domingo, maio 23, 2010

Tarta de limón e merengue

Non pensedes que as reflexións da semana pasada eran algo meramente teórico, xa que saíron á luz mentres estabamos a facer na casa unha estupenda mermelada de froitas do bosque, escura coma o viño e o mar de Homero, e producindo a combinación doce-doce-aceda que fai brincar de emoción ás miñas papilas gustativas. Os seus compoñentes: moito azucre, arándanos, framboesas e grosellas vermellas.
Non deixa de resultar curioso o escaso atractivo que as froitas do tipo 'baia' teñen na península, coa excepción dos amorodos (Fragaria x ananassa) e, parcialmente, das framboesas (Rubus idaeus). En climas máis nórdicos, onde outras especies froiteiras non sobreviven, son en estremo populares, e cada país conta coa súa favorita: no Reino Unido descolan a uva / grosella espiñenta (Ribes uva-crispa, gooseberry) e, para salsas, o arándano vermello (Oxycoccos palustris, cranberry); nos Estados Unidos o arándano (especie Vaccinium, blueberry) e varias especies nativas (incluíndo unha variante da árbore da moreira, Morus Rubra); en Francia, o amorodo almiscarado (Fragaria moschata); no Mitteleuropa, as grosellas (Ribes rubra, nigra); no Báltico e en Escandinavia todas elas son adoradas e consumidas, pero convén destacar os amorodos salvaxes (Fragaria vesca; grazas, Bergman) e a que sen dúbida é a raíña de todas: a mora dos pantanos (Rubus chamaemorus, cloudberry, bakeapple), de sabor exquisito e acaramelado (se algún dos lectores conta con prantas dela, non deixedes de contactarme)...

Voltando ao eido das tartas, onte levamos a cabo unha típica receita anglosaxona: tarta de limón recuberta con merengue. Tamén levou máis azucre do que viña prescrito (e menor cantidade de zume de limón) debido a dúas razóns:
1) son un adicto terminal da glucosa
2) teño a teoría de que en xeral, os limóns galaicos (tódolos citrus, realmente) son máis acedos que os mediterráneos, dada a menor cantidade de sol e calor de que disfrutan eiquí.

quarta-feira, maio 12, 2010

Conservando froitas

Seguimos coas entradas gastronómicas. Nesta ocasión, trátase de aclarar un tupido e confuso bosque de termos arredor dos métodos de preservación da froita.
Nun pasado, tales métodos tiñan por finalidade a de alongar a vida útil das froitas, para consumilas fóra de temporada. Hoxe, as motivacións van máis na onda do 'gusto' e do sabor que o proceso de conservación engade á froita, case sempre facéndoa máis doce, untábel, etc...
Entre os métodos dos que dispoñemos destacan os seguintes:
1) Preserves: consisten en empregar case toda a froita (eliminando sementes e tona); dependendo do tamaño vai enteira e troceada.
A froita cómese 'enteira' (nos anacos que a compoñen).
O método consiste en cocer os anacos de froita nunha solución líquida azucarada (o almibre). A froita fica sumerxida en frascos coa sustancia doce, que fai de antibacteriano, e que se converte nun 'caldo doce' co sabor da froita.
En galego/español, a isto soemos chamarlle 'conservas' (anque se emprege como termo xeral, e máis para produtos non doces), ou 'froita en almibre'.
2) Confit / Candied fruit: é un método similar ao anterior. Neste caso, a froita (ou anacos de froitas) son cocidos ao longo de varios días (ou semanas) no almibre, co fin de ir saturando a froita de azucre e quitarlle o líquido. O resultado é unha forma pequena do froito.
Dependendo da froita empregada, é habitual conservar a tona e as sementes.
A froita cómese 'enteira', como coas conservas.
En galego/español, chamámoslle 'froita confitada'.
Unha variante, empregada con froitos secos (sobretodo améndoas) é o garrapiñado, no que a froita permanece crúa, facéndoselle unha envoltura, a partir de azucre caramelizado.
3) Jam: é o método máis universal. Emprega a froita enteira, anque troceada, os zumes desta, azucre e auga. Nalgúns casos (froitos que carecen dela), pectina como axente endurecedor.
O puré doce resultante soe comerse 'untado' (en pan, torradas, engadido a biscoitos, tartas...).
Aquí chamámoslle 'mermelada', o cal xera considerábel confusión (vid. marmalade).
4) Conserves: variante do anterior, que se soe caracterizar por manter a froita bastante enteira (na mermelada, convértese nun puré); soénse cociñar menos (o cal saca menos pectina das froitas, e fai que o resultado sexa máis 'liquido'. 'Conserve' tamén se empregan de xeito confuso para designar mermeladas que mesturan froitas e/ou noces na masa.
Aquí chamaríamoslle a isto 'mermelada de froita enteira', ou 'mermelada mixta'.
5) Fruit spread: outra variante da mermelada, na que o elemento característico é o de non engadirlle azucre á masa. Supoño que isto é un 'puré' de froita, untábel (se as froitas cocidas teñen moita pectina). Non se estila moito por aquí.
6) Marmalade: é outra variante da mermelada. Os seus elementos característicos son: soe facerse con froitas da variedade citrus, especialmente a laranxa amarga; en consecuencia, ten un sabor máis 'amargo', e na masa inclúese a tona da froita.
Esta 'inclusión' de elementos alleos á masa/zume seguramente levou ao emprego algo laxo da palabra para mermeladas que conservan pepita (por exemplo, strawberry marmalade, con elas, frente a strawberry jam, sen elas).
Na península non existe esta categoría separada como tal, con nome propio. Todo é 'mermelada'.
7) Fruit butter: Consiste nunha especie de 'puré' fino que se fai a partir de froita enteira (normalmente, grandes, coma mazás, ameixas, pexegos). Quéntase a froita ata abrandala, logo pásase por un colador e cócese rapidamente a polpa con azucre, dando unha masa uniforme.
Isto sería un puré sen mais por estos lares.
8) Fruit curd: Esta é unha peculiaridade inglesa que non teño visto noutros lares. É unha masa de recheo para pasteis (como a mermelada) que inclúe xema de ovo, azucre, zume e tona de froita. As empregadas soen ser limón, lima, laranxa ou frambuesa (ou as máis exóticas, mangos e froita da paixón). Nalgunhas receitas engaden claras de ovo e/ou manteiga.
9) Jelly: o definitorio desta modalidade é que só se empregan os zumes de froitas (non a masa), ao que se lle engade unha sustancia xelificadora (pectina, ou xelatinas industriais). O resultado é unha masa xelatinosa, doce, de cores e (con frecuencia) transparente. Nós chamámoslle 'xelatina', e consumímola moito menos que os anglosaxóns, cos que é un dos postres máis habituais.
10) coma unha variante a medio camiño entre a xelatina e a mermelada temos o doce de marmelo, cuxa variante portuguesa é, irónicamente, a que lle deu o nome a todo o grupo de 'mermeladas' (galego-portugués marmelada, doce feito con marmelos). Os ingleses chámano Quince cheese/jelly/candy. Como sabedes, o doce inclúe a 'masa' da froita en cuestión, anque dado o seu altísimo índice de pectina, o resultado é vagamente xelatinoso, e non se soe comer 'untado', senón coma postre, con queixo do país ou en solitario.
Unha saborenta variante deste doce témolo no Brasil, onde a falta de marmelos, empregan outra froita pectinosa: a goiaba. O resultado é unha pasta doce, similar ao doce de marmelo, anque máis avermellado: a goiabada. Outra é unha receita típicamente inglesa que emprega nísperos (o nispero auténtico, mespilus germanica, e non a variante áceda e doce que veu recentemente do Xapón e que tamén emprega o nome, eriobotrya japonica): o Medlar Cheese.

sábado, maio 08, 2010

Tarta de sementes de sésamo

Fai un mes que teño á repostería parada, por mor de non caer no perigo da obesidade mórbida...
Esta é a derradeira que fixen por aqueles días. A masa saiu moi rica, anque o recheo de sementes de sésamo é cousa de gustos. Cansa un pouco.
Nesta tarde grisalleira de chuvia, hai uns scones a facerse no forno. O contaxio da climatoloxía británica estende tamén á merenda, cunha cunca de té e estes famosos pasteliños con nata, manteiga e mermelada...

