo, aprezo e empatizo co pensamento de Žižek. Hai algúns cambios, certamente -agora son máis conservador en xeral, máis pesimista no global e optimista e feliz no persoal-, mais no que atinxe á miña consideración de Slavoj e do que dí, sigo en posicións moi parecidas: sempre me entretén, malia un Lacanismo confeso que me resulta alleo, cando non hostil (coma todo o relacionado co psicoanálise); e alén de divertirme, segue reflexando en moi boa medida os meus propios pensamentos, espello mental (que non físico, agardo) de Narciso, xa que anque os looks non son o meu punto forte, agardo que fiquen lonxe dos daquela espe(cta)cular imaxe do día da boda de Žižek con Analía, a mellor representación plástica do mito da Bela e a Besta. O tempo pasa para todos: acabo de consultar e parece que o esloveno xa anda pola terceira muller, e Analía xa non será, como na adicatoria de The Parallax View, 'el axioma de mi (su) vida'. No entanto, eu sí atopei o axioma da miña, e confío en que me dure sempre...

terça-feira, abril 17, 2018

Piaget wrong, as usual

"Piaget argumentaba que os bebés constrúen moi lentamente un entendemento dos números, a través da experiencia, e xa que logo, non hai razón para ensinarlle aritmética a nenos menores de seis ou sete anos. Isto influiu a xeracións de educadores, que habitualmente preferiron deixarlle aos seus pupilos de menor idade xogar con bloques nas aulas no canto de introducilos a matemáticas máis formais. Hoxe considérase superado o punto de vista de Piaget. Os alumnos confrontan numerais arábigos tan pronto como chegan á escola".

Alex Bellos, Alex's Adventures in Numberland

sexta-feira, março 30, 2018

Libros do Mes

Urban Myths about Learning and Education de Pedro De Bruyckere, Paul A. Kirschner e Casper D. Hulshof [E]

The History of Mathematics de Jacqueline Stedall [E]

The Foundation Trilogy de Isaac Asimov

Viaje al centro de la tierra de Viola Bachini

Aesop's Fables de Laura Gibbs (tr.) [E]

*Embedded formative assessment de Dylan William

*La cuarta dimensión de Raúl Ibañez Torres

*The Lyric Age of Greece de A.R. Burn [E]

segunda-feira, março 26, 2018

Reto lector 2 - The Foundation Trilogy

Para o pasado febreiro adoptei o reto lector correspondente a "un libro dun xénero que nunca leras". Tal tarefa antollábaseme moi difícil, xa que hai poucos xéneros dos que non teña probado algo; logo de moito cavilar, decidín probar con sub-xéneros: a ciencia ficción, que me interesa moito académicamente, pero que me ten gorentado pouco estéticamente, era un terreo axeitado para explorar, xa que nela só teño lido cousas moi concentradas no Cyberpunk dos 80 e de William Gibson, e algunhas outras pezas e autores soltos (Spinrad, Wells). Resulta que non lera nada da chamada 'Época Dourada' do xénero (o periodo entre finais dos trinta e finais dos 50 nos que o xénero tornou popular, con autores coma Asimov, Bradbury, Heinlein e van Vogt). Xa que tiña na casa unha boa edición da Triloxía da Fundación, de Isaac Asimov, a iso me adiquei nas últimas semanas. Entre as tres novelas suman unhas seiscentas páxinas, o que axuda a explicar a tardanza da reseña.


As novelas glosan o acontecer da Fundación, unha comunidade creada polo 'psicomatemático' Hari Seldon nos bordes exteriores da Galaxia en previsión do inminente derrumbe do Imperio Galáctico que a mantén unida e que segundo os cálculos do sabio, pode dar lugar a un periodo de caos de 10000 anos ou (de facerse ben as cousas), a un interregno de tan só 1000. Percorremos nestas páxinas os primeiros e decisivos séculos da súa Fundación e os cambios drásticos que ésta experimenta para sobrevivir, prosperar e tentar acadar a súa teleolóxica meta final.

