domingo, junho 30, 2013

Libros do Mes

Si, xa sei que vos teño abandonados dende fai case un mes, mais pensade que estiven cos exames e con moi escaso tempo libre (como tamén se pode constatar nas escasas lecturas que culminei nestes últimos 30 días).

En breve vos compensarei cun par de reseñas e algo máis, quizaves algunha foto ou comentario dunha visita-lóstrego que vou facer á Villa y Corte entre o martes e o xoves por motivos burocrático-turísticos.

Ata entón, tede algo de paciencia e afiade os dentes da curiosidade na modesta pedra de amolar dos volumes engulidos no recente tempo pasado...

Bajo el palio del gran rey de Javier Arce [R]

Early Medieval Chinese Poetry: The Life and Verse of Wang T’san de Ronald C. Miao

*Chinese Lyricism de Burton Watson

*The Japanese Way of Tea de Sen Sōshitsu XV [E]

*Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R]

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E

sexta-feira, maio 31, 2013

Libros do mes

The Enchantress of Florence de Salman Rushdie

Of Mice and Men de John Steinbeck [E]

Factotum de Charles Bukowski [R]

Chang Hua: A Statesman-Poet of the Western Chin Dinasty, de Anna Straughair

El libro del Tao, de Lao Zu / Juan Ignacio Preciado (tr.)

*The Social History of Art, vol. 1 de Arnold Hauser [E]

*Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R]

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E

quarta-feira, maio 22, 2013

Sigue buscando

Tal era o odioso lema que ornaba a maioría das pegatinas dunha coñecida marca de boleiría nos anos 80 e 90. A promesa de xantar de balde outro pasteliño de chocolate ficaba adiada ata mellores ocasións, anque sempre podías xuntar algunhas monedas soltas para escorrentar novamente o espectro da gula.

Tópome en peor situación agora no que toca ao acceso a outra mercadoría na que sempre me toca seguir pescudando: os libros. Por desgraza, os meus excéntricos gustos ao respecto (nos últimos tempos, tocaron case exclusivamente boas traduccións de clásicos chineses e xaponeses, edicións caras dos ingleses e agora está comezando a agromar a interese polos textos máis canónicos da literatura e da arte persa) tampouco é que axuden moito, mais as editoriais tamén conspiran na miña contra, ao faceren tiraxes reducidas destes volumes que despois resultan inatopábeis, agás mediación -normalmente extorsionadora- do mercado internacional de segunda man...

Acúdenme numerosos exemplos para ilustrar a situación da que vos falo. Así, os tres volumes nos que ata o de agora traduciu o profesor David Knechtges o Wen Xuan e que no seu día editara Princeton University Press desapareceron do mapa, agás en terríbeis edicións de segunda e terceira man, ou o que é pior, de bibliotecas, a arredor de 300 euros o volume. E por suposto, á editora (á que contactei ao respecto) nen se lle pasa pola cabeza ningunha posibilidade de reedición.

Na mesma situación nos topamos no esforzo por mercar as escasas e irregulares traduccións inglesas da Khamsa de Nizami. O Haft Paykar, un dos seus cinco compoñentes, foi verquido en 1995 ao inglés pola doutora  Julie S. Meisami. A día de hoxe, atopar o volume a un prezo decente constitúe un traballo digno de Herakles, limpando os estábulos de Auxías dos numerosos portais de venda on-line de volumes. No que toca a libros de arte, a situación agrávase, se cabe, xa que á escaseza súmase moitas veces o peso e tamaño dos libros en cuestión, cuns gastos de envío que non baixan dos 30 ou 40 euros para comezar. Dous son os volumes que máis me atormentan pola súa distancia, semellante á da estrela polar e a bóveda celeste: Bihzad, Master of Persian Painting de Ebadollah Bahari e The heritage of Japanese ceramics de Fujiyo Koyama