quarta-feira, maio 05, 2010

Badaladas

Parece que Suso de Toro acaba de dar unha ben sonada, que sumar a 13 das anteriores. Ao seu anuncio explosivo de abdicación da escrita profesional e retorno á docencia en secundaria seguiulle outro artigo no País onde explica algo máis pormenorizadamente as causas que o levaron a tomar esta decisión.
É innecesario engadir que a tal nova non é certamente positiva. Persoalmente, apenas me conto entre os lectores de Suso, que nunca me gorentou moito. Iso non quita que non considere que era unha figura (e que cumpría unha función) necesaria de normalización: a do escritor profesional galego, por contraste co tradicional modelo diletante e voluntarista ao que estamos acostumados. O seu fracaso, se como tal se pode considerar, non é só seu, e deixará un pésimo ronsel de inseguridades e dúbidas para aqueles galegos que queiran seguir un camiño coma o seu.
Poderíamos falar dos seus papeis como enfant terrible, ou conselleiro áulico de Zapatero; mais o que me chama a atención neste momento son os seus argumentos elexíacos sobre a desaparición de autores e autoridades dentro da literatura en xeral.
Digo que a postura de Suso me chama a atención, e aquí permitirédesme insertar unha anécdota persoal. Fai uns anos, en Berlín, tiven ocasión de falar brevemente co escritor que nos ocupa, co gallo dun congreso sobre literatura e cidade ao que asistía. No vestíbulo dun famoso youth hostel de Charlottenburg, escoltado por sex shops, cheiro de tallaríns e a grande estrela no edificio da Mercedes, parolábamos sobre a novela. Para o meu estupor, Suso insistía en que Joyce era, para el, un fracaso, ao tempo que andaba ás reviravoltas coa preocupación que lle producía a escasa venda da súa última novela. No seu momento, considerei a conversa un tanto cómica, mais visto en perspectiva, estaba por primeira vez diante dun escritor galego que realmente vivía dos libros que vendía (e que era lóxico que se preocupase polas vendas), e non diante dun profesor de instituto que se permitía o luxo nos seus intres libres de escribir algún que outro volume destinado á inmensa minoría (e aos almacéns da Xunta, claro). Tempo despois descubrín que Suso eran profesor en excedencia (ou sexa, deixara os liceos para vivir dos libros), e iso fixo bastante para aumentar o meu respecto por el (respecto que anos atrás collera un mal pulo inicial cunha pésima montaxe teatral de seu, 'Unha rosa é unha rosa'; mais diso xa falaremos noutra ocasión...). Mais agora parece que o Mr. Hyde docente tornou a apoderarse do Doutor Jekyll escritor...
Mais volvendo aos estados de shock, unha parte dese estupor berlinés vóltame agora cando leo a Suso queixarse do auxe e caída do intelectual-escritor, e da tiranía de mercado e espectáculo nos lares literarios. O asunto non é novo: alomenos dende o Romanticismo e o nacemento do 'escritor profesional', é unha figura que sempre pareceu estar en crise, anque ao longo do século XIX gozou de certos éxitos e prestixios, coma o seu posicionamento coma 'voz crítica' e autorizada da realidade. Do mesmo xeito, as fronteiras entre a alta e baixa cultura, e os perigos da súa disolución tamén parten daí, mais a derrota é neste caso, do XX, cando a sociedade aristocrática que instrumentalizou para sí a 'alta cultura' desaparece, cando as vangardas fracasan no seu plan alternativo de mesturar arte, vida e revolución, e cando o mercado capitalista e o Pop Art se converten en ultima ratio regum...
Meditar sobre os aspectos positivos e negativos que trouxo a democratización (que dos dous hai, anque con isto me arrisque a que me consideredes un snob ou un pedante) é de interese, mais escapa por completo as posibilidades deste formato e momento de escrita. Do mesmo que parolar sobre os problemas endóxenos e esóxenos que afronta un escritor en língua galega (isto, quizaves, para a próxima entrada). Fique só a cinza branca dun pequeno incendio: o das dúas revelacións inesperadas de Suso -a do mercado de antes, a do clasicismo de agora- sobre o fondo dunha vaga, difuminada tristeza. A musa literaria das nosas terras fai de modelo para o gravado da Melancolía de Durero. Aliás, sospeito que Suso non atopará nos institutos aos que torna modelos máis estables de autoridade e certidume, alén da estrictamente material para o docente (que non é pouco).

sábado, maio 01, 2010

Mutilado de guerra

O novembro pasado informaba do triste dano que a tormenta e impulso fixeron sobre unha feixoeira da horta. Actualmente, e maila agromar un chisco, a árbore segue presentando un aspecto lamentábel, tan antitético co seu ser orixinal outo, florecido e cheo de froitos...

A estas alturas da primavera, o dano segue, ou quizaves empeorou, como parecen apuntar as manchas de barola verde nas súas zonas expostas. Unha pequena galería de imaxes (esta que vos pego só unha mostra) e de consellos que me dan ao respecto varios especialistas en frutais tédelo eiquí.


O luns pasarei pola agraria, a ver o que me aconsellan alí, e para pillar a masilla cicatrizante. Non creo que me atreva a cortar polo tocón, ou sexa que xa veremos o que sae...

sábado, abril 24, 2010

Comunista do Mes - Dolores Ibárruri

Dolores Ibárruri, 'A Pasionaria', é unha figura pola que sempre teño sentido unha certa ambivalencia. Malia ser a figura máis famosa do comunismo ibérico, lástrana no meu imaxinario a súa perceptíbel pobreza intelectual e teórica (non escribiu ningún libro que sexa referenza político-filosófica, como si fixeron Trotsky, Mao, Luxemburg, Gramsci, Lukacs, Althüsser, E.P. Thompson e outros), e o seu dogmatismo estalinista, que a levou a participar na escabechina dos troskos peninsulares no ano 37.
De todas maneiras, e sendo xustos, hai que recoñecer que a maioría dos políticos comunistas non foron pensadores interesantes ou orixinais; que as virtudes de Pasionaria ían máis na onda do 'performativo' e teatral (o mundo do discurso, do mitin, da figura espontánea animando e facendo propaganda), alén das persoais; e que a postura do PCE durante a Guerra Civil era, visto en perspectiva, a máis intelixente e a máis correcta, fronte ao caos e o infantilismo suicida do POUM e dos anarquistas, ou a tosca inxenuidade do PSOE, que cría que o franquismo ía ser unha enfermidade transitoria.
Últimamente estiven a ler o primeiro volume das súas memorías, El único camino. Aproveito para sacar un dos momentos máis emotivos: a liberación dos presos de Asturias co triunfo nas eleccións do 36 da Fronte Popular.

-Señores -les dije-. Una cosa es evidente. Aquí no hay más solución que poner a los presos en libertad.
Preguntó el administrador:
-¿Quién asume la responsabilidad de ello?
-Yo, como diputada por Asturias.
-Pero hay presos comunes. ¿Qué hacemos con ellos?
-Ponerlos también en libertad. Ayer podrían Uds. haber hecho una diferenciación. Hoy, no.
-Tome Ud. y abra las puertas –dijo el administrador entregándome un manojo de gruesas llaves.
Las cogí, y sin aguardar a nadie corrí por los pasillos de la cárcel agitando las llaves en alto y gritando ya sin voz después de tantos ajetreos:
-¡Camaradas! ¡Todos a la calle! ¡Todos a la calle!...
El momento fue inenarrable. Estaba tan emocionada que no acertaba a abrir las puertas y tuvieron que ser los propios detenidos quienes las abrieron.
Como un alud se lanzaron a la salida. Todos querían abrazarme a un tiempo. Cuando los presos empezaron a aparecer en la puerta de la cárcel, fue la locura. Las madres, las mujeres, los amigos, los camaradas, se lanzaban al encuentro de los hombres que con tanta entereza y poniendo la vida en la empresa, habían luchado por la libertad y la democracia para impedir que España fuese una cárcel fascista.
Por primera vez, en la Cárcel de Oviedo, ni los oficiales de prisiones, ni la guardia, tenían nada que hacer.

terça-feira, abril 20, 2010

Parecidos Razoábeis

Cando hai dous anos andivemos por París, por mor do congreso Urbes Europaeae, unha das visitas que fixemos foi á basílica de St. Denis. Alí é onde se enterraban os reises de Francia, e o edificio é unha das primeirísimas pezas do arte Gótico francés -alomenos polo que toca á súa cabeceira, reformada baixo a dirección do abade Suger-.

Polo que toca á portada, esta sería ao parecer moi semellante ás que tiña a nosa catedral Románica de Santiago na época de Xelmírez. Podedes facer o contraste a través de maquetas e fotografías: esta dabaixo é unha das que saquei in situ:


De tódolos xeitos, o máis vistoso está nas vidreiras do interior, que pouco ou nada lle teñen que envexar aos conxuntos de Chartres, Notre-Dame ou a Sainte-Chapelle. Unha das que tamén retratei contén a famosa 'árbore de Xesé', ou xenealoxía de Cristo que tamén podemos ver en Compostela, no parteluz do Pórtico da Gloria. De volta ás xanelas parisinas, constatar que o bo do abade tivo a pequena vaidade de retratarse nela, no ángulo inferior dereito...

sábado, abril 10, 2010

Palabras Clave: Dialecto

Cando teño tempo, aproveito estes días para ler o libriño 'Keywords', de Raymond Williams. Este é unha especie de pequeno diccionario crítico: cen palabras 'problemáticas' cuxos cambios de significado ao longo do tempo estuda o autor. A tese de Williams é que os diferentes significados non deberan xulgarse dende parámetros de 'correcto-incorrecto', ou fidelidade ou non ás orixes; ao contrario, os significados son construccións sociais, e as mudanzas reflicten os debates ideolóxicos, a loita de clases, os cambios económicos, sociais e políticos e como éstes son conceptualizados e seguen a ser discutidos.
Un exemplo é a súa entrada sobre a palabra 'dialecto', que paso a colar e traducirvos eiquí:

Dialect chegou ao inglés a finais do século 16, dende a palabra francesa dialecte, con raíz no grego dialektos. O senso orixinario de 'discurso' ou 'conversación' xa experimentara unha ampliación na lingua orixinal para indicar un xeito de falar ou a fala do rural ou dos distritos. No inglés, agás certos usos ocasionais, pasou a especializarse no seu senso actual dende os séculos 17 e, especialmente, 18; un senso no cal non se trata tan só de lingua dun distrito, senón que, como dí o OED, trátase "dunha das formas subordinadas ou variedades da lingua que xorden de particularidades locais de vocabulario, pronuncia e modismos". A palabra clave eiquí é 'subordinadas', que debe entenderse no contexto da definición desta do OED: "variedade da fala que difire do estándar, ou da 'lingua' literaria".
Que nesta última definición apareza entre aspas a palabra 'lingua' pódese entender coma unha prudente reflexión a posteriori. O que toca discutir non é o feito evidente que os modos de falar diverxen en diferentes lugares dun país ou dunha zona lingüística, senón a confianza desa designación de 'subordinadas'. Isto emparenta de xeito estreito co desenrolo da idea dun inglés 'estándar' (vale para calquer outra lingua) no que un emprego escollido (no caso do inglés, por motivos de clase) pasa a converterse en autorizado e dominante ('correcto'). A referenza alternativa á 'lingua literaria' non se refire de xeito principal á linguaxe da literatura, no senso actual de escrita imaxinativa, senón ao senso máis antigo de linguaxe apropiada no senso de 'lingua educada, das clases cultas', e por riba de todo no tipo de escrita ao que ésta deu lugar.
As confusións resultan, entón, evidentes. Os primeiros empregos non teñen o senso de 'subordinadas'. Designan un lugar para indicar unha variación. De feito, temos usos dende 1635 no que a palabra dialecto é empregada co senso co que hoxe diríamos lingua: 'A lingua eslava é dunha grande extensión: dela temos moitos dialectos, coma o ruso, o polaco, o bohemio, o ilirio...'. Hoxe falaríamos dunha 'familia' de 'linguas nacionais'. De feito, é neste marco de estabilización dunha lingua 'nacional' e logo dentro do proceso centralista de creación dun estándar no que formas totalmente nativas, variantes auténticas e con longa tradición pasan a designarse coma culturalmente subordinadas. A lingua, vista dende un ponto de vista neutral, existe coma un corpo de variacións. Mais dentro dun proceso de dominación cultural, o que se proxecta non é só unha versión con autoridade, seleccionada, a partir da cal tódalas demais variedades son xulgadas como inferiores ou incorrectas, senón tamén unha noción prácticamente metafísica da linguaxe na que este existiría dunha forma alén das súas variacións reais. Así, non temos só o inglés estándar e logo os dialectos; nesta proxección teríamos tamén un inglés singular, e logo os dialectos do inglés.
Resulta de interese observar os axustes deste tipo de descripción dominadora, relacionándoos coas mudanzas das relacións sociais. Un bo exemplo disto é a transición dende o 'dialecto yanki' a 'Inglés Americano', que só se completou (nesta beira do Atlántico) a mediados do século 20. O caso é similar na frase habitual 'linguas minoritarias', que inclúe a implicación de 'menos importantes' no seu habitual emparellamento con 'linguas maioritarias'. Isto é outra forma de dominación. Existen realmente línguas de minorías; moi habitalmente, de minorías que chegaron a esa situación social porque o seu país ou lugar foron anexionados ou incorporados no seo dunha unidade política maior. Isto non as converte en 'linguas minoritarias' máis que na perspectiva do dominador. No seu propio lugar (se son quen de resistir o que habitualmente son presións moi fortes) non son 'línguas minoritarias', senón linguas coma calquera outra. De xeito comparábel, un dialecto é simplemente o xeito de falar nun determinado sitio.