As obras son bastante entretidas e están ben fiadas, con saltos e sorpresas que deleitarán ao lector; porén, tamén é certo que se lle notan moito as 'características da época': sobretodo unha visión moi americanizante das cousas, un certo regusto 'pulp' e 'Flash Gordon' na maioría dos malos e unha notoria pobreza descriptiva e ambiental, sacrificada nunha acción electrizante, iso sí, pero á que non lle vería mal un pouco de inmersión nos mundos que nos ocupan.

sábado, março 24, 2018

O Vernero que foi: Febreiro '07

No febreiro de vai dez anos falábavos, entre outras cousas, do Bosco, un dos meus pintores favoritos. Deixei pendente unha entrada sobre un seu contemporáneo que tamén me gorentaba moito, anque algo menos: Pieter Brueghel 'O Vello'.

Brueghel é un grande pintor de esceas flamencas, algunhas moi coñecidas, coma o 'Banquete labrego' o 'Pais da Cucaña', os 'Proverbios flamencos' ou a 'Boda e baile ao aire libre'. Porén, o meu fascinio coas obras do pintor de Breda ven máis ben polas obras surrealistas e medievalizantes, cunha estética moi semellante á de Hyeronimus Bosch. Dúas en concreto, extraídas dos libros máis inverosímiles, merecen mención.

A primeira e máis impactante é o 'Triunfo da Morte', a mellor representación artística da 'Danza Macabra' Medieval e que eu descubrín alá polo alo 1986 nas páxinas da Crónica da Humanidade, nunha entrada adicada á chegada da Peste Negra (1348) a Europa. Na peza, un exército de esqueletes avanza por un panorama desolado, con varias pequenas esceas para exemplificar o inexorábel destino do home á marxe de grupos, idades e clases sociais (Emperador, Cardeal, Soldado, Peregrino, Amantes). No centro da obra, cabalgando un famélico corcel, gadaña en alto, un dos Heraldos da Parca empurra a unha manda humana ata as fauces abertas dun cadaleito, escoltado por un muro de esqueletes con lanzas e escudos. Unha grandísima obra de arte que cumpre o verso de Quevedo ("Y no hallé cosa en que poner los ojos / que no me diera nuevas de la muerte").

A escea había perseguir os meus pesadelos (e contribuír a certo pavor á figura da Morte/Esquelete que aparecía, por exemplo, nas películas do Barón de Münchausen) mais coma o engado vence ao temor, acabou tamén adornando a parede do meu piso estudantil nos días composteláns.

'A caída dos anxos rebeldes' é outra grande obra, neste caso topada entre as páxinas dun libro de parapsicoloxía e terras misteriosas, no capítulo adicado á terra oca; A fértil representación creativa e simbólica dos demos, en contraste co clasicismo estético e a uniformidade dos anxos, fai ao Mal atractivo e levoume a unha íntima identificación persoal cunha das figuras no medio da batalla, ao que alcumei 'Amoymón' e que empreguei coma nom de plume nos días procelosos da Caramuxa...


quarta-feira, fevereiro 28, 2018

Libros do Mes

Los secretos del número π de Joaquín Navarro

Biotecnología de G.G. Tartaglia e Davide Cirillo

Men of Mathematics de E.T. Bell [E] [R]

The Troubled Empire: China in the Yuan and Ming Dynasties de Timothy Brook [E]

Arquímedes de E.M. Fernández Aguilar

*The Foundation Trilogy de Isaac Asimov

*Urban Myths about Learning and Education de Pedro De Bruyckere, Paul A. Kirschner e Casper D. Hulshof [E]

*Aesop's Fables de Laura Gibbs (tr.) [E]

*Embedded formative assessment de Dylan William

segunda-feira, fevereiro 19, 2018

Education Myths

Entre os libros que estou a ler estes días, e con moito proveito, está Urban Myths about Learning and Education, de Casper Hulshof, Paul Arthur Kirschner, and Pedro De Bruyckere. Entre as moitas cousas de proveito, tiro as seguintes, que vos traduzo a continuación:

Se podemos consultar a información, é importante o coñecemento?

De feito, necesitamos máis información para aprender e aplicar as destrezas que necesitamos na nosa sociedade do coñecemento. E as destrezas que necesitamos tamén temos que aprendelas!

