sábado, março 15, 2014

Mostly Miniatures

Repasando o tema de Arte Islámica, descubro que no apartado de miniatura tan só se mencionan dúas obras: as ilustracións das 'Estancias' de Hariri por Wasiti e a imaxe da 'garza que leva ao cangrexo a un lugar seguro', de Calila e Dinma.  Ámbalas dúas son obras que descoñezo, malia que no último ano, e por obra e gracia sobretodo de Orhan Pamuk e da súa novela 'Chámome Vermello', pasei a estar algo familiarizado coa miniatura persa e a súa derivada, otomana. Anque a persa é a que representa o maior esplendor do xénero, é bastante serodia (posterior ás invasións mongolas do século XIII, e acadando o máximo desenvolvemento creativo e artístico nos séculos XV e XVI) polo que imaxino que os dous exemplos que aparecen no temario son de miniatura árabe, restos excepcionais nunha tradición en xeral iconoclasta e anicónica, e a maoría de cuxas obras terían desaparecido en todo caso no saqueo de Bagdad a mans dos citados mongois (contan as crónicas que o Tigris mudou eses días á cor negra, pola tinta esluída de milleiros de manuscritos destruídos, e á vermello, polo sangue verquido na matanza).

Navegando a Rede, xa que logo, descubro que o tal Hariri é Muhammad al-Qasim ibn Ali ibn Muhammad ibn Uthman al-Hariri, máis brevemente coñecido coma Al Hariri de Basora, cidade de triste memoria polas recentes guerras e disturbios do Iraq. Descubro que o seu periplo vital abarca a segunda metade do século XI e comezos do XII, e que alén de escritor e poeta, serviu de alto cargo na corte dos turcos Seljuquíes. Descubro tamén que, alén dun poema sobre erros gramaticais, a súa obra máis destacada, escrita nunha especie de prosa rimada (Saj‘) chámase en realidade "As Asambleas" (Maqamat), un xénero entre a retórica e a picaresca no que un lercho crisóstomo alcumado Abu Zayd de Saruj protagoniza un medio cento de calotes.
Canto ao ilustrador da obra, Wasiti sería Yahya ibn Mahmud al-Wasiti, un artista do século XIII nado na cidade de Wasit (de onde ven o seu alcume). Buscando as súas obras, recoñezo unha clásica que aparece en case tódolos libros de historia e que debe ser unha caravana de peregrinos ou comerciantes. Outra que se me fai coñecida é esta escea de soldados dacabalo. Outras esceas con barcos, xardíns, banquetes, camelos ou mezquitas non me resultan familiares.   

O segundo exemplo custoume máis atopalo. Coñecía o Calila e Dinma como unha traducción e colectánea de contos patrocinada por Afonso X o sabio (unha obra de longuísimo percorrido, xa que tería nacido como Panchatantra na India, pasando logo ao Pahlaví e Siríaco, logo ao Árabe, recalando finalmente no Castelán). A fábula do cangrexo e a garza (porque fábula é) podedes lela aquí. A miniatura foime máis difícil de topar. Ao parecer, é persa, e non árabe. Aparece nun manuscrito de Kalila e Dimna do Herat (actual Afganistán) datado da primeira década do século XV e conservado na Biblioteca Gulistan de Teherán.

Para rematar, engádovos unha miniatura dun zodíaco ou tratado astrolóxico persa, unha de cuxas ilustracións me resulta familiar dende a nenez por un libriño de astroloxía que teño dende vai máis de 20 anos. Ao parecer, trataríase dun manuscrito exipcio dos séculos XIV ou XV que reproduce un tratado persa do século IX: o Kitâb al-Mawalid de Abu Ma'shar (o 'libro das natividades', ou 'das revolucións dos anos de nacencia').    


sexta-feira, fevereiro 28, 2014

Libros do Mes

The Great Learning (Dà Xué) de Robert Eno (tr.) [E]

The Cambridge History of China vol. 3: Sui and T’ang China de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E] [R]

Daily Life in Traditional China: The Tang Dynasty de Charles Benn [E]

Bordados de Marjane Satrapi [K]

Sui-Tang Changan: a Study in the Urban History of Late Medieval China de Victor Xiong [E]

*The Poet Shen Yüeh (441-513), the Reticent Marquis de Richard B. Mather

*Crónicas de Jerusalén de Guy Delisle [K]

terça-feira, fevereiro 25, 2014

Utilitas

Unha pregunta recorrente á que se ven sometidos todos aqueles (profesores e alumnos) adicados a calquera das disciplinas humanísticas é a sonada "E xxx (póñase aquí o eido de coñecemento en cuestión), para qué serve?". O certo é que os interpelados non soen ser quen de formular unha resposta mínimamente satisfactoria, polo que imos ir facendo eiquí un ensaio dunha para futuras ocasións e solicitudes que me poidan afectar.

Creo que foi na última gramática inglesa da carreira cando os nosos sufridos profesores nos explicaron algúns conceptos interesantes de gramática do discurso. Entre eles, o das afirmacións implícitas agochadas tras preguntas a afirmacións secundarias. Por poñer un exemplo: cando nun interrogatorio policial, o interrogador lle espeta ao acusado: "Veña, confesa!! Onde agochaches o corpo?", o acto de fala implica unha tese previa que o enunciador pretende que se acepte como verdadeira, evidente e non suxeita a discusión (neste caso, 'o acusado matou a unha persoa'), pero que non ten porqué ser verdadeira ou aceptada pola outra persoa. Neste caso, a tosquedade da estratexia resúltanos evidente, mais noutros eidos pode resultar moito máis insidiosa.

Cando se pregunta "Para qué serven as humanidades?", topámonos con este proceso en plena actividade. A tal pregunta leva aparellada unhas ideas implícitas asociadas a unha ideoloxía e un xeito de pensar (o da sociedade tardocapitalista actual) que non por estendidas se volven necesariamente verdadeiras. O máis senlleiro dos conceptos implícitos que se agocha detrás desta pregunta é que o saber (en calquera das súas variantes e disciplinas) só debe adquirirse (ou, alomenos, aprenderse en institucións educativas) en tanto en canto permita transformarse de xeito máis ou menos inmediato nunha fonte monetaria e/ou de acceso a un posto de traballo 'bo'. Tódolos saberes que non permitan isto pasan a estar estigmatizados como ínútiles' e indignos e inmerecentes de seren impartidos e estudados. Por suposto, esta é a formulación máis tosca, instrumental e materialista dunha visión do mundo que, porén, en formas mitigadas, chega moito máis alá, afectando incluso ao pensamento de estudosos, científicos e persoas en xeral doutras esferas e actividades.

Antes de comezar, polo tanto, a dar unha resposta á pregunta de "Para qué serven as humanidades?", convén aclarar estas ideas implícitas, e afirmar que rexeitamos o a priori de que só o 'utilitario' é digno de estudo. Moitas e moi importantes esferas e cousas beneficiosas para o home non son convertibles directamente en productos e servizos útiles sobre os que se pode cobrar unha taxa e gañar un diñeiro: o aire, por exemplo, resulta necesario e gratuito (de momento; non lle deamos ideas ao goberno); unha paisaxe natural e/ou monumental-arqueolóxica na nosa veciñanza produce un benestar en varios niveis (ecolóxico, estético, histórico, cultural, mesmo turístico) que non sempre se pode cuantificar en números e billetes. A reducción de tódalas relacións e actividades humanas 'relevantes' ás de compra-venta é porén tan só a enfermiza e esaxerada manifestación da enfermidade e do marco ideolóxico no que nos topamos temporalmente inseridos.