quarta-feira, abril 07, 2010

Tarta de requeixo


É moi parecida á de arroz con leite, mais sen este último, evidentemente...

sábado, abril 03, 2010

Callinicas notas (3)

CAPÍTULO 2: MODERNISMO E CAPITALISMO

No segundo capítulo, C. tentará dar a súa visión das relacións entre o Mod. literario e o filosófico que, na súa opinión, ficaban mesturadas e incomprendidas nas teorizacións dos PoMos.
-Modernidade, transformación perpetua e acelerada. Capitalismo, Rev. Industrial. Marx: ‘todo o que é sólido esvae no aire’.
-Arte reflexa a rev. permanente de metrópole e industrialización (Rutmann, Marinetti)
-M. Berman: Modernidade como unidade paradóxica (promete e ameaza). Termo medio entre o Mod. literario e o desenvolvemento socio-económico. C. Parcialmente dacordo.
-Concepto teórico da Mod.: ven da Ilustración; vivencia cara o futuro, lexitima o novo, inspírase nos avances científicos. Convértese en Fil. da Hª cando os filósofos ven nas innovacións intelectuais (Newton) o motor do progreso social. Optimismo e racionalidade.
-Weber:a mod. leva á diverxencia estado e economía, e á racionalidade instrumental (que despraza ás normas tradicionais). W. é hostil a isto (falta de criterios para seleccionar os fins e control burocrático).
-Teorías posweberiás: Sociólogos (Parsons) crean un esquema abstracto e evolutivo de Modernidade. Xurdimento do mercado (diferenciación) permite + desenvolvemento e leva ao cambio de valores (nova estratificación social baseada nas novas funcións). C. É crítico co modelo porque 1) simplifica os contrastes Mod.-preMod.; 2) é ‘idealista’ (as ideas e crenzas levan aos cambios históricos); 3) é teleolóxico (USA como única meta de mod. para todos). Prefire o Materialismo Histórico porque 1) o concepto de ‘modo de producción’ é máis útil na distinción de formacións sociais diversas; 2) é ‘materialista’; e 3) non teleolóxico.
-Malia o dito, o concepto de ‘Modernidade’ segue a ser útil, asociándoo aos cambios que trae o cap. industrial. Mod.> civilización do desenvolvemento e dominio capitalista. Fronte a el érguense os discursos apoloxéticos (liberal) e críticos (románticos) que non son quen de abranguer a totalidade contradictoria do capitalismo.
-C. concorda coas críticas de B. Anderson a Berman, pero non co seu rexeitamento do Modernismo como etiqueta. Anderson elabora un triángulo de factores que determinan o arte nos anos 1890-1930, cuxos vórtices son 1) o legado das tradicións aristocráticas (orde semi-aristocrática; abano de valores contra os que medirse); 2) xurdimento de novas tecnoloxías (no seo dun capitalismo semi-industrializado) e 3) a proximidade imaxinaria da revolución social (movemento obreiro emerxente). Ou pasado clásico (aproveitábel), presente técnico (sorprendente), e futuro político (incerto).
-C. gusta deste modelo pero non comparte a idea da persistencia do Antigo Réxime (tal lectura recóllea Anderson de A. Mayer. As grandes guerras do XX serían a consecuencia da ‘radicalización das clases gobernantes’ e da dereita ante a perda de control e nova sociedade e política. As convulsións da época non serían o nacemento do novo, senón a agonía da vella orde feudal. Para C., esta visión ten sido refutada polos historiadores (v.g. Hobsbawm, co XIX como éxito burgués, no que o gran capital adopta a vida aristocrática e crea escolas de élite que fusionan ás élites novas e tradicionais nunha nova casta dirixente). Alén, a lectura de Mayer ‘exculparía’ ao capitalismo das guerras. O cap. NON nacería no 45. Mais ben temos que pensar nas contradiccións inevitábeis deste e no desenrolo desigual (Trotsky): o vello e o novo conviven, e as súas respectivas antinomias levan a unha escalada do conflito social denantes da Gran Guerra.
-Inglaterra como excepción: aquí a tensión do vello/novo é menor. A soc. burguesa está consolidada dende antes, e os terratenentes son prósperos).
-Viena ‘onde se inventa o século XX’ (Freud, Wittgenstein, Mahler, Klimt, Musil, Trakl), habitualmente tomada como excepción (Magris, J. Clair; mirada ao pasado, e non vangardista mirada ao futuro), é a norma. Tensións levadas ao máximo (capital moderna, burguesa, industrial - pais anticuado, feudal, rural; estado artificioso). O máis peculiar do caso vienés sería a debilidade da burguesía, lastrada amais pola súa forte presenza xudea nun contexto cultural de monarquía e cultura católica e barroca. Non se fusiona coa aristocracia. O arte sustitúe á acción (e nela funde a tradición barroca cun innovador e liberal cultivo do eu e narcisismo).

-O Mod. en xeral é idealizado pola trad. marxista máis recente. Mais hai visión críticas. Moretti: vangarda como neo-romanticismo (afastamento subxectivo da realidade; ironía estética; fuxida da vida pública); algúns retrucan que a política segue presente nos textos mod. de xeito implícito (Jameson, o ‘inconsciente político’)
-A fuxida sería doada de exemplificar. Dous textos: o friso Beethoven, de Klimt (arte no canto da vida) ou a novela Petersburgo, de Biely (lonxe da trad. novelística rusa, prácticamente ignora a rev. De 1905). O Mod. implicaría unha relación estética coa realidade unida a certa visión da arte como refuxio. Aliás, as 4 características definitorias de Lunn (vid. capítulo anterior) coinciden en autores con políticas moi diverxentes esquerda-dereita.
-Benjamin: dende o XVIII a arte independentízase (estatus autónomo), o que se reflicte no contido das obras a través dun esteticismo ou teoloxía negativa (Mallarmé, Baudelaire). Arte pura, sen función social ou clasificación temática. É unha resposta crítica á mercantilización.
-Lukacs xa fora o teórico clásico marxista ‘contra o modernismo’. A burguesía, segundo el, torna en clase reaccionaria, e o seu arte (mod.) en decadente, anque esteticamente atraínte.
-C. rexeita en boa medida estas visións. Non acepta un evolucionismo tosco vida social-arte; insiste nas condicións específicas, e no feito de que malia o Mod. sexa oportunismo subxectivado, isto non ten porqué ser un xuízo negativo. A arte mod. critica a sociedade capitalista (cfs., Adorno + o rexeitamento do arte como alleo á vida da maioría dos ismos).
-Bürguer: o Mod. leva a formas de rexeitar a soc. burguesa. Tanto co esteticismo (arte como refuxio dela) coma coa Vangarda (rachar coa organicidade da obra de arte e desafiar a separación arte-vida). O 1º crea a experiencia estética en rebelión contra o utilitarismo; os 2ºs unha praxe transformadora. As súas innovacións técnicas rompen coa obra orgánica (e coa idea dar arte como refuxio). Participar e fusionarse cun mundo social en efervescencia: o Constructivismo (colaborando na construcción da nova sociedade soviética), a Bauhaus (Gropius, nunha Alemaña de Weimar revolucionaria e + aberta á URSS que o resto de Europa). Berlín (coma Viena) é un centro de contradiccións. O seu arte (Brecht, Dadá, Nova Obxectividade) non é neutral nen esteticista.

-PERO a Vangarda fracasa. Na URSS destrúea o Stalinismo. En Europa Occ., o Fascismo. O fracaso da Rev. frustra o soño vangardista. Trala posguerra triunfa a mercantilización. Anderson: tralo 45, a vella orde semi-aristocrática morreu. A dem. burguesa e capitalista triunfou, e da paso a unha civilización fordista e de consumo e á Guerra Fría (fin da ambigüidade, do carácter novo do presente técnico e das alternativas e esperanzas dun futuro socialista).

sexta-feira, março 26, 2010

Callinicas notas (2)

CAPÍTULO 1: A XERGA DA POSMODERNIDADE

No primeiro capítulo, C. vaise dedicar a por en cuestión a utilidade conceptual do ‘Posmodernismo’ (de agora en diante, PoMo). A súa liña principal segue os perceptíbeis problemas de facer casar unha visión filosófica do termo (crítica da Ilustración, do progreso, relativismo) coa artística-literaria (onde ‘Modernismo’ significa cousas moi diferentes e engloba unha cronoloxía tamén distinta).
-Revolución vs. PoMo. A aceptación do PoMo implica a renuncia á primeira, dada a incredulidade nas metanarrativas Lyotardiá (incluída a emancipatoria)
-Lyotard rexeita o programa e os modelos da Ilustración, tanto os sinxelos coma os complexos (Hegel, Marx)
-Conecta coa tradición irracionalista (crítica romántica da Ilustración, Nietzsche, os Modernistas...). Non é unha gran novidade (coetánea coa propia Ilustración).
-PoMo, conciencia apocalíptica por oposición á fe na razón e na ciencia (L. Hutcheon)
-Reducir a ‘modernidade’ a iso implica ignorar o ‘Modernismo Literario’ ou pretender que este é ‘Posmoderno’.