O coñecemento é tan perecedeiro coma o peixe fresco

A cantidade de información que chega a nós diariamente está a medrar a un ritmo cada vez máis rápido, pero o coñecemento que necesitamos para entender e interpretar a información é aínda bastante estable. Malia que o coñecemento en algúns ámbitos certamente medra e muda, é mais importante ensinarlle aos nosos estudantes a lidiar cos cambios que a que vexan o coñecemento coma carente de importancia!

Aprendes mellor se descubres as cousas por tí mesmo en vez de que chas expliquen outros?

Hai tantos fervorosos partidarios da aprendizaxe por descoberta coma detractores que defenden que é un mito. Os dous teñen razón ata certo punto: a descuberta 'pura' non funciona, pero a indagación pode seguir sendo efectiva co apoio e a guía axeitadas; canto máis novato sexa o aprendiz, máis importantes son o apoio e a guía, ata o punto que a aprendizaxe por descuberta transmuta eiquí en instrucción baseada en bos exemplos.

Podes aprender de xeito efectivo mediante a aprendizaxe baseada en problemas?

O emprego de educación baseada en problemas para aprender coñecemento novo non ten un efecto positivo. Hai efectos positivos se empregas a aprendizaxe baseada en problemas para explorar a maiores e lembrar algo que o estudante xa coñece.

segunda-feira, fevereiro 05, 2018

O Testamento de Orfeo: Ramón Blanco (2)

Outro fío, quizaves de ideas, quizaves de néboa, lévanos da parte do noso mundo onde se pon o sol á parte onde nace: tanto o prólogo coma a cita/poema final son obra de autores chineses; o prólogo é un dos poemas máis sonados de Xie Lingyun, o Duque de Kanle, contemporáneo de Prisciliano e de Teodosio e fundador da tradición da Poesía Paisaxística (literalmente, shanshui, ‘montañas e ríos’) no Imperio do Medio; un bafo de melancolía escapa das liñas e percorre o noso libro, chegando no seu cumio aos outros versos, separados por 52 páxinas e mil cincocentos anos de distancia, de Wu Shu-teh; a separación tamén é conceptual: do esteticismo melancólico, aristocrático e budista do primeiro á rotundidade didáctica, militante e moderna do segundo. Porén ámbolos dous son ‘falsos amigos’, xa que a influencia chinesa preponderante que hai detrás de Se pedra na brétema é a dos alcumados ‘poetas brumosos’, unha xeración dos oitenta influída polas poesía occidental e as técnicas imaxísticas do modernismo e que rachaba, política e poéticamente, co realismo socialista e os peáns ao Oriente Vermello e a Mao Zedong no remol da Revolución Cultural e da matanza de Tiananmen. O alcume de brumentos, como tantas etiquetas artísticas, nacía con connotacións negativas: a de seren escuros e herméticos, fronte ás claridades evidentes da escrita oficial. Mais ás veces é preciso vestirse de néboa para aprender a ver. Nas verbas de Gu Cheng, no poema “Unha xeración” (“一代人”):

“A noite negra doume ollos negros
e emprégoos para topar a luz”.

A noite negra tamén deu o telón de fondo para unha outra luz “Aquela lámpada / a da luz azulada” que aínda alumea cando a escreben os versos de Ramón Blanco. Ou para a que emiten os seus ollos, “pergamiños iluminados”.

A conexión cos poetas da brétema é tamén persoal: 16 anos atrás asistíamos os membros do Colectivo Sacou á Celebración Mundial da Poesía – World Poetry Day no escenario de pedra e brétema de Santiago de Compostela, e entre os poetas aos que perseguimos e escoitamos –sempre esquecéndonos do seu nome- estaba Li Shizeng, alias ‘Duo Duo’, un dos sonados poetas destas ‘voces na néboa’, e que nos louva o evanescente cando dí, na ‘Luz de Veermer’:

“O que non se sabe, o non dito
é o estremo da beleza”.