 Por desgraza, os únicos recursos que acuden en axuda dun nestes terreos pantanosos son os da sorte e os da piratería, o que non deixa de ser unha mágoa, porque un estaría bastante contente de poder mercalos e darlle algo a gañar os seus merecidos traductores. Realmente non entendo porqué non se lle obriga ás editoriais que teñen un libro xa 'non dispoñible' a facer dispoñíbel unha versión económica en pdf das obras en cuestión, ou a cederlle de inmediato os dereitos de publicación a calquera editorial disposta á reeditalas e a satisfacer ao público lector. Imaxino que cara iso camiñaremos nun futuro non moi lonxano co libro dixital, que pola súa natureza é un recurso inesgotábel  mentres siga funcionando a Fada Electricidade...

quarta-feira, maio 08, 2013

Auxilium et consilium

Estes días ando a pelexar de cando en cando cun volume editado por Alex Preminger e T.V.F. Brogan: The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics. Estame a resultar moi instructiva, mais boto en falla que sexa, precisamente, un diccionario enciclopédico, e non unha obra máis sistemática e organizada, unha 'poética' á anterga usanza, mais modernizada co moito (ou pouco) que teñan avanzado as ciencias lingüísticas e literarias nos últimos séculos. Botando unha ollada atrás á miña formación académica, tamén boto en falta que non traballásemos nunca con poéticas 'de verdade', e si coas típicas caralladas posmodernas sobre textualidade, xénero, o subalterno, a outridade e demais choqueiradas, entre as que me atrevo a meter o libro de Eagleton, que lonxe de ser o que proclama ser, fica nun mero catálogo de 'escolas de interpretación' vista dende a óptica marxistizant do autor, e mesturado con algúns artigos de interese e boutades que pouco axudan aos que comezan a percorrer estes mares 'denantes nunca navegados' das artes da palabra. O que máis me apetecería ler agora mesmo é un volume, ou unha presada de libros serios, sistemáticos, clásicos e 'fundamentalistas' onde veñan debulladas en detalle cousas coma: definicións en profundidade da literatura e da poesía; relatos detallados das diferentes poéticas occidentais e non occidentais, e a súa evolución; análise, listaxe e explicación detallada dos tropos literarios e de tódolos aspectos relacionados coa retórica literaria e a semántica poética; e análise, listaxe e explicación detallada de tódolos aspectos da prosodia e a fonoloxía poética (metro, rima, repetición, estrofa). Como non dou topando unha bibliografía da que me poida fiar, acéptanse suxerencias (auxilio e consello, á maneira medieval) dos meus escasos mais aprezados visitantes... 

sexta-feira, maio 03, 2013

Españois en Herat

Ven a ser noticia nos últimos días que as tropas españolas están a repregarse de Herat, en Afganistán. Para os soldados que a deixan, seguramente non sexa máis que un torrido nesporeiro humano que celebran abandonar; para a maioría dos españois é tan só un significante sen significado, catro letras escuras de molde cuxa circumferencia tan só circumscribe imaxes ailladas de perigos, burkhas e lonxanías. Porén, Herat é moito máis ca iso.

É que a cidade, unha vez alcumada a 'Pérola do Khurasán' ou a Florencia do Oriente, é un dos máis fascinantes teatros do esplendor da cultura clásica de Persia, xunto coa veciña e máis sonada Samarcanda. Patria dunha historia milenaria, as súas orixes históricas asócianse ao Imperio Aqueménida (550-330 a.C.), que a bautizou co nome de 'Auga Dourada'. Pasou logo a circular, coma moeda corrente, por varias mans: as dos macedonios, os sasánidas, os hunos, os árabes e as dinastías locais de Safávidas, Samánidas e Gaznávidas. Mais o seu grande florecemento é máis serodio, e comeza coa chegada das hordas mongolas a Oriente Medio. 