-Modernismo Literario: fenómeno complexo e variado (Surrealistas, Modernism, Dadá, Constructivismo...). Algúns negan que se poida reducir a unha etiqueta conxunta.
-Lunn (e C.) aceptan como características: autoreflexión (v.g., Proust), simultaneidade e montaxe (Eisenstein, Picasso), paradoxo e desaparición do suxeito.
-Jenks: ‘PoMo en arte defínese pola dobre codificación e polo retorno á tradición’. PERO véxase T.S. Eliot (montaxe de voces, sincronía da tradición literaria).
-L. Hutcheon: ‘o PoMo en arte é + amplo no uso desas voces (metaficción) e antielitista’ (a prol da cultura de masas). PERO véxase Stravinsky, Eliot (influído polo Music Hall) e aínda aceptando o hermetismo dalgúns, non podemos reducir o Modernismo a discursos de mandaríns autocompracentes: Futuristas rusos, Surrealismo, Dadá (revolucionar a vida, non esteticismo).

-Unha liña distinta sería a dos que ven o arte PoMo como unha continuación (non ruptura) do Modernismo (ou alomenos, de tendencias e aspectos). Liña que segue (paradóxicamente?) Lyotard. Os dous momentos compartirían a súa persoal ‘reapropiación creativa’ do Sublime Kantián (recoñecemento e incluso pracer ante unha incapacidade recoñecida para acadar totalidades). A diferenza: o Mod. é nostálxico (consólase na forma e na nostalxia dun pasado no que a totalidade era posíbel) e o PoMo non (convertése nunha especie de ‘áscese’ para subliñar o irrepresentábel e o seu fracaso inevitábel en representar).
-Percíbese o gusto de Lyotard por meter no seu campo a Vangarda e as súas pulsións, visión totalmente oposta á doutros teóricos PoMos (Jenks, Jameson). ‘Joyce é PoMo’ para el (PERO Joyce emprega o mito e modelos cíclicos para crear unidades).
-Jameson: Joyce é Modernista. O definitorio deste sería unha certa centralidade da introspección e a experiencia subxetiva e persoal. Mais varios dos Mod. ingleses rexeitarían esa descripción; anque a aceptásemos, outras vangardas europeas problematízana (a interiorización remata por saír e conectar co contorno social: Freud, Klimt, Kokoschka).
-Scott Lash: PoMo como arte de superficie, ‘icónico’. PoMo inmanente dentro do Mod. mediante o Surrealismo. PERO ignórase a politización intensa e determinante do Surrealismo (e Dadá). Lash tenta asociar a ruptura benjaminiá da aura coas prácticas PoMo, pero encaixa moito máis coerentemente coa Modernismo máis clásico e coa práctica de Brecht e o seu teatro (moi difícilmente asociado a nada PoMo).

Conclusión: o discurso PoMo é incapaz de ofrecer unha explicación coerente que conecte a ‘Modernidade filosófica’ coa artística. Limítase a xerar clichés reduccionistas e unha lectura apocalíptica da cultura occidental (Nietzsche, Heidegger) repetindo desde os inicios os seus erros de base (razón, suxeito, progreso, ciencia, etc...). Visións alternativas (H. Blumenberg, sobre o orixinal e innovador da secularización e a aparición da modernidade). Despois de este exercicio de ‘crítica negativa’, C. promete no seguinte capítulo ofrecer a súa visión (presumimos que máis coerente) das relacións entre Modernidade literaria e filosófica.

Pastel de Laranxa

Este, pola contra, non me convenceu demasiado. A mestura da mel co zume de laranxa crea a impresión dos remedios contra a gripe. Qué se lle vai facer...

quinta-feira, março 25, 2010

Callinicas Notas

En xeral, teño unha memoria relativamente boa. De tódolos xeitos, a miña preguiza para tomar notas fai que o que no seu día era unha serie de imaxes e argumentos bastante claros vaia esvaecendo co tempo nunha sorte de néboa difusa de xeralidades. Lembro que o libro de Alex Callinicos 'Contra o Postmodernismo' me resultara bastante convincente nos seus argumentos, anque agora mesmo non me veñan á mente cales eran estes. É por iso que decidín facer unha rápida relectura do volume ir ir pendurando algunhas notas para futuras e rápidas revisións...

INTRODUCCIÓN

Xa dende as primeiras páxinas, Callinicos bota toda a carne no asador e deixa sentados os principios axiomáticos da súa crítica, que despois desnovelará en detalle. Os seus puntos principais son:

-O 'Posmodernismo' como etiqueta conceptual, teórica e explicativa é popurrí mal mesturado de tres tendencias diferentes en diferentes eidos, a saber: a) un novo movemento na arquitectura, preconizado por xentes como Robert Venturi ou Charles Jenks, que rexeitaba o modelo dominante desde a posguerra do 'Estilo Internacional' (Bauhaus, Le Corbusier, Mies van der Rohe), coas súas edificacións anti-ornamentais, xeométricas, racionalistas e utópicas. Eiquí a etiqueta 'Posmodernismo' propón unha arquitectura alternativa máis lúdica, que homenaxea e rescata elementos de estilos históricos anteriores e locais, e que tamén é receptivo aos gustos da cultura de masas ('Learning from Las Vegas'); b) unha serie de evolucións na filosofía continental que se deu en alcumar 'Postestructuralismo', protagonizadas por pensadores franceses coma Foucault, Derrida, Deleuze ou Lacan, e que teñen en común o rexeitamento da Ilustración e dos criterios de verdade, e as visións e teorías totalizadoras e homoxéneas da sociedade, dos suxeitos e dos discursos; e c) os discursos de certos sociólogos sobre unha presunta sociedade 'Postindustrial', caracterizada por cambios no modelo de consumo, descentramento, novas tecnoloxías, que terían acontecido dende os anos da posguerra e ata hoxe.

-Nos anos 80, este conxunto tería sido soldado e posto en conxunto como unha teoría unificada por varios pensadores (sobretodo Lyotard no seu libro La condition postmoderne), epígonos do postestructuralismo, que proclamaban a chegada dunha condición posmoderna caracterizada polo escepticismo perante as metanarracións (incluídas as emancipatorias), e que se sustentaba nos tres elementos denantes citados: unha base material (mudanzas económicas e sociedade 'postindustrial), teórica (postestructuralista) e cultural (cultura 'postmoderna'). Non deixa de resultar paradóxica que a chamada ao fín das Grandes Narracións se faga a base de crear outra: a dunha especie de fin da historia apocalíptico no que chegamos ao recoñecemento dunha sociedade pluralista e heterodiscursiva coma o mellor dos mundos posíbeis.

-Callinicos sospeita que o éxito destes discursos, malia a súa febleza intelectual, débese básicamente ao desencanto co fracaso dos cambios revolucionarios despois do 68 por parte da intelligentsia francesa, unido á súa integración a uns niveis de consumo elevados. Estaríamos a falar dunha especie de trahison des clercs, pola que os intelectuais abdican dunha posición crítica coa sociedade realmente existente e coas posibilidades de transformala, alén dos xogos privados estéticos, as resistencias 'textuais' e o 'fashioning of the self'.

Ao longo dos capítulos da obra, o autor irá progresivamente criticando cada unha das tres tendencias denantes citadas, ás que considera incorrectas e sobrevaloradas aínda antes da súa posta en común por Lyotard e outros. Mais diso falaremos na seguinte ocasión...

quinta-feira, março 18, 2010

Arredor da poesía chinesa clásica

"A énfase no importante rol da poesía no desenrolo da vida política e social foi (e aínda é) un aspecto central da tradición poética chinesa. De feito, seguramente se trate dun erro o de que se fale en calquera xeito que sexa de 'poetas' chineses. Resulta moi dubidoso que ningún escritor chinés de poesía se vise a si mesmo principalmente coma 'poeta' no senso occidental da palabra -como un individuo cuxa función principal é a de compoñer poemas. En China, a habilidade na escrita poética non é un logro educado de verdadeiro cabaleiro; é o requerimento para a admisión a tal estatus. E esta convicción foi institucionalizada de xeito permanente e regular a comezos da dinastía T'ang, cando a composición en dous xéneros poéticos (o fu e o shih) pasou a converterse nun requisito necesario para os exames públicos de acceso ao funcionariado.
A institucionalización da poesía, tanto idealmente coma a característica distintiva dun cabaleiro habilidoso coma de xeito práctico como un dos requerimentos do oficial de éxito, pasou a definir de xeito moi estreito o público para a poesía tradicional chinesa. Do mesmo xeito que a antoloxía Shih-ching constituíra o currículo base para Confucio e outros diplomáticos do periodo Zhou, igualmente continuou (xunto con outras seleccións posteriores de poesía) a formar parte do temario das oposicións para o servizo gubernamental. Malia que o currículo mudase de tempo en tempo, era considerábelmente uniforme para calquera xeración concreta de autores. Estes compartían unha educacion uniforme e uns obxetivos de carreira comúns que, tomados en conxunto, os definían coma un grupo social e literario -os literatos- que deu lugar a unha clase distintiva moito máis perdurábel e cohesiva do que calquera grupo similar da nosa tradición occidental".

Tarta de arroz con leite


Todo un éxito. Hai que repetila, algunha volta...

domingo, março 14, 2010

Hyakunin Isshu - Poema

Estes días pasados estiven a ler o Hyakunin Isshu, unha antoloxía clásica xaponesa de 100 poetas e 100 poemas compilada a comezos do século XIII por Fujiwara no Teika (el mesmo tamén un destacado poeta e compilador de antoloxías de importancia coma o Shinkokinshu ou o Chokusenshu). A versión que emprego é unha traducción coidadosamente anotada, comentada e ilustrada a cargo do profesor Joshua S. Mostow ('Pictures of the Heart: the Hyakunin Isshu in word and image'), grazas á cal puiden disfrutar dos poemas e aprender cousas novas sobre a poesía waka e as súas interpretacións ao longo do tempo.
A obra en cuestión converteuse co paso das idades nun clásico moi popular en Xapón, e nunha especie de compendio popular da antiga poesía cortesá (que era un couto pechado elitista e restrinxido tanto na creación coma no consumo). Parte desta popularización incluiu a difusión, dende o século XVI, de edicións ilustradas -co poeta e co poema en diferentes viñetas- e comentadas por extenso; a necesidade dos comentarios é obrigada incluso para nativos, dado o carácter suxestivo, de ocasión' e breve dos versos, e as dificultades de linguaxe e contexto histórico-cultural.