Xaora, voltemos, en bustrófedon, ao rego de Ramón Blanco e os seus versos. Non só posmoderno Orfeo, ou Dionisos, o poeta de Cando engade no seu haber ao astuto Odiseo, que entre as súas viaxes percorreu Cimmeria, país de néboas perpétuas, e as portas do Averno; coma o navegante de Ítaca, o noso Ramón, nas aforas do Hades, contempla e comenta cun ollar preciso e sucinto o eterno devalar de todos, ‘baixo as uvas aínda verdes’, apoiado nunha ‘mesa de granito que semella lápida’, e pensando no vagalume atrapado na conca da súa man esquerda. O vagalume podemos ser nós, receptores deste banquete de palabras, ou a verba poética mesma, pirilampos de luz que escapan ate os nosos ollos. De calquera xeito, a luz que racha a brétema e préstalle á pedra o seu esplendor debémoslla a Ramón Blanco Fernández. Que esta luz, como a das taboíñas de ouro, testamento e talismán dos órficos, nos faga de pasaporte no inevitábel percorrido da tebra cotián e da definitiva. “Ela mesma permitirache beber da fonte sagrada. / Daí en diante gobernarás a carón dos outros heroes”

quinta-feira, fevereiro 01, 2018

O Testamento de Orfeo: Ramón Blanco

Eis a primeira parte da presentación que lle fixen ao poeta Ramón Blanco por mor da saída do seu último libro, Se pedra na brétema.


“Toparás á esquerda da casa de Hades unha fonte
e ao seu carón, un ciprés branco.
Non te aproximes á fonte!
Toparás outra, procedente da Lagoa da Memoria,
Burbulleando auga fría; hai gardas diante dela
Dí: ‘Son fillo da terra e do ceo estrelado,
Mais a miña raza é celeste. Vós mesmos o sabedes.
Estou reseco de sede e morrendo; concedédeme entón, prestamente,
Da auga fría que flúe da Lagoa da Memoria’.
E eles mesmos permitiránche beber da fonte sagrada.
Daí en diante gobernarás a carón dos outros heroes”.

Estes que acabo de citar non son versos de Ramón Blanco, anque ben poderían selo, ou quizaves un outro prólogo, non chinés, senón grego, de Se pedra na brétema.  Rescatados dunha lámina de ouro batido soterrada nunha tumba de Petelia, en Italia, forman parte dun pequena serie de textos relixiosos e fórmulas para a salvación da alma no Outro Mundo, unha especie de mini-‘Libro dos Mortos’ heleno conectado cos cultos mistéricos de Dioniso e de Orfeo. Bo introito, xa que logo, para a escrita de Ramón Blanco, un noso ao mesmo tempo secular e divino poeta que ten empregado a figura mitolóxica do Cantor que facía chorar ás alimañas e ás pedras e que descendeu aos Infernos para recuperar á súa dona; Ramón Blanco descende novamente, e por terceira vez (logo do Orfeu en soños do 2005 e da Emily on the road de 2012) para rescatar verbas do Sheol, e moldealas na terceira parte do seu Testamento de Orfeo.

O mito do camiño de ida e volta ao reino tenebroso é tan constante no imaxinario colectivo da especie (Izanagi e Izanami no Xapón, Gilgamesh nas historias sumerias, Quetzalcoatl nas mexicanas, Herakles, Teseo ou Eneas no mundo greco-latino, Dante ou San Brandán no noso medioevo ou nos relatos xamánicos de tódalas épocas) que un ten a tentación de retrotraer ás súas orixes á primeira aurora do pensamento relixioso dos humanos; sexa como for, é unha imaxe poderosa que inspirou a numerosos artistas (da palabra, da imaxe, da escultura, da música) ata acubillarse entre “estas paredes enredadeiras de humidade” que son a morada de Ramón Blanco. Dela sae o poeta-cazador dos peixes, racha as paredes do acuario húmido da memoria, e lembrando a pedra e a néboa, tece con elas un novelo de versos para nos deleitar, para nos ensinar, para facernos máis reflexivos, ou máis quizaves máis tristes; dende logo, máis sabios.