O comezo non puido ser máis desafortunado, xa que as tropas de Genghis Khan arrasaron a cidade e convertérona nun deserto durante décadas. Mais aquilo que che feriu tamén che sanda, como a lanza de Aquiles, e o 'coxo de ferro' Tamerlán, o descendente de Genghis, o destructor das cidades de Persia cuxas riquezas, homes e arquitectos levaba de volta para adornar a Samarcanda -visitada tamén daquela polos españois da embaixada de Ruy González de Clavijo, cuxas aventuras aínda podemos ler en fermoso castelán-; Timur Leng, dicía, e mailos seus descendentes timúridas tornaron a Herat na metrópole das artes e das ciencias, da cultura, dos pazos e das mezquitas; baixo o seu goberno ilustrado, as prazas enchíanse de xardíns adorables, pequenas miniaturas do paraíso, e as rúas inzábanse de tantos músicos, miniaturistas, calígrafos e poetas inspirados que o maior deles, Mir ‘Alī Shīr Navā’ī, gabábase de que bastaba petar no chan para que abrollase uns cantos feixes de alquimistas do verso (tal e como na nosa Galicia contemporánea, anque imaxino que con algo máis de arte). E de Herat procedía tamén o meirande entre os meirandes, o xenio supremio dos mestres iluministas persas: o mestre Kamāl ud-Dīn Behzād, cuxas imaxes aínda causan admiración e estupor entre todos aqueles que as contemplan.

Xa non florecen os versos e rosas nos seus xardíns, nen aqueles deliciosos melóns dos que tiñas saudades o Gran Mongol Babur cando tivo que deixar a terra natal para conquistar o seu imperio na India. A guerra semeou minas e metrallas, e abondosa colleita de opio e de heroína para os mercados internacionais que antes lle mercaban especias e miniaturas. Por iso neste intre de marcha dos cruzados serodios, lamento que a cidade non poida queimar os seus campos de mapoulas e caer  nun soño narcotizado; un soño que non só fique nos esplendores de antano, senón que fora que de tecer un futuro mellor e tan nobre e tan bo para as súas xentes como aquel seu glorioso pasado.

terça-feira, abril 30, 2013

Libros do Mes

Indonesia. Peoples and Histories de Jean Gelman Taylor [E]

Tao Yuan-ming, vol. 2 de A.R. Davis

90 Classic Books for People in a Hurry de Henrik Lange [K]

Chámome Vermello de Orhan Pamuk

God is Not One de Stephen Prothero [E]

Li Chi: Book of Rites, vol. 2 de James Legge (tr.) [E]

*The Enchantress of Florence de Salman Rushdie

*The Social History of Art, vol. 1 de Arnold Hauser [E]

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E]

domingo, abril 28, 2013

Hausericas notas

Malia ser bastante preguiceiro, ás veces fago o esforzo de tomar notas dos libros que leo, xa que co paso do tempo, decátome do pouco que lembro, alén de xeralidades, de moitos dos libros que lin e cos que aprendín e disfrutei enormemente. Aínda teño por rematar unhas calínicas notas arredor do Contra o posmodernismo de Alex Callinicos, que me fornecía boa parte da munición máis dura para atacar o pensamento posmoderno que tanto aborrezo. Mais vou ir acompañando este 'proxecto inconcluso' (como a modernidade, que diría Habermas) con outra presada de notas arredor da Historia Social da Arte de Arnold Hauser, un proxecto intelectual que tamén reúne moitos elementos para caerme simpático: a temática, a perspectiva do autor (marxista mais pre-68) e o gusto relativamente canónico e conservador do historiador hungarés.

Comezemos, pois, polo primeiro volume da edición de Verso (From Prehistoric Times to the Middle Ages) e co primeiro capítulo.

CAPÍTULO 1: A PREHISTORIA

Comeza Hauser a súa historia cunha distinción histórico-cronolóxica entre a 'Vella Idade de Pedra' ( o que nos chamaríamos Paleolítico e Mesolítico) e a 'Nova Idade de Pedra'. 

1) Vella Idade de Pedra
-económica e socialmente, equivale ao modo de  vida dos cazadores-recolectores, 'parasitarios', que viven de recoller recursos que a natureza da.
-o seu arte é, paradóxicamente, moi naturalista e elaborado, e presenta diferentes estadíos de evolución.
-non é 'racionalista'. Reflexa 'o que se ve'.
-motivacións: seguramente non estéticas (pinturas agochadas nas covas, e repintadas enriba), senón pragmáticas: a pintura dos animais nas covas é parte dunha praxe de 'maxia simpática': pintar a caza do bisonte leva á caza real do bisonte. 
-estatus do artista: é 'un mais' da tribo, anque seguramente con habilidades e habelencias especiais non xeralizadas, e quizaves adica unha parte non trivial de tempo ao seu traballo especializado.