Porén, non chega con que afirmemos isto. Aplicando unha vella categoría marxista, resultaría relevante distinguir entre valor de uso e valor de cambio para que digamos que anque rexeitamos a subordinación da maioría ou das máis relevantes actividades sociais e intelectuais a conseguir o segundo, non necesariamente facemos o mesmo co primeiro. Mais diso continuaremos falando noutra ocasión.

domingo, fevereiro 09, 2014

儒家

Dun tempo a esta parte, o mantedor descubriu un certo fascinio polo Confucianismo, como unha parte non pequena da súa máis xeral atracción cara a cultura clásica chinesa. E anque un forte escepticismo racionalista me imposibilita polo xeral aprezar as relixións máis alá de como interesantes fenómenos estético-culturais, hai moitos elementos nas doutrinas do mestre Kung e os seus seguidores que axudarían a convertilas no meu credo se me vise tentado de adoptar unha confesión.

Entre os elementos que me atraen do credo estremo-oriental, poderíamos citar os seguintes:

1) O seu carácter mundanal. A relixión confuciana cifra o seu fin no 'reino deste mundo'. Lonxe de amplos panteóns, alambicadas teoloxías, paraísos e infernos, a liña dominante do confucianismo négase a falar da posibilidade de deuses ou de posibles vidas despois da morte ("O Mestre nunca falaba de prodixios, violencia, desordes e deuses"). Entre os seus seguidores, as atitudes cara a trascendencia van dende o agnosticismo escéptico ata a crenza nunha forza cósmica impersonal e benévola con maior ou menor capacidade de influencia nos asuntos humanos.
É por iso que para moitos occidentais, o Confucianismo aseméllase máis a unha filosofía ético-moral que a unha relixión strictu sensu. Porén, o certo é que sí contén moitos elementos relixiosos, anque dentro dun concepto do relixioso algo alonxado do occidental, e do que non temos tempo para falar hoxe.

2) O seu activismo social. Relacionado co punto anterior, o eixo fundamental das doutrinas de Confucio é ético: o seu obxectivo é crear unha sociedade xusta e equilibrada sobre a terra, onde os humanos vivan en harmonía e cultiven ao máximo as súas virtudes. Este cultivo do eu non é, porén, un narcisismo ao xeito posmoderno. A mellora do individuo (que aprende a controlar as paixóns, a percibir o verdadeiro e a comportarse de xeito ético) proxéctase necesariamente cara o exterior. Non chega con converterse nunha persoa cultivada: o confuciano sente a obriga moral de influír e axudar aos demais a progresar tamén nun camiño de progreso onde todos temos o potencial natural de converternos en sabios. O ideal do 'sabio' está exento en xeral de supernaturalismo: é o home que conseguiu dominar as paixóns e os desexos que cegan aos 'homes pequenos', que ve con claridade e que necesariamente traballa por mellorar a comunidade á que pertence a tódolos niveis (familiar, local, nacional, mundial). Do mesmo xeito que para Aristóteles, o ser humano é para Confucio un 'animal político', que só pode vivir (e realizarse) na relación cos demais seres da especie.
Dentro deste activismo social, soe haber un forte elemento de 'solidariedade e apoio aos débiles e explotados', aos que o gobernante ten a obriga de protexer, baixo pena en caso contrario de ser un tirano que perdeu a lexitimidade para gobernar ( 'Mandato do Ceo') e que merece ser deposto.

3) O seu aprezo polo pasado e as súas manifestacións culturais, estéticas e textuais. Moi diferente do noso culto ilustrado pola modernidade e o progreso, o pensamento tradicional chinés (coma o de moitas outras partes do mundo, incluída a nosa tradición xudeo-cristiá) tende a situar a utopía no pasado, e non no futuro. No Confucianismo, idealízase o periodo de bo goberno, na remota antigüidade, dos 'Reis Sabios' Yao e Shun, e o periodo de comezos da dinastía Zhou (o goberno dos reises Wen, Wu e Cheng e do bo ministro Tan, o Duque de Zhou). O culto a este 'idade dourada', cando tódolos homes eran virtuosos e non había necesidade de leises e castigos leva a un respecto reverencial polos fragmentos culturais dese pasado (ritos, textos, poemas, música), dos que os Confunciáns serán fervorosos depositarios. Sen chegar a este estremo, Fravernero valora tamén cunha devoción case idolátrica as diferentes produccións artísticas, literarias e filosóficas da humanidade, e anque non cré en utopías no pasado, tamén descré que o 'progreso' sexa sempre positivo, e o presente, en tódolos aspectos, mellor do que tivemos antes.

4) O seu aprezo polo estudo: As diferentes escolas non están dacordo arredor da bondade (Mencio) ou maldade (Xunzi) da natureza humana; porén, sí concordan na crenza de que tódolos homes conteñen o potencial (e a obriga) de mellorar moral, estética e intelectualmente (o Confuciano, a diferencia do occidental, non distinguiría tallantemente entre as esferas do correcto, do fermoso e do verdadeiro), e en consecuencia, o Confucianismo valora enormente a educación, a aprendizaxe, a ensinanza. A educación intelectual e moral é o piar no que sustentaba a praxe mesma do Mestre.     

5) Os seus valores meritocráticos: a sociedade ideal confuciana é unha na que os humanos aprenderon a comportarse solidaria e humanamente consigo mesmos (o concepto clave é o de ren, 仁, que soe traducirse por 'humanidade', 'solidariedade', 'altruísmo'). Nesta sociedade, os máis avanzados na virtude son os que deben gobernar, mais non recurrindo xamais á forza (potestas) senón mediante a admiración e emulación que produce a súa virtude; esta virtude (en chinés, de ) percíbese como unha especie de forza ou capital carismático, unha auctoritas que leva aos menos virtuosos a obedecer de bon grado e a emular ao seu posuidor.

Non está exento, porén, o Confucianismo de cousas que me desagraden, ou cuxa importancia e uso non valoro ou entendo mal (a importancia do ritual, a excesiva tendencia á xerarquía, á subordinación da muller e ao servilismo co poder establecido), mais contando tódalas cousas na balanza, non deixo de sentirme atraído por este 'humanismo chinés' do que día tras día aprendo (e quero aprender) máis.

sexta-feira, janeiro 31, 2014

Libros do Mes

Como xa percibiríades, as miñas lecturas reducíronse de xeito notorio por mor dos exames -que teño que preparar de novo-, e aínda han diminuír máis, anque agardo que as entradas sobrevivan, cun chisco de esforzo...