Unha posible lectura desta viaxe órfica estriba no rescate da memoria a través da palabra; un rescate que se nos antoxa paradoxal, pois a palabra mesma é fuxidía e fugaz, ave fénix canora que se extingue no momento de producirse; mais a escrita axuda a escaparnos do paradoxo: a tinta, ‘verme de luz’ fai que a palabra e aquilo que a palabra referencia, perdure; non calquera palabra escrita, senón a palabra poética, a palabra precisa, a complexa e fermosa tracería da linguaxe perfecta e artísticamente empregada que traduce e transmuta nun exercicio de alquimia ou nigromancia a brétema difusa do noso existir, do noso pensar, do noso ser, do noso dicir, en pedra sólida, mole imperturbábel, o sólido que non se eslúe no aire, ‘Só as palabras que aguantan o incendio non murchan’. O libro que hoxe temos entre as mans é un ben absoluto: o da vida fronte ao baleiro, a non-existencia, a nada. Arredor dos seus trazos de tinta, a páxina en branco e as marxes amagan a desaparición de todo o que somos, de todo o que fumos, de todo o que seremos. Mais antes de que chegue a noite, se é que chega, a verba vibrará: ‘Entramos na néboa e a linguaxe vaise esfiañando / peixes prata devorando a memoria paciente / mente unha pedra no útero da auga’.

terça-feira, janeiro 30, 2018

Libros do Mes


The Age of Confucian Rule: The Song Transformation of China de Dieter Kuhn

Ritual Texts for the Afterlife: Orpheus and the Bacchic Gold Tablets de Fritz Graf e Sarah Iles Johnston [E]

The Science of Discworld 2 – The Globe de Ian Stewart / Terry Pratchett / Jack Cohen

La Aventura de Contar de Filippo Annovi

The Vanished Library: a Wonder of the Ancient World de Luciano Canfora [E]

*Los secretos del número π de Joaquín Navarro

*Men of Mathematics de E.T. Bell [E] [R]

*The Troubled Empire: China in the Yuan and Ming Dynasties de Timothy Brook [E]

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

quinta-feira, janeiro 25, 2018

O Vernero que foi: Xaneiro '07

Na novela de Michael Moorcock 'The King of the Swords' -parte da primeira triloxía adicada ao Príncipe Corum Jhaelen Irsei- fai acto de presenza unha brétema maligna, the Cloud of Contention, que motiva sentimentos depresivos e homicidas nos que a perceben. Fitando atrás ás miñas vellas entradas do mes de Xano, cavilo en que eu mesmo estaba daquela no seu de tan perniciosa nube -not every cloud has a silver lining.

2007 ía ser un ano de peches e despedidas. Finaría con el a miña longa estadía en Compostela; finaría tamén o contacto co grupo de poetas 'comparatistas' cos que fixera boas migas nos anos anteriores, e que estaban a piques de dispersarse por Europa e os Estados Unidos a continuar carreiras académicas e literarias ás que non lles vían ningún futuro no noso país. Moitas longas xornadas e parolas dese inverno (e primavera, e verán...) desnovelaron conversas interminábeis nas que algúns deles tentaban persuadirme a seguilos nas súas Odiseas, a escapar dun futuro profesional e persoal coma docente de secundaria que eles vían acorante e estéril illa, na mellor liña de James Joyce e as súas tenebrosas lecturas da Irlanda natal. 

A calixe e o fuscallo tinxían tamén as miserias da miña vida persoal e afectiva, a amarga copa de absinta que gulapeaba grolo a grolo mentres as Fadas Verdes esluían e escapaban diante dos meus ollos etílicamente alucinados, para logo condensar en tristísimos textos literarios.

Os finais teñen un regusto agre, levan diante da Porta dos Novos Camiños que Están por Vir. Sen sabelo daquela, no 2007 finaba unha etapa valiosa e formativa, anque infeliz, que acabaría por confluír nun presente que puido encher os baleiros e pechar ocos, feridas e temores laborais e sentimentais que me perseguían -Santa Compaña- daquela.

quinta-feira, janeiro 18, 2018

Reto lector 1 - The Science of Discworld 2

Anque pareza mentira, confésome moi remiso a recomendacións, clubes e propostas de lecturas, quizaves pola mesma razón pola que cada día merco menos libros en librarías: soio ter cristalinamente claro o que quero ler (e ter), e aínda para iso non atopo nunca o tempo que necesito. Porén, e logo dunha desas suxerencias tan típicas das redes sociais que me fixo unha compañeira de carreira, considerei asumíbel o seu 'reto lector', xa que a amplitude das súas categorías poñía pouca eiva a incorporalo á miña práctica cotiá.