Imos a ilustrar a antoloxía co poema número 5, de Sarumaru, para (nunha entrada posterior) discutir algúns dos problemas de hermenéutica e interpretación que ten suscitado, e que tamén servirán de exemplo do resto da obra. Di así:

Cando escoito o brado
do cervo que chama pola súa parella
pisando a través das follas caídas
no máis fondo das montañas, entón sei que estamos no intre
máis triste do Outono

Oku-yama ni
momijhi fumi-wake
naku shika no
kowe hiku toki zo
aki ha kanashiki

sábado, março 06, 2010

Outra tarta...

Ou máis ben debéramos falar neste caso de 'Pastel', ou quizaves de 'Pan doce'. Déixase a gusto dos lectores. Este leva xenxibre e uvas pasas ben picadiños no interior, como se aprezará no corte transversal...

Unha pérola ao respeito da miña moza: 'Se fose escritora podería escribir un relato arredor dun pasteleiro marxista: fai doces para os ricos mentres agarda pola revolución!'.

terça-feira, março 02, 2010

Tarta de Mazá e Uvas Pasas


Esta fíxose un chisco máis complicada para o principiante pola masa (creo que se lle chama pasta flora), que ten o seu aquel para moldear e para extender...

domingo, fevereiro 28, 2010

Reseñas - The Economics of Feasible Socialism

[Inauguro un novo preámbulo para reseñas, no que figurarán título, autor, ano de publicación, editorial, unha puntuación entre 1 e 5 e un resumo nunha liña antes de pasar ao corpo principal do texto]

The Economics of Feasible Socialism, Revisited

Alec Nove

1991 (segunda edición), HarperCollins Academic

* * * * (bo)

Intelixente e seria proposta dun economista académico sobre como podería funcionar un socialismo 'realizábel'

Unha suxerencia impertinente levoume, uns días atrás, a consultar este volume, do que hai un exemplar dispoñíbel (e polo que vexo na ficha, moi pouco lido) na facultade de Económicas...
O libro en cuestión é un estudo de tamaño reducido sobre as posibilidades da construcción dun socialismo 'realizábel' nunha xeración. Nese senso, o seu ton polémico enfrótao a dúas bandas tanto co paradigma dominante (entón e agora) da Economía, cos seus popes neoclásicos (Friedman, Hayek, Mises) e a crenza axiomática na man invisíbel, no ben absoluto da competencia e o libre mercado e demais dogmas, coma coa Economía Marxista, entendida como realizada, no 'Socialismo Real' da URSS e satélites. O autor, afín ao socialismo no bo senso da palabra (aquel que alén dunhas siglas implica a vontade dunha organización distinta da sociedade e da economía), declara tentar nas páxinas do volume unha defensa do que podería ser un socialismo posible, cunha economía mixta e con democracia política, multipartidismo e diferentes formas de producción (empresa estatalizada, cooperativas, algunha privada). Un programa que sona moi fabiano, na tradición reformista anglosaxona, mais que o autor defende de xeito moi convincente.
Interesante é a mentalidade totalmente 'práctica' e antiutópica do autor, atributos que debo suliñar con eloxio. Tal espírito práctico lévao a oporse e a criticar de xeito duro as contradiccións ou os elementos excesivamente idealistas do Marxismo, dos que incluso un dogmático coma mín recoñece que se asemellan demasiado a cuestións de fe. Cousas como a idea de que co socialismo chegaremos, non se sabe como, a unha sociedade da abundancia inmediata na que non haxa desequilibrios entre custes de productos, nen xerarquías; na que o home 'novo' será desinteresado; na que o mercado será inútil, e sustituído por fórmulas libres de organización e planificación. Neste senso, Nove pon o dedo na chaga, e como Economista académico que é, adicáse a explicar porqué (por exemplo) toda alternativa 'pura' ao mercado (como a planificación soviética) implica coma correlato inevitábel unha estructura burocrática privilexiada, porqué moitos defectos que se lle atribúen ao capitalismo poden darse en realidade en calquer sociedade industrial complexa (alienación, diferenza de funcións e soldos, xerarquía) e cómo a teoría clásica marxista e a praxe dos países socialistas levou a vagas de escaseza, improductividade e desprezo polos desexos dos consumidores (alén doutros factores indexesables, anque non directamente económicos coma o terror e o goberno absolutista dunha minoría, empregando policias segredas e campos de traballo siberiáns).
A análise da teoría económica marxista e dos experimentos da URSS (a súa especialidade académica) ocupan capítulos importantes da obra: os dous primeiros, que sentan as bases para todo o que segue; Nos seguintes atopamos unha visión dos modelos levados á práctica noutros países europeos (moito máis variados que o caso soviético), reflexións teóricas sobre os procesos de transición de economías de mercado a economías socialistas, e unha lista final arredor de aspectos 'prácticos' e problemas aos que se terá que enfrontar unha posíbel construcción socialista no futuro, e a teor de todo o aprendido.
Pódese discrepar das teses do autor, ou non compartir o seu espírito resoltamente anti-idealista. Mais a perceptíbel empatía e honestide de Nove, o seu desexo real de formular unha alternativa socialista, o seu rigor académico (malia o cal o libro resulta entendíbel para leigos coma mín aos que a economía pon enfermos) e a fixación do autor cunha praxe (e polo tanto, cun proxecto que poderíamos presentar xa para a construcción dun socialismo, anque Nove sexa consciente das dificultades para convencer á xente co proxecto) resúltanme moito máis marxistas que as diatribas ultraesquerdosas que é doado atopar sobre estes temas, obra de autores moitas veces enormemente intelixentes pero ao tempo totais ignorantes sobre a disciplina economía. É parte dos problemas do legado de Don Carlos (poucos homes poden, coma el, dominar a un altísimo nivel 3 ou 4 disciplinas académicas). Por todo iso, non deixo de recomendarlle o libro a quen lle dea algo de importancia a estas cuestións...

quinta-feira, fevereiro 25, 2010

Tarta de Mel


Porque non se trata só de comelas, senón tamén de facelas. Don Carlos falaría aí de que o traballo é unha liberación de forzas produtivas, e nun futuro, un pracer. Polo momento, o pracer é comer a tarta...

sexta-feira, fevereiro 19, 2010

O Canto de Ulises

Moitos son os cantos e as personaxes destacadas da Commedia Dantesca. E cadaquén ten o seu episodio favorito. Un dos que máis poder suxestivo ten sobre mín é o Canto XXVI do Inferno, habitualmente coñecido coma o 'Canto de Ulises' por ser a figura destacada que o protagoniza.

O escenario de fondo é oitavo círculo infernal, adicado a castigar os crimes de fraude, o engano consciente aos demais (e polo tanto, na escala medieval un pecado moitísimo máis grave que os de incontinencia ou os de violenza). O círculo subdivídese á súa vez en 10 pequenos foxos, ou bolsas (Malebolge, as malas bolsas), cada unha das cales ocupa un canto (ou ás veces, dous). Fronte a outros espazos do Inferno, a case totalidade dos presos do oitavo círculo soen carecer de dignidade e nobreza: aparecen representados con certa comicidade burlesca (os políticos corruptos, cantos XXI-XXII) ou con desprezo, en castigos degrandantes e empregando para describilos rimas 'ásperas e duras' (celestinos, seductores, afagadores, canto XVIII). Unha notoria excepción será o canto que nos ocupa.

A oitava bolgia castiga en teoría aos 'conselleiros fraudulentos', e polo tanto, aos que fixeron un mal uso da razón humana e da súa intelixencia. Fronte aos brados e berros acostumados, o escenario é de total silencio. Os condenados atópasanse consumidos e agochados por lumes propios, creando un escenario que o poeta compara cos vermes de luz nunha noitiña de verán, ou con Elías arrebatado no carro ardente. O espazo, a visión e as comparanzas son solemnes, a aumentarán cando unha das lapas dobres sexa recoñecida como aquela que acubilla a Ulises e a Diómedes, os heroes clásicos que "dentro da chama así xemen / o engano do cabalo que fixo a porta / por onde saiu dos Romanos a nobre semente. / E chórase dentro a arte pola que, morta, / Deidamia aínda se doe de Aquiles, / e do Paladión tamén se porta a pena".

Segue un impresionante soliloquio de Ulises, emprazado por Virxilio, onde o Laertíada narra o episodio da súa morte e derradeira viaxe, descoñecida nos poemas tradicionais. As lapas collen forma de beizos, e ceivan a historia de cómo o heroe convence aos compañeiros do pequeno barco a sulcar por mares denantes nunca navegados; como cruzan os estreitos de Hércules e por cinco meses percorren as augas extensas ate chegar á vista da Montaña do Purgatorio. O sopro divino afunde entón á nave e o mar péchase sobre as súas cabezas: 'infin che 'l mar fu sovra noi richiuso'.

Os engados do Canto son variados. Un deles é ver a reescritura do mito clásico a través dos lentes escuros e deformantes da visión medieval, moito máis moralista que a grega, e que non é quen de perdoar a intelixencia do heroe. Antes ben, o Ulises dantesco aumenta o delito do fraude e da retórica enganosa co da presunción, rachando cos límites que a Divinidade lle puxo á humana razón. Tal delito é o que parece procurarlle se non a condenación, certamente a morte, death by water.

A imaxe que máis me seduce é, contodo, a da épica da navegación e do periplo mariño, que moitos anos máis tarde retomarían o valor dos lusitanos e os versos do seu mellor poeta. A breve descripción da viaxe, baixo un inmenso ceo nocturno que se confunde co mar, e baixo a única luz da lúa e de estrelas descoñecidas, aparece así nas liñas do Toscano:

e volta nostra poppa nel mattino,
de' remi facemmo ali al folle volo,
sempre acquistando dal lato mancino.
Tutte le stelle gia de l' altro polo
vedea la notte, e 'l nostro tanto basso,
che non surgëa fuor del marin suolo.
Cinque volte racceso e tante casso
lo lume era di sotto de la luna...

quarta-feira, fevereiro 10, 2010

P. de M.: O que di Zizek

Antes de comentar algunha das preguntas que deixábamos sen resolver na primeira das entradas desta serie, atopo apropiado empregar o recurso á auctoritas mediante un pequeno extracto dunha entrevista en Democracy, Now! do filósofo Slavoj Zizek. Se queredes disfrutar do completo parolar do esloveno, tédelo aquí.