The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E]

as edicións de Sir Gawain and the Green Knight de J.J. Anderson e de Marie Borroff [R]

The Vermilion Bird de Edward H. Schafer 

*The Cambridge History of China vol. 3: Sui and T’ang China de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E] [R

domingo, janeiro 26, 2014

Caligrafía Mongola

Entre as incorporacións do ano pasado á lista de Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO estivo a caligrafía mongola, unha arte refinada e en perigo de extinción por mor, entre outras cousas, deses malvados soviéticos que cando independizaron a terra de Genghis Khan da China impuxeron, de paso, e xunto co Marxismo-Leninismo, os caracteres cirílicos, que aínda hoxe son a moneda circulante na escrita do país. Porén, hai que lamentar que estas incorporacións non inclúan a publicación de catálogos, libros e videos arredor das devanditas artes, co gallo de poderen disfrutalas e, anque sexa indirectamente, contribuír á súa preservación. Entrementres, consoládevos coas imaxes que vos adxunto...



quinta-feira, janeiro 09, 2014

A anterga Cantón

"No século oitavo, Cantón tiña unha poboación de arredor de 200.000 habitantes. Era unha cidade cosmopolita cunha enorme clase mercantil, fundamentalmente de orixe indochinesa, indonesia, india, cingalesa, persa e árabe. Este próspero porto sufriu dunha variedade de calamidades endémicas. Unha destas era o lume, que de cando en cando asolagaba as construccións de madeira, bambú e palla ata que en 806 un gobernador obrigou á poboación a instalar tellados de tella. Outra das pragas era a piratería: un asalto feroz de árabes e persas en 758, seguramente dende unha base na illa de Hainan, arruinou o comercio da urbe, mais Cantón recuperouse a comezos do século noveno, e mántívose bastante próspera ata que Huang Ch'ao, o heroe dos campesiños, a saqueou, conseguindo deste xeito rematar cunha importante fonte de ingresos para a corte imperial. A terceira praga da cidade era unha oficialidade corrupta, que aparecía con monótona regularidade mais a intervalos imprevisibles. Malia todo isto, a cidade sempre pareceu dar mostras de poder resucitar das súas cinzas. Mais a pesar da súa riqueza e importancia, parece que non foi ata que Liu Yen fundou a nación Viet (máis adiante alcumada Han) en 917 cando Cantón comezou a amosar algo da apariencia dunha sofisticada metrópole. Co renacer do comercio baixo ese monarca, as riquezas das Indias comezaron a fluir de novo, e foi quen de construír pazos e edificios gubernamentais dignos da súa nova dignidade. Cóntasenos, por exemplo, que un dos salóns reais estaba 'decorado con prata, con auga corrente por debaixo, e imaxes do sol e da lúa en cristal e ámbar enriba de dúas torres'. Os arqueólogos farían ben en buscar por reliquias do século décimo aquí".

Edward H. Schafer, The Vermilion Bird. T'ang Images of the South  

quarta-feira, janeiro 01, 2014

Hondeselle

Non pensedes que isto de facer agasallos no Nadal é unha mera modernización consumista. De feito, xa no Sir Gawain and the Green Knight podemos ler que nas festas de fin de ano os cabaleiros xogaban coas damas a un xogo de agasallos, onde elas tiñan que adiviñar o que agachaba a man do cabaleiro, pagando un bico nos casos de erro.

Cústame moito lembrar algúns dos presentes que Santa Claus ou os Reis Magos me trouxeron cando aínda era rapaz e me portaba ben dabondo. Das brumas da memoria rescato, creo, un Super-Cine-Exin que sen dúbida faría as delicias dos consumidores retro de agora (aqueles que senten nostalxias por Naranjito, a nocilla, a Mirinda e os peta-zetas), anque era un cine caseiro bastante cutre (e sen son!), un campamento indio de playmobil, a Crónica de la Humanidad, de Plaza & Janés, ou varios dos carísimos bonecos de He-Man, a droga dura dun rapaz con recursos nos anos 80, e dos que gustaba tan só dos viláns, híbridos estraños de humano e animal (o home-lagarto, o home-cangrexo, o home-mofeta, o home-bolboreta...). Porén, lembro case con maior claridade os agasallos que non recibín e que desexaba moito; por riba de todos eles o Castelo Greyskull, que seguro me tería decepcionado e se pode topar hoxe en subastas por moito máis de douscentos dólares, e acompañando a outros dos que sí disfrutei, coma o Pozo de Lama.

http://i.ebayimg.com/t/MOTU-Slime-Pit-Masters-of-the-Universe-MISB-MOC-sealed-box-MIB-He-Man-/00/s/MTA3NVgxNjAw/z/1z0AAOxy1JBSSc31/$T2eC16RHJFsFFSUP8tTOBSSc3zMS7w~~60_12.JPG 

Magdalenas de Proust e leccións de aprendizaxe da frustración aparte, o certo é que agora comezo a aprezar a utilidade práctica de agasallos que denantes aborrecía, coma un bo par de zapatos para o inverno; e agora mércome os agasallos a min mesmo, aproveitando un anaquiño da paga extra do Nadal; estes adoitan ser libros demasiado careiros para adquirir no trafego das compras ordinarias. E este ano estou a agardar por un groso volume descatalogado de cerámicas xaponesas tradicionais, unha re-edición do estudo sobre o Palazzo Te de Ugo Bazzotti e un par de exemplares grosos da Yale University Press arredor da pintura e da caligrafía chinesas tradicionais.

Pensando, porén, que os Reises de Oriente, que están montados no petrodólar, non se esqueceran totalmente de min e decidan traerme algo diferente ao carbón, pódolles facer algunhas suxerencias aproveitando a aparición do portal español de Amazon e as súas listas públicas de desexos. Calquera dos volumes desta lista, case todos boas traducións ou coidadas edicións de clásicos casteláns, será máis aprezado que todo un cargamento de ouro, incenso e mirra... 

terça-feira, dezembro 31, 2013

Libros do Mes

Stasiland: Stories from behind the Berlin Wall de Anna Funder [E]

Doctor Who and the Daleks de David Whitaker [E]

Art, Myth and Ritual: the Path to Political Authority in Ancient China de K.C. Chang [E]

Chiang Yen de John Marney

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E]

*as edicións de Sir Gawain and the Green Knight de J.J. Anderson e de Marie Borroff [R]

quarta-feira, dezembro 25, 2013

Reseña - Chiang Yen

Xa sei que vos tiven algo abandonados este mes, polo que a xeito de pequena compensación, teredes un par de reseñas arredor dun par de volumes que puiden rematar coa chegada das festas. Aquí vai a primeira:

Chiang Yen

John Marney

1981, Twayne's world author's series: China

* * * * * (excelente)

Estupenda presentación, con poemas e biografía,  dun poeta chinés medieval

Malia o indubidábel valor, estético da súa obra, o certo é que o poeta Chiang Yen (444-505), coma moitos outros, non conta con moitos textos verquidos á língua de Shakespeare, agás unhas poucas pezas que aparecen nas antoloxías na sección adicada á poesía do periodo das "6 dinastías". Estas época, caracterizada polo caos político, as invasións estranxeiras, o dominio aristocrático e a perda temporal da unidade de China (co norde en mans dos bárbaros e o sur con breves e decadentes dinastías nativas) foi, porén, moi productivo no eido literario e relixioso: permitiu rachar cos dogmatismos e pechazóns da ortodoxia confuciana oficial, e dou tímido comezo á posibilidade de valorar las letras qua letras, pola súa función estética, alén de funcións práctico-moralizantes.

Neste mundo, dacabalo entre tres dinastías e como habelencioso cortesán é no que se move o poeta obxecto deste estudo. John Marney, que seguramente se inspirou nalgún traballo académico previo, debulla a biografía persoal e política de Chiang Yen, e o primeiro que nos chama a atención desta é o xeito en que todos e cada un dos seus patróns morreron asasinados nun periodo de menos de tres décadas. Seguen logo estudos moi concretos sobre partes da súa producción literaria, centrada na poesía lírica (shih): primeiro os poemas de imitación aos de Juan Chi, con soterrados matices políticos, logo outra presada de 30 imitacións de diferentes autores, e unha pequena sección sobre os seus poemas en prosa (fu) antes de pechar cunha breve conclusión.