Para xaneiro o reto propón "un libro que tes pero que non leras", algo que no meu caso abarca a arredor do 60% da miña biblioteca. Escollín un exemplar de Terry Pratchett, parte da serie de volumes que fixo en colaboración con dous científicos (o matemático Ian Stewart e o biólogo Jack Cohen, magos honorarios da Universidade Invisíbel) e que mesturan a ficción do Mundodisco coa divulgación científica. The Science of Discworld 2 - The Globe non me decepcionou, anque iso era algo que xa agardaba; de feito, topeino aínda máis deleitador e instructivo do que o seu antecesor, que xa lera e disfrutara uns meses atrás. É que que inclúa a William Shakespeare, á Inglaterra Isabelina e aos Magos (éstes non honorarios) máis sonados de Ankh-Morpork é unha aposta segura para seducirme.

























Pregúntome, e non de xeito retórico, se algún día poderei rematar tódolos libros que posúo (e que acrecentan cada mes en alomenos 3 ou 4 exemplares). Quixera crer que sí, pero cada día tórnome máis escéptico...

quarta-feira, janeiro 17, 2018

Hispanici Libri - addendum

No caso de que algunha alma munificente pensara en empregar a lista duns días atrás para facerme un agasallo, que saiba que Ramón Blanco xa lle tomou a dianteira no que toca ao primeiro dos volumes, e que os pensamentos de Michel Eyquem en breve hanse sumar á miña biblioteca -da Tour de Montaigne á Casa de Muxía-.

sexta-feira, janeiro 12, 2018

segunda-feira, janeiro 08, 2018

Hispanici Libri

A día de hoxe, son poucos os volumes que merco en librerías. A preguiza e a distancia son elementos que contan, anque o máis decisivo é o repunante que me volvín: case todo o que merco está en inglés, e a poder ser, en edicións de tapas duras e bo papel, e con temáticas das que non hai moito en galego ou castelán: poesía chinesa e xaponesa anterior ao século XIX, matemáticas, clásicos anglosaxóns, etc...

Porén, algunhas cousas hai que, de andar máis por Compostela e as súas tendas, había mercar, e que seguramente vaia collendo nos próximos meses (e anos):

Ensayos (Galaxia Gutemberg)
de Michel de Montaigne, Javier Yagüe Bosch

Entremeses (Biblioteca Clásica RAE)
de Miguel de Cervantes

Los Cantos de Maldoror. Poesias (VARIOS GREDOS)
de Isidore Ducasse, Conde de Lautreamont

Poesía
de Luis de Gongora y Argote (Biblioteca Castro)

Mística. Tomo I.
Santa Teresa de Jesús (Biblioteca Castro)

La República De Las Letras (Acantilado)
de Marc Fumaroli, José Ramón Monreal Salvador

Cuando Europa Hablaba Francés (El Acantilado)
de Marc Fumaroli, José Ramón Monreal Salvador

La Alhambra (Alianza Forma (Af) - Serie Especial) Tapa dura – 4 dic 2006
de Oleg Grabar (Autor),‎ Jose Luis Lopez Muñoz (Traductor)

El cielo prometido: Una mujer al servicio de Stalin (Ariel)
de Gregorio Luri

Tristán e Isolda (Biblioteca Medieval Siruela, Tapa dura)
de Eilhart von Oberg, Gottfried von Strassburg, Victor Millet

Cantar de Mio Cid (Biblioteca Clásica RAE)
de Anonimo

La Cartuja de Parma (VARIOS GREDOS)
de Stendhal

Las Penas del Joven Werther (VARIOS GREDOS)
de Wolfgang Goethe (Tapa dura)

Vidas De Los Emperadores De Bizancio (VARIOS GREDOS)
de Miguel Pselo (Tapa dura)

Francisco de Quevedo. Poesía Completa (Tomo I) (Biblioteca Castro)
de Francisco de Quevedo