2) Nova Idade de Pedra
-económica e socialmente, equivale ao modo de vida que produce a 'revolución neolítica': nacemento da agricultura e da gandeiría, sedentarismo, primeiras aldeas e poboados. Os humanos xa xeran 'excedentes' e avanza algo máis na especialización laboral e produtiva.
-nova 'percepción do mundo' asociada aos modos de vida. O home sedentario perde habilidades perceptivas necesarias para o cazador, pero gaña en capacidade de racionalización-abstracción.
-o arte de transición é esquemático (cfs. arte levantino da península).
-no canto da 'maxia' case arrelixiosa do paleolítico, agora xurde o animismo e o pensamento dualista: o mundo cheo de espíritos hostís e favorábeis. Separación dos mundos 'visible' e 'invisible'.
-o seu arte é xeométrico e ornamental, esquemático. Diferénciase o arte sacro (en mans de 'magos' e 'sacerdotes', con ídolos e pezas funerarias) do profano (en boa medida, artesanal e doméstico, feito sobretodo polas mulleres e nos periodos de descanso das tarefas agrícolas -inverno-. 
-mais do que en épocas posteriores, é posíbel na prehistoria trazar unha correlación entre produtos artísticos e condicións socio-económicas. Co paso do tempo, a maior complexidade na organización produtiva e a pervivencia ao longo do tempo de estilos e artes anteriores, a correlación complícase
 

quarta-feira, abril 17, 2013

Reseñas - Indonesia: Peoples and Histories

Indonesia: Peoples and Histories

Jean Gelman Taylor

2004, Yale University Press

* * * * (bo)

Interesante e alternativa introdución á historia (ou historias) de Indonesia e as súas xentes.

Indonesia é, para a grande maioría de nós, un país descoñecido, alén dalgúns retrincos e retallos que son quen de percorrer a enorme distancia (física e cultural) que nos separa da terra en cuestión. Entre eles poden estar o seu famoso teatro de sombras (wayang kulit), as dagas ondulantes alcumadas kris, ou keris, e que tamén comparten co pobo malaio, as danzas e templos balineses (refuxio xa dende os anos 20 de artistas e visitantes europeos á pescuda de exotismos cos que domear o cabalo bravo do ennui) ou o (re)coñecemento do arquipélago como unha das nacións musulmás máis numerosas do planeta, malia a súa posición 'excéntrica' e periférica a respeito do núcleo duro da terras islámicas, no Oriente Medio. E pouco máis (e xa é moito).

O volume que nos ocupa pode axudar a ampliar estes trazos case que de guía turística e fornecer unha visión en conxunto anque sintética (malias as súas máis de 400 páxinas) dun escenario laberíntico e complicado. Aprendemos con Gelman que Indonesia foi ao longo da súa historia máis ben unha área cultural do que un imperio ou estado unificado; unha area que presenta rasgos comúns (etnias austronésicas dominantes, caracter comercial, absorción cultural de influxos primeiro indios, logo chineses e finalmente islámicos) mais tamén enormes diverxencias (carencia, agás episodios breves e semi-lexendarios, de unificación política; variedade relixiosa e étnico-cultural enorme; divorcio entre as zonas costeiras e centrais -'civilizadas' e máis abertas ao mundo- e o interior e as illas afastadas -cunha economía agrícola rudimentaria, recolección de sustancias dos bosques e animismo, etc...).

É interesante subliñar que non estamos perante unha historia ao uso, como ben se ve dende o seu título. Gelman pretende encetar, dun xeito bastante posmoderno (no mellor senso da palabra, que é un senso que case nunca emprego) un mosaico de diferentes historias e voces, suprimidas nas interpretacións históricas máis canónicas de obras máis convencionais e que xiran arredor de dous grandes paradigmas: o da historia colonial de Indonesia (país creado como unidade, ao fin e ao cabo, e nas súas fronteiras actuais, tan só polo dominio colonial holandes) e o da historia nacionalista post-independencia. Ámbolos dous modelos crean visións simplificadas da realidade que ignoran e eslúen numerosos episodios, grupos e feitos (como a colaboración imprescindíbel e constante das élites locais no mantemento dun sistema colonial con moi escasa presenza dos holandeses, as historias locais á marxe de Xava, a 'Castela' do arquipélago, ou as mulleres significadas que non encaixan nos moldes e nos prexuízos dos historiadores nacionalistas ou coloniais). Estas diferentes historias entretécense coa trama narrativa principal a través de cadros de texto insertados no decurso desta e cando mellor encaixan con ela.