Característico deste autor será, como podedes imaxinar polo exposto, que é un experto da imitación literaria, motivo da súa sona e dalgunhas anécdotas literarias nas que autores anteriores se lle aparecerían en soños para 'quitarlle' o don poético que anteriormente lle prestaran. Porén, a imitación literaria non estaba para nada estigmatizada no tempo e no espazo que nos ocupa: as consideracións estéticas da tradición literaria chinesa, por oposición á tradición romántica occidental, non valoran en gran cousa a orixinalidade individual, o que non quita que poidamos aprezar (na moi limitada medida que permite sempre a traducción dende linguas distantes) a riqueza metafórica, imaxinista e paralelística de Chiang Yen, e agradecer os esforzo de adaptación de John Marney, só lamentando que non haxa máis libros coma o seu para moitos outros autores chineses, orfos de libro e de traducción.

sábado, novembro 30, 2013

Libros do Mes

Philosophy and argumentation in third-century China: The Essays of Hsi K’ang de Robert Henricks

The Arts of China (4th ed.) de Michael Sullivan

The True Tragedie of Richard Duke of Yorke (3 Henry VI) de William Shakespeare [R]

*Stasiland: Stories from behind the Berlin Wall de Anna Funder [E]

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E]

*Libro de Alexandre de Anónimo / Jesús Cañas (ed.)

quarta-feira, novembro 27, 2013

A Poem a Day

Como xa saberedes, o mantedor é unha persoa amante da rutina, do hábito, do pasado e das tradicións (incluso daquelas que non teñen moita antigüidade); é por iso que inventa tamén os seus propios rituais, e entre eles está o do 'poema diario'.

No verán do 2010 estaba a ler unha antoloxía da poesía Zen do monxe xaponés Shōtetsu, unha lectura que se veu parcialmente interrompida cando Clío, a miña cadela, aproveitou un descoido para roer no libro, obrigándome a mercar outra copia antes de poder finalizar o volume. Desta segunda volta, o certo é que lle collín moito aprezo a esta presada de poemas, que polo seu carácter sintético (eran tanka, a forma clásica do metro xaponés composta de 5 liñas de 5,7,5,7 e 7 sílabas respectivamente) e forte intensidade imaxinista me lembraban os ideais (e fantasías algo distorsionadas) de Ezra Pound arredor da lírica estremo-oriental. Tras rematar a antoloxía, decidín reler de novo os poemas, mais ao pausado ritmo de tan só un por día, co obxectivo, amais, de adicarlle toda a xornada ao texto en cuestión, visualizando as imaxes e pensando nel mentres ía para traballar. Unha vez rematados estes Unforgotten Dreams (tal era o título da colección, traducida ao inglés por Steven Carter), collínlle vezo á práctica e decidín continuala con otros libros. 

Dende entón prosigo coa tradición, e xa pasaron por ela os seguintes volumes: Poems of the Five Mountains de Marian Ury, o Hyakunin Isshu de Fujiwara Teika / Joshua Mostow, as Essays in Idleness de Yoshida Kenko / Doland Keene e, últimamente, o T'ao Yüan-ming, vol. 1 de A.R. Davis.

A escolla do libro ten o seu compoñente de arbitrariedade, mais co paso do tempo, foron xerándose unha serie de normas e rutinas implícitas, que son as seguintes:

1) O libro en cuestión xa pasou por unha primeira e moi satisfactoria lectura.
2) Debe ser de poesía, anque xa teño feito unha excepción cos ensaios de Kenko (porén, os textiños que compoñen Essays in Idleness son fragmentos pequenos e de forte ton poético no xénero peculiarmente xaponés alcumado zuihitsu, 'deixar correr o pincel', polo que contan como 'poemas en prosa').
3) Ate o de agora, os poemas foron todos 'orientais' (chinos e xaponeses), máis que nada pola concisión e brevidade que os soe caracterizar e porque levo unha longa tempada de febre asiática nas miñas lecturas, mais non descarto outras posibilidades no futuro.
4) Idealmente, os poemas deben ser breves e de rica (anque non moi abondosa) imaxinería.
5) O número de poemas no volume debe oscilar entre arredor de un mínimo de 100 e un máximo de 365, para evitar eternizarme máis dunha ano con el).

Tento que a lectura do poema sexa a primeira cousa que fago poña mañá, anque o almorzo soe adiantarselle. Almorzar con poesía é satisfactorio, pero o corpo suplica antes por unha dose de glucosa na forma habitual de dúas torradas con manteiga e mermelada de amorodos (outra das miñas rutinas á que son case inalterábelmente fiel...).

sábado, novembro 16, 2013

Reseñas - The Arts of China

The Arts of China

Michael Sullivan

1999, University of California Press (4ª edición)

* * * * * (excelente)

Unha moi boa e difícilmente mellorable introducción á arte de China tanto polo formato coma polos contidos.

Un dos meus vicios confesables é o de comezar as cousas polo revés. Isto tenme deparado sorpresas literarias, algunhas non boas, coma saber o final de antemán do Il nome della rosa (porén, insto non me impediu disfrutar enormemente da novela) ou comezar as lecturas da épica clásica por Virxilio e non por Homero (que para a miña experiencia lectora resultou o imitador e non o imitado). No terreo das artes de estremo oriente, do mesmo xeito, comecei antes polas artes do Xapón (testemuño, a breve reseña que pendurei en Amazon da obriña The Art and Architecture of Japan, de Robert Treat Paine. Hoxe completo o percorrido cun volume bastante completiño das historia da arte chinesa, que en moitos aspectos aclara e enriquece as orixes e formas de moitas das mostras estéticas do país do sol nacente.

Centrándonos en The Arts of China, tedes neste libro un percorrido cronolóxico dos diferentes periodos artísticos e históricos do mundo chinés, con doce capítulos. Seguindo os modelos cronolóxicos habituais en Oriente, cada periodo soe abranguer unha ou dúas dinastías destacadas (por exemplo, a Shang, a Yuan ou a Ming). Logo dunha introducción contextual, cada capítulo desnovela as mostras máis representativas de arquitectura, escultura, pintura e artes menores da época, coas pezas ilustradas por magníficas ilustracións, moitas delas a cor, e con comentarios académicos sisudos e entretidos.

Coas súas 300 páxinas e un tema tan amplo, a obra non pode ser moi detallada, mais cumpre unha estupenda función sintética e de manual, para procurarlle ao lector unha 'ollada global' e uns alicerces básicos sobre os que despois seguir construíndo. As diferentes artes non aparecen representadas de xeito equilibrado, mais isto débese, na maioría dos casos, a problemas de conservación e perdurabilidade (así, case toda a arquitectura antiga, feita de madeira, desapareceu case sen deixar rastro; e case nada se conservou da pintura anterior á dinastía Song).

Digna de subliñar tamén é a atención que se lle presta a pezas da arqueoloxía e aos modernos descubrimentos (isto na cuarta edición, que é a que dispoño; imaxino que puido ir máis alá na última, a quinta), e que permiten encher ocos interesantes en moitos periodos, xunto coa calidade material do libro, con bo papel, tapas duras, e cosido, todo o cal inflúe non pouco no disfrute da súa lectura.

Concluamos, pois, afirmando que este libro é unha das mellores introduccións ao tema á que pode acceder un lector en língua inglesa, e que non de certo non deixará indiferentes aos seus lectores




domingo, novembro 10, 2013

Time out of joint


Misterios do inxerto e da natureza, unha das pereiras está a florecer agora, en Novembro...

sexta-feira, novembro 01, 2013

As afinidades electivas

Sendo Santos unha boa data para lembrar os tempos e as persoas de antano, ando a cavilar en dúas novelas das irmás Brontë que lín nos meus días de estudante universitario e que causaron impresións de todo punto desemellantes en mín. Falo de Wuthering Heights, de Emily Brontë, e de Jane Eyre, da súa irmá Charlotte. 