Considérome un esquerdoso radical. Gusto incluso de chamarme, dun xeito cheo de matizacións, comunista. Mais creo que, como esquerdoso, un debe recoñecer o tamaño da derrota da esquerda nos últimos vinte anos. Esa á a conditio sine qua non dunha posíbel revisión. Ou sexa que si, alén das ideas simpáticas que suxiren persoas coma Stiglitz, Krugman, que básicamente prescriben un retorno ao welfare state Keinesián, e alén dalgunhas ideas económicas interesantes (anque non creo que sexan a solución) como a renta básica en Brasil, a cal é unha utopía de por si, penso que (ou venme a estraña e paranoica idea) quizaves esta crise foi provocada para que a xente vexa que, anque haxa unha crise, a esquerda realmente carece dunha resposta global.

quarta-feira, fevereiro 03, 2010

... And a bottle of rum

A última nova nun eido que sabedes que sempre me pon a lingua a pacer é o enfrontamento entre a editorial Macmillan (e nas sombras desta coma marionetista, de Rupert Murdoch, alias 'O Grande Satán' -e non me estou a referir ao de Songoku-) e o portal de e-commerce Amazon. A disputa viña motivada pola pretensión desta última por fixar un tope máximo ao prezo dos e-books (9 dólares con 99), que a editorial rexeita. As cousas foron a máis, e Amazon retirou temporalmente os libros de Macmillan da súa distribución, mais ao final tivo que recuar, dado o monopolio que ten a editorial en case tódolos seus títulos e o forte ruxe-ruxe das demais editoras poderosas do mercado.

O tema resulta coma sempre complexo, e ningunha das dúas compañías se move por amor ao arte. Amazon quere rendabilizar as vendas do seu e-reader, o Kindle, e para compensar polo seu altísimo prezo, necesita tirar á baixa con prezos moi económicos nos contidos. Ao tempo, busca consolidar a súa posición hexemónica na venda de e-books (para o cal está disposto a vender os e-books por debaixo do que lle custan, e con perdas, polo de agora). Macmillan busca o que tódalas editoriais: seguir mantendo o seu verdadeiro negocio, que son aínda os libros en formato físico, para o cal non lle importa manter prezos absurdos nos libros virtuais. Para eles, é mellor que non despegue ese mercado a que corra o risco de comerlle réditos e vendas dos hardbacks dos que viven.

De tódolos xeitos, non son quen de mirar os touros dende a barreira, xa que percibo que a postura da Amazon é máis razoábel e agoira melloras para o consumidor. Os editores seguen apegados (como antano a industria discográfica) ás inercias do seu modelo, alén de ter a santa vergoña de querernos cobrar ata 15 dólares por unha presada de bits (e xa falamos en varias ocasións de porqué, por moito que insistan, o e-book ten que ser MOITÍSIMO máis barato que o libro en papel (unha vez máis: propiedade limitada dadas as licencias DRM, necesidade de mercar unha máquina de lectura cara e obsolescente e de cargar esta, non-posibilidade de prestar ou de vender os volumes, aforro en gastos de produción e almacenamento, alén de rendas permantes mentres o libro virtual siga pendurado da Rede de Redes, etc...). Pretender (como di Macmillan) que é mellor unha oscilación de prezos negociábel é absurdo dende o punto de vista de que os 9.99 dólares de amazon xa son de por si un sobreprezo ao que considero xusto, anque aceptábel cunha certa resignación e para usos moi concretos (libros que só quero consultar ou ler unha única vez).

Visto o visto, fica agardar as novidades e confiar en que os editores acaben por coller sentidiño, e caer da burra, ou (isto é o máis probábel) a que as nulas vendas no mercado os fagan entrar en razón. Persoalmente, deséxolle todo o mellor ao mundo editorial, grazas ao cal (anque antes, grazas aos autores) podo disfrutar de moitos volumes que me fan feliz e limitan, cada un deles nun anaquiño pequeno máis perceptíbel, as sombras numerosas da miña ignorancia. Mais se proseguen co seu torpe neoluddismo, non me quedará máis remedio que entregarme de cheo á nacente piratería libresca, deixar de velos como (máis ou menos) honestos proveedores no canto de estafadores impresentábeis contra os cales calquer desprezo e ataque son válidos (é o que pasou coas discográficas), e decidir que se non están dispostos a cobrar os libros no que valen, vounos consumir de balde, sen darlles pataco, mentres tarareo en xesto de escarnio a vella balada pirata: Yo Ho Ho...

sábado, janeiro 30, 2010

Problemas de Marxismo

Como debera resultar evidente para tódolos visitantes desta bitácora, o Mantedor é un Marxista declarado e confeso, o cal non quere dicir que sexa parvo. Quero dicir con isto que ata eu son consciente de que a comezos do século 21, e despois de todo o que pasou no anterior, é necesario recurrir a algo que se asemella demasiado á Fe dos cristiáns (ou en todo caso, a formas de pensamento dogmáticas e irracionalistas, das que aborrezo) para manter unha confianza segura e optimista nas virtudes e na inevitabilidade do Socialismo. As explicacións materialistas da realidade que pretendan ser veraces e levar adiante o seu antigo proxecto de transformar o mundo teñen moito que mudar e que revisar se pretenden saír algún día da compracente e estéril innanidade na que levan soterradas dende fai alomenos 11 anos, senón máis...

Como tamén é ben sabido, o Marxismo como tal é un totum revolutum no que se conxugan, na súa teorización inicial, tres elementos: 1) unha análise económica da realidade con pretensións científicas, e que bebe da Economía Política clásica que desenrolaron os pensadores anglosaxóns; 2) unha lectura política a partires das condicións sociais e económicas que se sustenta nas prácticas da ala esquerda da Revolución Francesa e do nacente (no século 19) Socialismo; e 3) un artellamento filosófico do devir humano e das condicións do ser (humano, histórico, científico e do real) a partir dunha inversión materialista do pensamento hegelián, e herdeiro de toda a tradición da Filosofía clásica alemana.

Destes tres factores, o máis importante para min (e aliás, o que máis me aburre, como testemuñan longas horas de sufrimento e insomnio atado ás follas de Das Kapital...) é o económico; non só para min, pois Don Carlos tamén consideraba (It's the economy, stupid) que o modo de producción determinaba a superestructura, e polo tanto, que a economía remataba por crear, dalgunha forma un tanto confusa e en derradeira instancia, as diferentes clases sociais, as leis, o estado e a cultura. O pensamento marxista víase a si mesmo sobre todo coma unha ciencia que desenguedellara o funcionamento da economía neste e noutros periodos históricos, e que explicaba tamén cómodamente cara onde se camiñaba. Se o Marxismo falla como maquinaria de interpretación e predicción neste terreo, cae o seu piar sustentante, como na clásica estampa do castelo de naipes. Porque a forza persuasiva das ideas de Marx non está nunha política determinada (o socialismo artellou varias moi diversas) ou nunha filosofía (malia a importancia indubidábel das ideas, o Marxismo non pretende 'convencer' pola bondade dos seus argumentos e visións), senón nesa presunta análise obxectiva de como funciona a nosa sociedade, e en como pode (ou debe) funcionar e artellarse mellor. Nen sequera é tanto unha teima coa persuasión senón con verbas do estilo de 'necesidade' e 'inevitablidade'; a análise económica era a que facía do Marxismo algo 'serio' e cun proxecto claro, lonxe do iluso wishful thinking de anarquistas e pensadores burgueses atrapados nos seus peculiares labirintos ideolóxicos.

Pero o caso é que parece que perdemos a batalla da economía. E isto en dous terreos: tanto no predictivo como no competitivo, habida conta que durante boa parte do século 20 tivemos en pe rexímenes máis ou menos socialistas que tentaron implementar economías planificadas en oposición ás de mercado. O resultado foi, como hoxe resulta evidente, bastante desastroso. Dentro dun certo cinismo sobre a condition humaine, teño por certo que o Leste tería gañado a Guerra Fría se tivera producido maior benestar material nos seus cidadáns, á marxe da organización panóptica e represiva da sociedade...

Dúbidas máis que razoábeis no económico para as que agradecería respostas satisfactorias serían as seguintes:

-Porqué funcionan tan mal as economías planificadas?
- En qué medida se pode explicar a consolidación dunha clase media e as melloras notorias no nivel de vida dos occidentais cando a teoría clásica predicía a proletarización masiva da sociedade e crises crecentes que farían inviábel o capitalismo?
-Se o capitalismo non é sustentábel, onde van as súas crises? Porque esta que estamos lendo, con todo o seria que sexa, non ten trazas de apocalipse (nen sequera lle fai sombra á do 29...)
-É posíbel aplicar a teoría do valor/traballo dun xeito práctico?

sexta-feira, janeiro 22, 2010

O que estou lendo...



Certo é que a miña copia non é tan vistosa; conto con traducción ao inglés, e creo que dunha calidade bastante boa...

O libro en cuestión é o Wakan Rōei Shū (和漢朗詠集), ou 'Colección de poemas chineses e xaponeses para cantar'. É unha especie de Cancioneiro de Ajuda nipón, para o que tamén se perderon a maior parte das melodías.

Compilada polo poeta Fujiwara no Kintō arredor do 1013, a escolma inclúe fragmentos de clásicos da dinastía chinesa T'ang (sobretodo de Bai Juyi, moi aprezado no país de Yamato pola súa sinxeleza), poemas en chinés escritos por cortesanos xaponeses (kanshi; descola Sugawara no Michizane) e poemas en xaponés (waka; o autor máis destacado é Ki no Tsurayuki, á súa vez compilador do famoso Kokin Wakashu). Cáseque o soño trilíngüe dos nosos acomplexados políticos...

quinta-feira, janeiro 14, 2010

Aí lles doe - There it hurts them

Seguimos nestes días de vento e chuvia a darlle voltas ao indimenticabile borrador do decreto do galego onde, como é ben sabido polos lectores, e coa escusa demagóxica e irrealizábel da introdución do inglés na ensinanza, aprovéitase para xustificar de facto o que será unha hexemonía aplastante do castelán.