Indonesia: Peoples and Histories é un libro interesante que non deixo de recomendarvos, anque seguramente o voso coñecemento da zona e dos seus labirintos gañe moito se o acompañades dunha obra máis convencional e voluminosa arredor do que, malia o seu carácter actual de estado-nación, é en realidade un universo en miniatura, cunha riqueza e diversidade sorprendentes.
 

domingo, março 31, 2013

Frivolitas

Estou aproveitando os días ociosos da Semana Santa para toparme de novo cunha serie verdadeiramente retro que xa descubrira anos atrás, alá polo 1991, nas altas horas da madrugada da grella británica: Mahabharat é unha serie da India na que, ao longo dos seus 94 episodios, se glosan as aventuras e desventuras do máis famoso dos poemas épicos do subcontinente. Podédela disfrutar gratuitamente en youtube.

Daquel primeiro visionado parcial a verdade é que lembro ben pouco, porque os ingleses emitíana no orixinal hindi sen subtítulos (si presentes noutra serie histórica hindú que tamén emitían: A espada de Tipu Sultán). O posterior coñecemento das lendas e narracións narradas permíteme recoñecer nos currunchos da memoria dúas esceas da serie: a conquista de Draupadi por Arjuna, e a humillación de Draupadi, evitada por Sri Krsna.  

Alén de para familiarizarse cun clásico da literatura universal, o certo é que a serie ten un elemento, diríamos, choqueiro, polo rudimentario dos efectos especiais e o ton de telenovela que se da por certos intres. Mais o que me fixo estoupar en homéricas gargalladas foi un comentario dun trasno malevolente ao capítulo noveno da serie: "Dhrtarashtra looks like ron jeremy, he trully is the king".

En efecto, como poderedes aprezar se mirades o capítulo (por exemplo, no minuto 6.18), o rei cego de Hastinapur, Dhrtarashtra (o actor é Girija Shankar) garda un parecido máis que razoábel co célebre 'porcoespiño', actor e pianista de Nova Iorque...

Libros do Mes


The Grand Scribe’s Records, vol. 7 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

The Book of Incense de Kiyoko Morita

The Cambridge History of Ancient China de Michael Loewe e Edward L. Shaughnessy (eds.) [E]

Confucianism, An Introduction de Ronnie Littlejohn [E]

Tao Yuan-ming, vol. 1 de A.R. Davis

*Tao Yuan-ming, vol. 2 de A.R. Davis

*Indonesia. Peoples and Histories de Jean Gelman Taylor [E]

*Chámome Vermello de Orhan Pamuk

terça-feira, março 26, 2013

Concerto no castelo

Uns días atrás tiven o pracer de asistir a un fascinante acto cultural que tivo lugar no castelo de Sobroso, case a carón da fronteira con Portugal. Tratábase nada menos que dun concerto de shakuhachi, un tipo de flauta xaponesa moi popular no pasado entre os monxes da seita Fuke-zen



O músico, Rodrigo Rodríguez, estudou a complexa técnica do instrumento en Xapón e, asentado agora en Galicia, vai percorrer tamén outros escenarios algo menos pintorescos que o castelo.

Recoméndovos encarecidamente escoitalo en vivo, ou nos cedés que xa ten editados. E como aperitivo, eis un pequeno video que gravei durante a actuación:


terça-feira, março 12, 2013

Bibliomanía

Os que seguides esta pequena bitácora xa poderíades  comprobar que o seu mantedor é un adicto dos libros: de lelos e de mercalos. Unha adicción que me resulta tanto máis desconcertante en canto vexo a diario o espectáculo xeral da indiferencia e rexeitamento que provocan. Un tende a pensar que o que lle gorenta e causa ledicia habería de satisfacer a outras persoas, mais día a día os lectores imos voltando a inmensa minoría...