Sendo ámbalas dúas estramadamente populares, cústame entendelo no caso da primeira; ou, por mellor dicir: as personaxes dos ermos de Yorkshire resúltanme tan virulentamente antipáticas, a miña capacidade de empatía tan reducida con respecto a eles que lendo as páxinas da novela, tópome desexando a morte dalgunhas entre grandes sufrimentos. Concretamente, Catherine Earshaw ten o dubidoso honor, xunto con Holden Caufield (anque este por diferentes razóns) de ser a personaxe literaria que máis mal me cae. Resulta dificil facer unha letanía breve das súas maldades, mais velaí vai: é unha nena mimada, indiferente á vida dos seus criados; é a encarnación do egoísmo autocompracente, e totalmente indiferente ao sufrimento que causa nos demais; está namorada de Heathcliff, pero casa con Linton para disfrutar dunha vida mol e burguesa; porén, cando retorna Heathcliff con cartos é incapaz de decidirse, e da comezo a un triángulo de mutuas insatisfaccións, querendo disfrutar das ventaxas dos dous homes nas súas condicións e con total indiferencia ao dano que lles está a causar. Ata despois de morta é un tormento para o heroe byroniano da novela.

Qué diferencia da personaxe principal de Jane Eyre! O contraste resulta sangrante. Jane é unha persoa nobre, madura, intelixente, profundamente moral, cunha enorme dignidade e independencia, unha personaxe que sabe conducirse e navegar entre os escollos e rochas que o destino vai poñendo no seu camiño, e que aprende e madura ao longo da traxectoria novelística. Unha personaxe que esperta o noso aprezo e admiración, e unha xenuina felicidade polo seu triunfo e happy ending co que culmina a súa traxectoria (malia que a tola do ático teña que arder polo medio, mais esa é fariña doutro costal...).

Imaxino, quizaves, que unha personaxe tan racional e controladora dos afectos seguramente casa mellor co meu propio xeito de pensar e de sentir, lonxe dos códigos do amor-paixón tráxicos das Cumes Borrascosas. Porén, navegando pola Rede de Redes, topo que non estou só nos meus gustos. Para os que leades cómodamente na língua de Shakespeare, podedes continuar estas reflexións nesta bitácora, cunhas ideas semellantes ás miñas...

quinta-feira, outubro 31, 2013

Libros do Mes

Russia’s War de Richard Overy [E

Kojiki de Carlos Rubio e Rumi Tani Moratalla (tr.) 

The Taming of the Shew de William Shakespeare [R

The First Part of the Contention (2 Henry VI) de William Shakespeare [R

Hyper-Narrative Interactive Cinema de Nitzan Ben Shaul [E

*Philosophy and argumentation in third-century China: The Essays of Hsi K’ang de Robert Henricks 

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E

domingo, outubro 27, 2013

Kabuki

Na última visita lóstrego que fixen a Madrid tiven oportunidade de xantar no restaurante xaponés Kabuki da Villa y Corte. O menú foi unha delicia para tódolos sentidos, e hoxe compartireino visualmente eiquí.

Ao xeito nipón, a comida compúxose de varios pratos pequenos, regados cun pequeno xerro de sake. Comezamos cun sashimi de varios peixes (incluído atún vermello!) acompañado de daikon, wasabi e prebe de soia... 


Anque non o vaia a degustar máis, por mor de estar en perigo de extinción, agora sei porqué ten tanta sona o túnido que nos ocupa. Desfaise na boca!
Seguimos a continuación cun sushi de peixe e gambas, con algo de xenxibre para limpar o padal.


O seguinte prato, máis adaptado ao gusto occidental, conformábao unha tempura de langostinos e verduras variadas:


Ao que lle sucedeu unha das miñas larpeiradas favoritas: un peixe estilo anguía feito á grella cun prebe agridoce, cama de arroz e pickles de acompañamento!


O postre consistiu nunha escuma de Yuzu, o rei de tódolos cítricos e o máis aromático do mundo (agardo nun futuro non moi lonxano ter uns cantos plantados na horta):


E para rematar, todo ben regado cun té xaponés (ocha; unha mágoa que non tivesen koicha)...


sexta-feira, outubro 18, 2013

Professional Rant

Almorzo estes días coa nova de que para os futuros concursos de traslados, ao docentes e funcionarios de carreira que traballaron previamente para a administración coma interinos-substitutos vanlle ter en conta e sumar puntos polos tales servizos, algo que ata o de agora non se tiña en conta. É unha nova que non deixa de incomodarme, e non só porque me perxudique (o cal xa sería argumento dabondo), senón porque non acabo de vela de todo xusta.

Vaia por diante que a miña visión sobre os méritos e o acceso á docencia mudou un chisco dende aqueles días nos que un era un sufrido opositor libre e indignado polas formas dos concursos-oposición da disposición transitoria da LOE, deseñados expresamente co gallo de reducir a eventualidade no personal da Xunta. É que logo de tres anos e un chisco de traballo, dinme conta de que, en efecto, a experiencia é un grado importante neste oficio e que merece que se teña en conta. Persoalmente, o segundo ano de traballo vinme mellor profesor que no primeiro, o terceiro mellor que no segundo, e así sucesivamente.

Porén, as virtudes da experiencia non son tantas como para que absolutamente todo o demais se subordine a elas, e iso non só no concurso-oposición, senón tamén nos traslados. Do mesmo xeito que no exército decimonónico español, tamén no funcionariado actual todo é crónico e obedece a turnos de rigurosa antigüidade. Por poñer un exemplo: nos concursos de traslados para optar a un destino definitivo, cando se vai aos baremos de méritos, pódese constatar que a totalidade de méritos académicos que un pode presentar (carreiras a maiores, másters, doutorados, outras linguas, etc...) puntúa ata un máximo de 10 puntos. É exactamente o mesmo número de puntos que acumula nun só ano de traballo un funcionario con destino definitivo nun centro. Aínda así, a situación é moito mellor que na do concurso para a adxudicación de destinos provisionais para o curso seguinte (no que participas cando non che deron destino no concurso denantes citado), xa que neste só se ten en conta para as listas o ano en que sacaches a praza e a túa orde nese ano (facendo a media de nota do concurso e da oposición).

Por suposto, a situación tampouco mellora noutros eidos posteriores. Unha vez co destino definitivo e contente nel, un topa que os ascensos salariais son moi limitados e cinguidos exclusivamente á antigüidade no corpo, xa sexa antigüidade pura e dura (os trienios), ou a completada coa realización duns cursiños e actividades de formación (sexenios). Isto pode levar doadamente a que, por exemplo, unha vez que tes realizadas tódalas horas de formación necesarias para o actual periodo de seis anos (eu xa levo máis de 150, cando só son necesarias 100), carezas de motivo racional algún para te seguir a formar (ata dentro de seis anos). Do mesmo xeito, a retribución salarial tan ríxida e atada ao mero transcorrer do tempo tende a favorecer a lei do mínimo esforzo: porqué, agás polo propio amor e interese no traballo propio (motivo non trivial, por certo, nunha profesión que ten tantos elementos vocacionais), para qué esforzarse máis por mellorar a práctica, por adquirir novas competencias, por aprender cousas novas? Para onde fican, despois da adquisición da praza, os criterios de mérito e esforzo que tanto lles predicamos e esiximos aos nosos discentes (mais uns criterios que no caso destes, alomenos, conlevan un marco inmediato de recompensa/castigo, co aprobado/suspenso).