É unha mágoa que estropeen deste xeito unha ocasión para tentar arranxar a que sen dúbida é unha das (moitas) eivas do sistema educativo español: o mal que funciona para a aprendizaxe do inglés, convertido en auténtica koiné do mundo contemporáneo. A experiencia persoal cos habitantes de media Europa, outros mundos e parte de Portugal testemuña que, en efecto, a xente nova de máis alá dos Pirineos chega a uns niveis máis que aceptables na língua de Shakespeare. Dado que rexeito a hipótese de que os peninsulares sexan máis parvos, moitas cousas deben de fallar nas aulas. Unha alomenos podería ser o centramento en gramáticas e lecturas e a nula praxe oral (moito máis complicada para os mesmos profesores, tamén).

Tentar arranxar isto requeriría dunha serie de medidas que son inaplicábeis no actual marco educativo. Por exemplo, esixir a obligatoriedade de língua extranxeira sería seguramente ilegal coa lexislación vixente; e para o profesorado fixo cústame imaxinar 'estímulos efectivos' á marxe da obligatoriedade como para levar adiante a complicadísima labor de dominar unha língua foránea e dar clases nela. Incluso para un falante nativo e coa titulación académica pertinente (permítase a intromisión persoal e narcisista...), a experiencia non estaría exenta de complicacións e dificultades que non terías dando as aulas en galego/castelán.

No mellor dos casos, pois, todo este ruxe-ruxe rematará nun novo apartado de méritos para os sufridos opositores, e aplicábel aos concursos de translados e similares do profesorado fixo; un mérito que se poderá obviar seguramente con otros máis doados de conseguir a través do patio de Monipodio dos cursos conchabados entre as universidades privadas e os sindicatos...

domingo, janeiro 10, 2010

A Chandigarth de Le Corbusier

Cando en 1947 a India musulmana e a hindú parten destinos coma dúas nacións independentes, varios foron os territorios que ficaron partidos pola metade, a teor das eximias maiorías relixiosas que os habitaban. Na provincia de Bengala, por exemplo, a zona leste pasou ao estado islámico, e a occidental á Unión India. Similar foi a división do Punjab, no noroeste. A maioría (coa capital, Lahore) parou en Pakistán; co que lles quedou, os indios fixeron dous estadiños, Punjab e Haryana, e unha capital común para eles, noviña de trinque, símbolo do novo país: Chandigarth ("A cidade fermosa"), deseñada polo arquitecto modernista Le Corbusier.

A cidade, soño ou pesadelo segundo os gustos, é un escaparate da modernidade racionalista, con plan de cuadrícula, xenerosos edificios de cemento e anchas avenidas. Unha mostra representativa é o Pazo da Asamblea, abaixo retratado...

terça-feira, janeiro 05, 2010

Concepto de Medievo - Problemas

É ben sabido que en tódalas (mal chamadas) 'ciencias humanas', a ideoloxía dos investigadores funciona coma unha matriz explicativa e sustentante para dotar á materia e á investigación de sentido. Non se trata dun accidente ou dalgo que se poida realmente evitar. Todo o máis, podemos obrar con rigor e honestidade intelectual no emprego das ferramentas da disciplina, plenamente conscientes do qué, do cando e do como das nosas 'escollas radicais', e de que estas fan ao mesmo tempo de fachos de luz e de tecedoras de sombras dun xeito inextricábel.

As épocas e cronoloxías en Historia partellan plenamente desta problemática. Anque os historiadores refugan como da peste de toda caste de metainterpretacións e teorías globais da Historia, o certo é que toda periodización asume de xeito implícito (e cola de contrabando) unha visión dos feitos humanos, dos seus tempos e características, dos seus movementos e evolucións, incluíndo lecturas evolutivas, laudatorias e denigratorias. Tal é o caso sangrante do concepto de 'Medieval', do que me permitirei apuntar algunhas notas e ideas para o debate.

A palabra en cuestión xurde ao longo do século XV (a partir das formas latinas media aetas, medium aevum) e como parte dunha interpretación tripartita da historia por parte dos intelectuais humanistas do Renacemento. Fronte aos modelos dualistas, máis evidentes (pasado vs. presente), Flavio Biondo e Leonardo Bruni entre outros artellaron unha visión do mundo na que a un pasado greco-latino e idealizado seguíalle un periodo (inter)medio bárbaro e salvaxe, de retroceso ou desaparición das artes clásicas (sobretodo na arquitectura, na escultura e na calidade e pulimento do latín); a 'modernidade' asistiría a unha nova era de esplendor e restauración cultural, pechando así unha paréntese desagradábel á que se lle foron engadindo novos nomes alternativos e denigrantes ('Idade Escura', co que xa Petrarca atacara ao seu presente, ou Gótica', coa que Vasari censuraba o conxunto das artes medievais, e que certa novelística puxo de moda a comezos do dezanove).

Nos séculos seguintes, a evolución histórica e cultural non fixo máis que aumentar a negatividade. Así, coa Reforma Protestante, os luteranos pasan a asociar a Idade Media cun periodo de tiranía papal, quase-teocracia e corrupción da fe verdadeira na lameira de variadas supersticións. Coa Ilustración, a Idade Media asociouse por contraste con 'Idade da Fe', nun contexto no que a relixión ía véndose cada vez máis coma unha forma deficitaria ou simplemente falsa de coñecemento. As revolucións burguesas condenarían tamén ao Medioevo como a 'época do feudalismo', na que se instauraran formas malévolas de control e organización social e económica (a monarquía, os tres ordes, a servidume) que o presente traballaba afanosamente por derrubar...

No século XIX, nembargantes, comeza tamén noutros sectores sociais unha tépeda recuperación e revalorización do periodo. Tal recuperación é nun primeiro momento claramente reaccionaria: a Idade Media sería a época de orde e equilibrio sociais, de lexitimismo monárquico e de consenso relixioso, e oporíase a unha modernidade (liberal, industrial) que é rexeitada en diferentes grados dende os escritores e ideólogos románticos ata a igrexa católica e os absolutistas. Unha burguesía cada vez máis moderada era quen de rescatar un disfraz esperpéntico do Medioevo que se reflexa nos revivals arquitectónicos ou pre-rafaelistas e na novela histórica (Walter Scott). A orixe das linguas modernas na etapa en cuestión (e en moitos casos, das monarquías feudais que co tempo evolúen nos modernos estados-nación) tamén funcionaba como rescatador e lexitimador deste anaco do pasado.

Todo o cal e moito máis suscita non poucos problemas para a aceptación acrítica do Medievo como categorización produtiva na Historia. En qué medida sexa aplicábel a territorios non europeos, ou cales deberan ser os elementos estructuradores que marquen os seus límites, alén dos accidentes de deposicións e caídas (por exemplo: a lectura do medieval como 'a era do modo de producción feudal', que sería a proposta dos marxistas, e que non encaixa de todo coas cronoloxías clásicas) son aínda cuestións obxeto de encendidas discusións.

segunda-feira, dezembro 28, 2009

Reseñas - Kioto

Un préstamo de amigo puxo nas miñas mans fai pouco un libro de Yasunari Kawabata baixo o título de 'Kioto'. A edición inclúe alén da novela homónima (cuxo nome orixinal é 'A vella capital', en xaponés Koto / 古都) o relato 'A danzarina de Izu'. Por motivos de espazo non falaremos do relato, e da edición só comentar que é unha tradución indirecta do ano 69 a partires do alemán, co que seguramente se perda moito polo camiño.

Pódese dicir que Kioto é, como cabería agardar, unha novela de ambiente. Hai moitas obras que poñen a énfase nunha acción continua, perpetuum mobile co que manter ao lector distraído, e que apenas erguen un telón de fondo mínimo sobre o que corren e brincan as personaxes ao longo das súas variadas aventuras. Noutras, a acción resulta case un accidente, unha obriga molesta do oficio que apenas agocha que o protagonista é o mundo da novela, un cronotopo peculiar que seduciu ao narrador e que éste, mellor ou peor, tenta presentarnos vivamente diante dos ollos. É o caso do Gatopardo, de Lampedusa. E tamén é o caso desta peza de Kawabata, onde a ex-cidade imperial é o suxeito evidente que predica as súas páxinas.

En tanto se pode falar de acción, esta vese limitada a algunhas impresións e episodios ao longo dun ano da vida de Chieko, filla adoptiva de comerciantes en telas e kimonos da urbe. Neste prazo a protagonista descobre unha irmá xemelga biolóxica e navega un triángulo (máis ben cadrado) amoroso irresolto entre Hideo, un tecelán tradicional, e os irmáns acomodados Shinichi e Ryusuke. Podemos engadir algúns episodios dos seus pais, Takichiro e Shige, e unhas cantas visitas a xardíns, templos, festas, casas de geishas e bosques de cedros no arrabaldo norde da cidade, e a obra está feita...

Ou non. Todo o dito daría a impresión dunha peza costumista ou 'turística', e nada máis lonxe da realidade. Kioto é unha novela tremendamente xaponesa na súa forma, nas súas imaxes, nas súas ideas. As catro estacións e as súas mudanzas -tema realmente obsesivo nos autores nipóns- marcan o tempo e os cambios ao longo da obra, que comeza na primavera e remata no inverno; o compás acompáñano as diferentes formas da vexetación estacional: dende a fermosísima imaxe incial do arce fendido con dúas matas de violetas (metáfora que se verá despois das dúas irmás que aínda non se coñecen) aos tulipáns e árbores de alcanfor no xardín botánico, as cerdeiras en flor de Heian jingu ata as copas dos cedros, cubertas pola neve, erguendo un derradeiro penacho de agullas verdes coma simulacro de flores misteriosas. As 3 grandes festas da capital -o festival dos acivros, o de Gión e o das Idades) dan un equivalente humano e datas concretas para xogar coa memoria e cos encontros (respectivamente, de Chieko e Shinichi, de Chieko e a irmá, e da irmá e Hideo).