Máis recente é o meu pracer por facer listas, que seguramente se relacione cun deixe meu algo obsesivo e ordenancista, con gusto por rutinas e planificacións. Algúns coleccionan cromos, bolboretas, paxaros, perfumes ou persoas (cfs. The Collector, John Fowles). No meu caso, entre os rexistros e series que acumulo destaca a dos libros que penso mercar no ano en curso e na Rede de Redes, repartidos en cadanseu mes, libreiro e cuantía estimada. Actualmente só leva uns tres meses de adianto, mais ten contado cos libros para todo o ano seguinte. E en xeral, o seu marxe de variación é escaso, anque fluctúa cando certos volumes deixan de estar dispoñibles ao prezo que agardaba pagar por eles.

Pescudando na xenealoxía destas relacións topo, na miña bitácora anterior, unha lista do 2006; dos seus nove volumes, rematei por mercar a día de hoxe uns 5, e de ler outros 2; había de historia medieval, marxismo e teatro clásico, que seguen sendo frikadas miñas, anque seguramente desprazadas no inmediato presente por outras rivais do estremo oriente...

No propio Pazo de Trasalba, e alén das listaxes dos libros que engulo ávidamente cada mes, topo senllas entradas de finais do 2008 e mediados do 2009 moi na liña dos traballos cos que andaba daquela, e que quizaves algún día non moi lonxano agromen en tese, arredor de te(i)mas de urbanismo, arte e literatura, comunidades virtuais, cultura de masas, ciencia ficción, simulación e simulacro e cultural studies...

Mais a día de hoxe as listas escaparon á modesta gaiola de bits da miña bitácora e/ou computador: en tres páxinas de amazon (a americana, a británica e a española) e na de abebooks teño os carriños da compra cheos cos libros 'de compra próxima', amais doutras listas, de acceso público, con libros de compra máis lonxana (aquí a americana e aquí a española). 

Eis unha auténtica barricada, un enorme imperio de papel co que resistir os embates, dardos e frechas da nosa sociedade audiovisual. Ou unha balsa coa que navegar o posmoderno mar de adversidades do presente, e coa súa axuda, vencelo.

quinta-feira, fevereiro 28, 2013

Libros do Mes

Princeton Companion to Classical Japanese Literature de Earl Miner et al.

The Yi-King de James Legge (tr.) [E]

Li Chi: Book of Rites, vol. 1 de James Legge (tr.) [E]

*Tao Yuan-ming, vols. 1 e 2 de A.R. Davis

* The Grand Scribe’s Records, vol. 7 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

*The Cambridge History of Ancient China de Michael Loewe e Edward L. Shaughnessy (eds.) [E]

domingo, fevereiro 24, 2013

Reseñas - The Yî King

The Yî king (I Ching)

James Legge (traductor)

1882, Clarendon Press

* * (regular)

Algo anticuada e escura versión dun texto xa de por si confuso e, por momentos, pesado.

O I-Ching constitúe un dos alcumados 'Cinco Clásicos' da tradición clásica de China e pretende ser, xunto cos outros catro, parte dun legado textual que tería a súa orixe na época Zhou Occidental (1046-771 antes da E.C.) e que tería pasado pola peneira editorial de Confucio e a súa escola para posteriormente converterse nunhas das obras canónicas de obrigado coñecemento e estudo nos perto de dous mil anos de Celeste Imperio. Dentro destes textos, o I-Ching chama un chisco a atención pola súa estrañeza,  xa que o 'Libro das Mutacións' é unha sorte de manual adivinatorio, ao estilo daquelas tradicións longamente desaparecidas dos arúspices etruscos ou das máis recentes e vivas do Tarot ou dos oráculos yorubas de Ifá.

Na China antiga, como noutras sociedades, a práctica adivinatoria fixo unha aparición moi temperá: as súas primeiras mostras coñecidas relaciónanse co emprego de osos oraculares (escápulas ou cunchas de tartaruga): gravábanse os materiais con diferentes preguntas, e logo aplicábase unha fonte calorífica ao oso que, ao rachar, permitíalle ao adiviño interpretar a resposta divina segundo fosen as fendeduras aparecidas. Esta técnica, típica da dinastía Shang (1600-1046 a.E.C.), forneceunos as primeiras mostras da escrita chinesa que se coñecen (datábeis de arredor do 1200 a.E.C), mais coa chegada da nova dinastía, Zhou, comezou a ser desprazada pola lectura de polas rachadas ou sen rachar da milfollas, ou herba dos carpinteiros. Éste é o método adivinatorio que, mal que ben, se explica no I-Ching.