Todo o cal nos remite de novo ao tema do principio. O recoñecemento dos servizos prestados polos ex-interinos e xa funcionarios pode ser de rigor, mais súmase unha vez máis á inercia de recompensar sempre e simplemente a mera ocupación da cadeira, e á abulia das recompensas (que non terían porqué ser só materiais, senón tamén simbólicas) do estudo, do esforzo, da formación e da praxe. E seguramente poderíamos ir camiñando cara isto con pequenas pero significativas reformas inmediatas (entre elas, eliminando os límites na valoración da formación, ou con programas específicos e opcionais de mellora educativa e de obxectivos (realistas) unidos á posibilidade de melloras laborais e/ou salariais.

domingo, outubro 13, 2013

Taming the Tamers

Relendo The Taming of the Shrew, constato que en efecto, non é das mellores obras de Shakespeare, malia que presente os habituais e altamente creativos usos de linguaxe que fan famoso ao cisne de Avon, e algúns outros elementos redentores; constato tamén que é unha obra moi difícilmente dixeríble para a sensibilidade actual, polo seu discurso misóxino indisimulable (na liña co antisemitismo xocoso de The Merchant of Venice ou co desprezo á chusma e á democracia de Coriolanus). Porén, resúltanme moitísimo máis insoportables os intentos por parte de certa crítica dogmático-sectaria por branquexar os textos. É tan difícil aceptar que as obras e autores xeniais doutros tempos e lugares poidan ofender e opoñerse á nosa ética, moral e ideoloxía, e aínda así poder respectar e aprezar os tales libros e escritores, malia tales diverxencias?. 

Falando de textos 'clásicos' e da súa inevitable acumulación de capital cultural, é de agardar unha feroz loita polos significados e as interpretacións (ou a prédica directa á eliminación directa dos cánones). Reactualizar un texto (e polo tanto, convertelo realmente nun clásico para cada xeración que se enfronta a el) sen dúbida require a súa reapropriación e relectura en relación aos nosos intereses, inquedanzas e xeitos de ver o mundo, mais non me parece moito pedir esixirlle aos lectores contemporáneos o mínimo esforzo de honestidade intelectual que require, alomenos nunha primeira lectura, tentar aprezar obra e autor estrictamente baixo as coordenadas intelectuais, estéticas e ideolóxicas do seu presente e do seu mundo, e aceptar a tal lectura como relevante e valiosa; só despois se podería proceder, coa conciencia tranquila, aos equilibrismos, arquitecturas (re)interpretativas e reconstruccións persoais que se desexen...

Para domear aos domeadores desta obra, nada mellor que unhas verbas finais de Jonathan Miller, director dunha das adaptacións televisivas desta peza: "Penso que é unha cousa irresponsable e parva converter á obra nun panfleto feminista: empregala coma un xeito de demostrar que as mulleres teñen sido humilladas e sometidas polo chovinismo machista. Hai outro xeito máis complexo de lela, consistente en vela como unha visión particular e da época sobre como debera organizarse a sociedade para restaurar a orde a un mundo caído. Agora, a día de hoxe, xa non cremos que sexamos herdeiros do pecado de Adán, ou que a orde só se poida manter a base de cederlle o poder a maxistrados e soberanos, a pais e maridos. Mais o feito de que algunha vez se pensou así é innegable, e as produccións que tentan agochar isto e que tentan sabotear a obra para facer que se enfronte a problemas modernos sobre a posición actual das mulleres na sociedade tórnanse aburridas, simplonas e sectarias".

segunda-feira, setembro 30, 2013

Libros do Mes

The Golden Peaches of Samarkand, de Edward H. Schafer

Enciclopedia de las frutas del mundo de Susanna Lyle [E]

A New Account of the Tales of the World de Liu I-ching / Richard B. Mather (tr.)

*Russia’s War de Richard Overy  [E]

*Kojiki de Carlos Rubio e Rumi Tani Moratalla (tr.)

domingo, setembro 29, 2013

A Fig!

Malia ser un froito estupendo, o certo é que o figo ten moi mala sona, e tívose por cousa de tan pouco valor que deu lugar a senllas exprensións resaltando indeferenza e desprezo nas tradicións do teatro isabelino e do Século de Ouro.

Porén, o froito da figueira (Ficus carica) está entre os meus doces favoritos, por riba incluso de mangos e cherimoias. Resulta difícil describir as súas virtudes cando a froita está perfectamente madura e en boas condicións: presenta unha dozura óptima, nada aceda mais tampouco dozaina. A textura é mol, sen resistencias de cáscaras, ou sementes, ou dunha pel perfectamente comestíbel; o sabor é difícil de describir, mais evoca o dun mel moi diluído, fresco, floral e gorentoso.

A única pexa que se lle pode facer a esta cousa marabillosa ven sendo que, coma moitos outros produtos da natureza (pensemos nas oliveiras, no trigo, nas vides, nos cítricos e nas amendoeiras), está realmente adaptado ao clima mediterráneo, de veráns secos e cálidos, algo que por regra xeral non é o noso caso galego, unha especie de clima oceánico moi suave, con acentos mediterráneos mais xenerosamente chuvioso en tódalas épocas. Por iso, o figo soe darse mal por estes lares, e anque a planta medra vizosa, os froitos son con frecuencia insípidos. Mais neste verán de tempo solleiro, a figueira do noso Areal disfrutou arreo, e dou abondosa colleita de figos docísimos que comín a fartar, e dos que algúns se gardan con almibre en xerros de cristal. Pensando neles, aínda me relambo...

O cariño e agradecemento á planta hanme levar a porvos algunha foto dela e a tentar sacarlle algún fillo para o caso -que ogallá nunca chegue- de que algo malo lle aconteza á árbore. Xa vos irei informando, ao tempo que parolamos, quizaves, das diferentes figueiras da(s) horta(s) das que teño memoria.
   

segunda-feira, setembro 23, 2013

Reseñas - O Clan dos Lupercos

Esta que vos presento hoxe non é unha reseña ao uso, xa que non vai dun libro que lera recentemente, senón dun que traducín par Urco Editora o ano pasado: The House of the Wolfings, de William Morris. A reseña apareceu xa vai tempo no suplemento cultural do ABC, mais como non dou topado a ligazón, aquí vola poño, na procura de que esperte o voso interese (non, non pensedes que vou a comisión nas vendas, eh?).