Igualmente xaponés, e sublimado aínda máis ao tratarse da 'vella capital' é o tema do conflicto entre o novo e o vello. De novo, un coñecimento someiro da historia xaponesa axuda a percibir que o Xapón é un país acostumado a modernizacións a marchas forzosas, e a unha complicada dixestión e conflicto dos choques que se producen. Kioto aparecería a priori como o escenario elexíaco onde o pasado, nos seus aspectos máis líricos e positivos (industria artesanal, casas tradicionais, beleza natural) parecería resistir a unha modernidade banal (a acción da novela está claramente apousentada nun periodo post 1950). E nembargantes, anque algo disto hai, a reflexión do autor é máis complexa. A cidade mesma é presentada como bastante máis aberta ás innovacións do que se podería crer. Di o autor "É sabido que a milenaria cidade foi sempre a primeira en adoptar as innovacións occidentais. Esta é unha das características dos habitantes de Kioto". Mais a adopción non deixa de ser irónica, e cítase para informar do primeiro tranvía do Xapón, que se segue a empregar na capital cando xa deixou de ser moderno e utilitario, e cuxa supresión da lugar a unha peculiar cerimonia de despedida, na que moitos dos viaxeiros viaxan nel durante uns días cos traxes da época Meiji (de 1868 a 1912). Esta mesma infiltración e absorción atopámola no pai da protagonista, Takichiro, que alén de dirixir o negocio de telas, deseña estampados; fortemente tradicionalista nos seus gustos e hostilidades ao moderno (os turistas americanos mercando cámaras de fotos e telas estandarizadas, as novas industrias modernas e as edificacións de cemento nas aforas), topa pola contra inspiración para novos deseños nos libros de Paul Klee ou Miró que lle agasalla a súa filla...

En resumo: Kioto é unha obra deliciosa, anque cun tempo e cunhas formas delicadas que só gorentarán moito a aqueles de espírito lírico e ornamental (o gusto intensificado polo ornamental é tamén unha característica moi habitual en moitas das artes e estilos nipóns) que desexen percorrer cos ollos da mente a vella capital. Entre eles está o comité do Nóbel, que na concesión a Kawabata non deixou de citar esta peza, xunto con País de neve e Os mil grous.

quarta-feira, dezembro 23, 2009

O libro dixital - A Modest Proposal

Pois seguimos ás voltas co tema, e non só pola pesadez recurrente do Mantendor de Trasalba; outras bitácoras, como a do amigo Mario, seguen a reflexionar, e moi ben, arredor do tema. Engado un pequeno feixe de notas arredor da venta futura dos libros dixitais, coa advertencia previa de que non son libreiro nen editor (seguramente eles terían cousas que engadir ou explicacións que pasar) e que a profecía é labor ingrata e pouco exitosa: carezo das mamelas de Tiresias e non gosto do Oitavo Círculo, bolgia número 4, onde teña que pasar a eternidade coa cabeza revirada...

Xa se falou das ventaxas e inconvintes dos e-books actuais, cun saldo certamente negativo, ao meu entender. Un dos xeitos de resolver o déficit paréceme que podería vir dado polas formas e tempos de edición. Vexamos...

Os editores protestan, cando se insiste no alto prezo dos e-books, que o seu marxe de manobra real é estreito. Querse dicir, se suprimimos os gastos inmediatos que suprime o formato electrónico (almacenaxe, que non é cousa pequena; papel e materiais; parte dos intermediarios) poderíase chegar a unha reducción non maior do 25% do custe final (si, a min tamén me resulta escasamente críbel, pero a efectos do debate, aceptemos que isto é así). E uns prezos do 75% do libro físico para unha presada de bits doadamente pirateábeis resultan inaceptábeis para o consumidor actual (máxime tendo en conta as limitacións de dereitos nas obras -licencias DRM- e o ter que mercar uns e-readers ben caros e cun alto porcentaxe de obsolescencia tecnolóxica en poucos anos).

O problema é que os editores plantexan a situación coma se fosen a preparar e a sacar libros só en formato electrónico. Unha lóxica máis racional sería a de considerar o e-book coma 1) o último eslabón da cadea formada pola saída inicial dun libro en formato caro (hardcover), seguida do paperback despois dun tempo e (o engadido que podemos facer agora) do e-book despois doutro prazo a maiores; e 2) unha fonte permanente de ingresos ata que a editorial deixe de existir, sen necesidade de recorrer a gastos a maiores de reimpresión e similares.

Cando saiu o formato paperback dos libros, moitos editores temían que a tal saída ía provocar a debacle e a fin dos libros máis careiros que venden. Nada máis falso: o mercador de maior capital segue accedendo directamente ao libro máis costoso tan pronto sae, e o mercador modesto (que en moitos casos nunca tería mercado o libro caro; non se trata só dos tacañóns) pilla máis adiante o volume de peto. O seguinte engadido lóxico sería un e-book moi barato (por forza máis que o paperback - nunca sobrepasando os 5 dólares/3 euros) que sairía moito máis tarde, e que non ameazaría as ventas dos anteriores. Alén, os custes de maquetación, escolla, promoción, etc... virían xa cubertos coa primeira das edicións, transferíndose ás posteriores. E un podería aceptar as 'limitacións serias' do formato (non impresión, non préstamo, etc...) dados os prezos e as alternativas.

Doutra banda, o consumidor de libros non ultrarecentes e/ou mainstream (díganmo a min, que ando estes días á caza de traduccións careiras dos clásicos xaponeses en tendas virtuais de segunda man) sabe que despois dun prazo limitado, xa non ten acceso a libros publicados por unha casa editorial. 10 anos significan quase-imposibilidade. É unha perda dos dous lados: os editores deixan de vender (e non farán reedicións ata ter garantías amplas de que van ten moitas ventas inmediatas), e os mercadores, de mercar. Os dous problemas resólvense coa descarga dixital permanente e a longo prazo, con ingresos pequenos mais sumativos e temporalmente alongábeis ata un futuro moi lonxano.

Tal é o que estiven a cavilar. De todos xeitos, son escéptico, mais xa veremos o que sae. Agradécense comentarios, críticas e ameazas de morte...

segunda-feira, dezembro 14, 2009

Dante nella Domenica

Un dos praceres favoritos do mantedor para as mañás de domingo é o de ler unha cántica da Divina Commedia dantesca. Partindo da edición italiana e inzada de notas de Mondadori (commento di Anna Maria Chiavacci Leonardi), dou comezo a un close reading que inclúe a lectura pausada do orixinal e das notas, o cotexo cunha versión española e a relectura final e sen pausa do canto de novo na lingua orixinal. O proceso leva aproximadamente unhas tres horas.

Anque para outros periodos seguramente me vería nunha tónica disonante con Harold Bloom, concordo plenamente con el en que o Alíxero é sen dúbidas o mellor escritor medieval que existe. E non só pola calidade dos seus textos, senón porque a súa obra encapsula e exemplifica mellor que calquera outra case tódalas características distintivas da escrita 'medieval': termos como alegoría, exempla, fusión clásica/cristiá encarnan de xeito plástico e ilustrativo nas súas tercinas.

Dende que teño uso de razón (non moita) debo confesar un fascinio absoluto co modo de pensar medieval, que non son quen de explicarme, mais que segue aí. A sección de retábulos góticos e románicos dun museo xamais me cansa, e ata o texto menos amábel é quen de arrastrarme e de entreterme. Acéptanse interpretacións psicoanalíticas do caso (anque teño a mesma fé no doutor Freud ou en Jacques Lacan que na transubtanciación, e a teoloxía entretenme máis).

Todo o cal conclúe nunha serie de entradas que penso facer sobre o pensamento medieval e os exemplos dantescos. A primeira entrada servirá para reflexionar sobre o concepto mesmo de 'Medioevo', non pouco criticado incluso polos especialistas nesa materia...

domingo, dezembro 06, 2009

Ilusionado co E-commerce

Do mesmo xeito que sigo nas miñas trece polo que toca ao libro electrónico, debo recoñecer que a Rede de Redes abriu enormes posibilidades no que toca á adquisición de libros tradicionais de papel. Neste eido as ventaxas para os que poidan lidiar coa língua inglesa son inmensas, e de feito levaron a que o 80 por cento dos libros que merco na actualidade sigan a estela das ondas virtuais.
Postos a navegar as ribeiras do lago da fada electricidade, varios son os portais desde os que podedes atopar volumes que evitan as librerías galaicas. Os que máis emprego eu son:

-Amazon: auténtica 'multinacional' do libro, inclúe un catálogo amplísimo de volumes a prezos moi económicos e sobre case tódolos temas imaxinábeis. Alén das opcións de 'primeira man', tamén conta con links a outros vendedores dos mesmos productos (novos ou vellos), moitas veces rebaixados. Aliás, os comentarios e reseñas axudan a navegar entre diferentes opcións do mesmo producto.
O Amazon que máis emprego é o de Estados Unidos, xa que os prezos soen ser máis baratos que o do anglosaxón, máis cercano (as taxas de cambio do euro co dólar axudan moito tamén). Os libros tardan arredor de 21 días en chegar polo correo 'barato' (unha semana dende o portal inglés).

-Abebooks: este xa é un portal específico para libros de segunda man, e foi o primeiro espazo de e-commerce ao que acudín. É especialmente bo para volumes vellos e descatalogados, os prezos son moi económicos e os gastos de envío soen ser menores aínda que os do portal anterior (case nunca pasan de 15 dólares, arredor de 10 euros; en comparanza, os envíos de paquetes equivalentes por correos ascende á frioleira de 36 billetes, facendo o e-commerce da península co exterior unha imposibilidade práctica).

-Ebay: esta é unha casa de subastas, anque moitas veces tamén permite opcións de compra directa do producto, ou de facerlle unha oferta máis barata ao seu posuídor. É o portal que menos emprego dos tres, e nembargantes tamén é moi útil ás veces para libros moi concretos que non atopas nos demais enderezos.

Mais alá destes focos, hai outras tendas menores que é oportuno visitar de cando en vez, para ver se ofertan os mesmos libros un chisco máis baratos (nesa pescuda, google é o teu amigo). Para os tomos en español, o equivalente na península sería o portal da Casa del Libro, mais non quedei moi satisfeito cos seus servizos, nen os recomendo agás que o que busques só o teñan eles (son lentos, non avisan se o libro encargado está ou non en stock -neste caso fanche agardar ata que llo traen da editora- e a maioría do que teñen telo tamén nas librerías de Santiago).