A ESPADA CONTRA O GLADIO

ÉPICOS COMBATES DUN POBO ANTIGO POLA SÚA LIBERDADE

O Clan dos Lupercos
William Morris
Urco Editora, 2012

Nunha brumento e lonxana paisaxe, un pobo nobre e primitivo que vive en harmonía coa natureza vesa na obriga de enfrontarse a un invasor cruel, tecnológicamente avanzado e ben organizado; non estamos a falar do Avatar de David Cameron, malia que as semellanzas visíbeis e profundas son dabondas para arricarnos un sorriso de recoñecemento; a obra en cuestión é unha novela histórica ou de fantasía con máis dun centenario ás súas costas: The House of the Wolfings, de William Morris.
Publicada en 1889, no ‘Clan dos Lupercos’ Morris (ben coñecido pola súa faceta artística coma un dos máis destacados expoñentes da Irmandade Prerrafaelita mais tamén diseñador textil, novelista de éxito na ciencia ficción e na fantasía historizante e socialista libertario practicante) recrea nun fresco a vida idealizada das antigas tribos xermánicas que, nos primeiros séculos da nosa era, resistían con éxito os embates do poder romano, provocando entre outras a famosa derrota das tropas imperiais no bosque de Teutoburgo, na que foron aniquiladas tres lexións romanas e o seu comandante, Publio Quinctilio Varo (disque Augusto, cando soubo da noticia, perdeu o siso durante uns días, e vagaba polas estancias imperiais batendo a testa contra as paredes e berrando ‘Varo! Varo! Devólveme as miñas lexións!’). Despois da clades Variana, os romanos aceptarían fixar o seu avance norteño nas beiras do río Rhin, eles mesmos fabricando unha literatura que exaltaba a nobreza guerreira e a valentía dos xermanos e godos e os contrastaba, idealizados, cos ‘decadentes latinos’ (véxase a Germania de Tácito). 
Noutro tempo e lugar, a idealización de Morris obedece a outras circumstancias: a Inglaterra de finais do século XIX é a grande potencia imperial, herdeira da mesma Roma, e a patria da revolución industrial e do avance capitalista, daquelas Coketown retratadas por Dickens coma urbes aburridas inzadas dunha arquitectura de tixolos tinxidos de fume, dunha clase obreira miserenta e dunha burguesía hipócrita e moralista: eis a sociedade Victoriana no seu apoxeo, e os seus críticos e intelectuais non deixan de revolverse contra ela, soñando paraísos arcádicos e harmónicos, xa fose no futuro utópico que se agardaba ou no pasado idealizado polo que se suspiraba. Ámbalas dúas vertentes explorou Morris: a utópico-futurista en News from Nowhere, por exemplo, mais a arcaizante en todo o movemento artístico no que militou; amante feroz do pasado e das tradicións artesanais medievais, tamén tiña espazo no seu corazón para aqueles remotos antergos dos Anglo-saxóns que, antes de cruzar o Mar da Mancha e colonizar a antiga Britania Céltica, xa pasaran tempo nas terras do norde de Europa e crearan unha cultura de seu.
O ‘Clan dos Lupercos’ exalta este mundo primixenio e as súas costumes, e leva a exaltación ao eido da linguaxe; pois no seu orixinal, a obra está inzada de arcaísmos, de expresións e de imaxes que nos levan atrás á literatura do inglés antigo: unha das poucas escritas en vernáculo a comezos da Idade Media, e con todo tipo de textos: crónicas históricas, adiviñas, poemas épicos, coma o Beowulf, ou relixiosos, como The Dream of the Rood. Especialmente vistoso alén do léxico xermánico son os kennings, unha especie de epítetos épicos nos que o mar se converte na ‘estrada da balea’, o sangue no ‘suor do guerreiro’ ou a espada no ‘arado dos homes’.
Voltando á trama da novela, os seus protagonistas son os Godos das tres Marcas (Superior, Media e Inferior) que, agrupados en clans, viven harmoniosamente ás beiras dun Grande Río. A chegada dos invasores forasteiros (alcumados primeiro coma ‘Galeses’, pois nun comezo os Godos non os distinguen dos Celtas) mobiliza ás tribos todas do pobo, cada unha co seu nome e a súa referencia totémica, e das que a máis importante é o clan dos Lupercos e o seu caudillo, o ‘Duque Guerreiro’ Thiodolf.
Ao longo dun centenar longo de páxinas iremos vendo as formas de vida, traballo e ocio dos xermanos, as súas asambleas guerreiras e as súas sacerdotisas e videntes (destacando o Sol do Bosque, da estirpe dos deuses, e o Sol da Sala, gardián da lámpada epónima que ilumina o Teito e a Grande Sala (o hall) tan importante na vida comunitaria dos antigos xermanos, os seus guerreiros e líderes e, sobretodo, unha manchea de épicos combates descritos en detalle e que nos fan imaxinar esceas semellantes do mellor cine de acción (Gladiator, The Lord of the Rings). 
A conexión co ‘Señor dos Aneis’ non é, porén, accidental, xa que o ‘Clan dos Lupercos’ é quizaves unha das primeiras obras modernas en que un escritor tentou xunguir un mundo imaxinario con elementos sobrenaturais, anticipando a posterior vaga de literatura fantástica. Cousas que Tolkien, en declaración propia, colleu emprestadas desta novela son os nomes de raíz Anglo-saxona (coma Mirkwood, o Bosque Negro), nomes xermánicos de persoa (Thiodolf), os ananos coma expertos forxadores (cunha máxica cota de malla dos ananos facendo acto de presenza), etc...
Outra característica salientábel é a presenza da poesía: a novela descríbese coma un ‘romance en prosa e en verso’ e moito do diálogo adiántase a través de poemas que recitan os protagonistas, fillos dunha sociedade da cultura oral e cun forte compoñente bárdico. A linguaxe destes versos, escura e profética, axuda a adiantar episodios e accións, mais deixando abertas varias posibilidades no desenrolo da trama e axudando a crear emoción e expetación.

O ‘Clan dos Lupercos’ fará as delicias daqueles que gorenten de percorrer batallas épicas e mundos salvaxes, fermosos e perdidos nos recunchos da súa imaxinación. De pertencerdes a esta tribo de soñadores, preparade entón o maxín para grandes combates, espadas con alcumes, formacións en cuña e combates corpo a corpo con espadas, machados e escudos cantando a música do combate. E que Tyr e Odín recollan as valerosos finados, mentres os vivos festexan co corno de hidromel na Sala do clan e baixo a atenta mirada de lobos, deuses e lectores.  
   

domingo, setembro 15, 2013

Pedra de mel

Unha das formas nas que o zucre se preparaba para o consumo diario era a través de pequenos bloques ou paneis que pasaban baixo o nome de 'mel de pedra'. Estes facíanse en Tongking en data tan temperá coma o século terceiro a partir do zucre que se obtiña de secar o zume de cana ao sol. De cando en cando, dábanselle formas de homes pequenos, tigres, elefantes e cousas semellantes. Os 'leóns de zucre' da dinastía Han Oriental son un exemplo destas figuriñas doces, mais non é seguro que o zucre que contiñan viñese da cana sureña. Na dinastía T'ang, este 'mel de pedra' elaborábase en varias vilas; os paneis de zucre destinados á mesa imperial viñan de Lu-chou, no sureste de Shansi, que os enviaba en dirección ao norde xunto con ginseng, liño e tinta; viñan tamén de Yüeh-chou, no norte de Chekiang, xunto con cinabrio, porcelana e telas adamascadas, e de Yung-chou, no sur de Hunan, xunto coa planta rubidoira kudzu, barras de frecha e fósiles interesantes.


Edward H. Schafer, The Golden Peaches of Samarkand


sábado, agosto 31, 2013

Libros do Mes

The Grand Scribe’s Records, vol. 5.1 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

The Five Confucian Classics de Michael Nylan [E]

Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R]

Confucius de Meher McArthur [E]

The History of the Former Han Dynasty de Pan Ku / Homer H. Dubs (tr.) [E] (1)

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E]

*Enciclopedia de las frutas del mundo de Susanna Lyle [E]

*A New Account of the Tales of the World de Liu I-ching / Richard B. Mather (tr.)


(1) Só os 12 anais básicos (pen-chi) e a memoria de Wang Mang, que se poden topar on-line eiquí.

segunda-feira, agosto 26, 2013

Tarta de pexego

















A última do verán, sospeito, e un xeito goloso de despedirse dos días de ocio estival...

sexta-feira, agosto 23, 2013

By the rivers of Babylon

Cando facía bo tempo, aqueles que cruzaran o río Yangtzé (1) reuníanse sempre en Hsin-t'ing (un arrabaldo ao sur da capital, Chien-k'ang) para beber e festexar sobre a herba. Nunha ocasión Chou I, que estaba entre os asistentes, laiouse e dixo: "A escea non é diferente á dos vellos días no norte; porén, hai diferenzas entre estas montañas e ríos e aquelas".

Tódolos presentes fitaron os uns para os outros e choraron. Tan só o chanceler, Wang Tao, foi quen de, fitando gravemente, comentar con profunda emoción: "Deberamos todos xuntar as nosas forzas arredor da casa real e recuperar as provincias sagradas. Con qué finalidade sentamos eiquí, fitando os uns para os outros, coma se fosemos 'prisioneiros de Chu'?".


Liu I-ch'ing, Novo relato dos contos do mundo

(1) entre os anos 311-16, pobos bárbaros invadiron e conquistaron o norte de China e o val do río Amarelo, obrigando á corte e o goberno a fuxir ao sur, asentándose no val do Yangtzé.

segunda-feira, agosto 05, 2013

Reseñas - Early Medieval Chinese Poetry

Early Medieval Chinese Poetry: The Life and Verse of Wang Ts'an (A.D. 177-217)

Ronald C. Miao

1982, Franz Steiner Verlag GMBH Wiesbaden

* * * * (bo)

Excelente estudo e tradución dun interesante poeta chinés e do contexto histórico-cultural-literario no que xurde.

 Un dos formatos de libro que máis me gorentan cando se trata de poetas estranxeiros é o da monografía con tradución; o tal formato permite familiarizase cos textos dun autor ao tempo que abrir unha pequena claraboia a outros aspectos contextuais que enriquecen a lectura dos versos traducidos; unha claraboia que se fará tanto máis necesaria canto máis distante no tempo, no espazo e nos aspectos lingüísticos sexa o escritor do que nos ocupamos e a língua na que escribe. Persoalmente, sempre considero que en todo proceso de tradución poética dunha a outra língua, a perda é do 50 ao 100%; notas, contextos e habelencias artísticas do tradutor axudan algo a apuntar para a parte baixa deste ranqueiro.  

Centrándonos no volume que nos ocupa, estamos ante unha adaptación reducida da tese doutoral de Ronald C. Miao arredor dun dos máis importantes poetas chineses anteriores á dinastía T'ang. Wang Ts'an é, xunto co príncipe Ts'ao Shih, a figura máis sobranceira da era de Chien-an. O periodo de Chien-an, que vai dos anos 196 ao 220 da nosa era asiste a unha cadea de mudanzas profundas que alterarán de xeito permanente o mundo chinés: nel é derrocado o derradeiro Emperador da dinastía Han, poñendo fin aos perto de 400 anos de historia unificada do país, e abrindo as portas a un periodo confuso de fragmentación e de guerras que tardaría máis de 350 anos en fechar, cunha nova unificación e o correspondente esplendor político e cultural da dinastía T'ang. Á creba da unidade política (cunha China conformada en tres reinos equilibrados e hostís: Wei, Shu e Chu) séguelle unha bancarrota intelectual e moral: os intelectuais plantéxanse a invalidez das vellas fórmulas de cultura e de goberno, e sobretodo do escolástico 'Confucianismo Sintético' da dinastía Han, anque polo lado positivo, isto lévalles a experimentar con novas ideas, formas de goberno, xéneros literarios e relixións.

No terreo literario, estas novidades van da man da aparición, por primeira vez, dunha poesía individualizada, 'de autor', na que se reflexan as inquedanzas e experiencias persoais do poeta concreto. Abandónanse ou desprázanse antigos xéneros poéticos consolidados (o verso tetrasilábico do Libro das Odas, ou o solemne, xamánico e tristeiro das Elexías do Sur) e escríbese no novo metro pentasilábico, destinado a converterse no máis fértil da poesía chinesa. A temática dos poetas de Chien-an é bastante ousada e directa, incluíndo guerras e matanzas en descripción explícita, a fugacidade da vida e os seus praceres e a separación dos amigos e das parellas, e abusa moi pouco ou nada do formalismo requintado ou do emprego de paralelismos, xogos fónicos e alusións pendantes ás que tan acostumados nos ten a maioría da poesía chinesa clásica..

Ronald Miao infórmanos de todo isto, e algo máis, nos dous primeiros capítulos do seu libro. O primeiro serve de introdución á posición de Wang Ts'an no canon literario chinés, e o segundo fai un percorrido polo periplo vital de Wang Ts'an, en fuga dos saqueos das capitais e ao servizo do caudillo militar máis exitoso do momento (e un non mal poeta, tamén): T'sao T'sao, que reunirá ao seu redor a un grupo de artistas e intelectuais que conforman os 'Sete Sabios do Periodo Chien-an'. Wang T'san é un deles.

O máis interesante do libro ven, porén, nas dúas seccións seguintes, que despregan un comentario e close reading da maioría do corpus poético de Wang Ts'an, dividido entre os seus poemas líricos (shih) e prosimétricos (fu). A análise vai debullando algunhas das características especiais do autor (por exemplo, a interrelación temática nos seus poemas destes dous xéneros, algo que non acontecera ata entón; a absorción productiva de influencias da poesía popular, ou o seu clasicismo, bastante superior ao dos seus contemporáneos) alén de agasallarnos boas traducións dos seus poemas máis sonados., dos que podemos destacar os tres dos 'Sete Laios' (七哀诗), onde contemplamos en escalafriante detalle o saqueo da capital imperial, ás nais que abandonan aos seus fillos polas congostras e os laios do poeta no desterro, en terra estraña.

O libro é unha lectura moi recomendable, mais non deixarei de mencionar dous dos seus defectos: o maior ten que ver con algo que xa vos mencionei, é que esta obra é unha 'reducción' da tese doutoral a un formato 'aceptable' para unha editorial; como tal, foi feita con moi pouco coidado, estando inzada nos comentarios de repeticións, incongruencias e discontinuidades, con explicacións ou comentarios que fican a medio camiño ou que se volven a repetir sen necesidade. Do mesmo xeito, a 'maquetación' é bastante pobre; a tipografía é de máquina de escribir, e os caracteres chineses están escritos 'a man' sobre as planchas de impresión e ocos deixados ao efecto. Todo isto contribúe a darlle un aspecto moi pouco seductor , máis de 'tese fotocopiada dos 80' que de libro moderno propiamente dito. Por último, o libro non inclúe tódolos poemas de Wang Ts'an, o cal é unha mágoa, e pouco maior número de páxinas tería ocupado das que xa conta o volume.

sexta-feira, agosto 02, 2013

Libros do Mes (con retraso)

Si, xa sei que isto chega cun retraso de 3 días, mais é que tiven o computador a arranxar... 

En breve conto tamén con metermos alomenos unha parella de entradas. 

Chinese Lyricism de Burton Watson 

Sir Gawain and the Green Knight de Marie Borroff (ed.) 

The Japanese Way of Tea de Sen Sōshitsu XV [E

*The Five Confucian Classics de Michael Nylan [E

*The Grand Scribe’s Records, vol. 5.1 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.) 

*Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E