Segundo a tradición, a invención deste método correría a cargo do heroe cultural Fuxi (伏羲), que elaborando tódalas combinacións posibles de liñas rachadas e sen rachar en grupos de 3 inventaría os oito (2 elevado a 3) trigramas. Con posterioridade, el-rei Wen (文王), o fundador da dinastía de Zhou, xuntaría estes trigramas para formar os sesenta e catro hexagramas (tódalas posibles combinacións en grupos de 6 das liñas rachadas e sen rachar.

O núcleo duro do I-Ching, polo tanto, constitúese destes 64 emblemas con liñas rachadas e/ou sen rachar, xunto cun nome e un par de parágrafos que darían a interpretación xeral do significado adivinatorio deste hexagrama. Así, por exemplo, temos o primeiro hexagrama: o seu nome é Ch'ien ('Forza'), e está composto por seis liñas sen rachar (o resultante de sumar por duplicado o trigrama homónimo, composto por tres liñas sen rachar).
E a súa interpretación sería "Ch'ien representa o que é grande e orixinante, penetrante, ventaxoso, correcto e firme".

Mais este é só o comezo da madeixa textual, pois moi cedo, estes lacónicos comentarios víronse incrementados por toda unha tradición de escrita. A segunda, atribuída ao Duque de Zhou (周文公), un dos fillos de el-rei Wen, consiste en comentarios e interpretacións de cada unha das 6 liñas dos sesenta e catro hexagramas. Vexamos as deste hexagrama:

"Na primeira liña, sen rachar, vemos a un dragón agochado no fondo das augas. Non é o intre de obrar de xeito activo. Na segunda liña, sen rachar, vemos ao dragón aparecendo nos eidos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na terceira liña, sen rachar, vemos ao home superior, activo e vixiante todo o día, e pola tarde aínda coidadoso e aprensivo. A posición é perigosa, mais non se cometerá ningún erro. Na cuarta liña, sen rachar, vemos a un dragón que parece que vai comezar o voo, mais que aínda está no fondo. Non haberá erro algún. Na quinta liña, sen rachar, o dragón está voando nos ceos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na sexta liña, sen rachar, vemos un dragón excedendo os seus límites. Haberá ocasión para arrepentirse".

Como podedes albiscar, o comentario consiste en imaxes bastante illadas e de interpretacións diferentes para cada liña. Nalgúns casos (como neste hexagrama), a imaxinería é relativamente común, unida por figuras recorrentes; noutros, non parece haber ningún entrelazamento nas imaxes da cada liña e de cada hexagrama.

E novamente, a este núcleo duro, engádeselle unha serie de apéndices (alomenos 7 na traducción de Legge), moitos deles atribuídos a Confucio, e que lonxe de clarificar o significado (adivinatorio, ou simbólico, ou moral), aínda o enguedellan máis, mesturando diferentes lecturas posíbeis de cada hexagrama (baseadas nos significados dos trigramas combinados, na figura representada polas liñas, que pode evocar obxectos coma pozos ou caldeiros), significados asociados ás posicións de cada liña dos hexagramas, ás posicións 'correctas' das liñas rachadas e sen rachar, interpretacións filosóficas sobre o cosmos e os elementos da natureza relacionados cos hexagramas, ou cos ciclos vitais e políticos dunha sociedade, etc... As notas do propio traductor son pouco máis clarificadoras que estes comentarios, e o lector fará ben na maior parte dos casos en ignoralas e proceder coa lectura.

Por todo o anterior, podedes imaxinar que a lectura deste libro é un xogo de adiviñas complexo, frustrante e por veces aburrido. Unha parte da culpa pode tela o propio traductor, mais sospeito que está no texto en si. De todos xeitos, segue a ser unha lectura recomendábel de xeito instrumental: como dicía ao comezo, o I-Ching será un dos clásicos de lectura e memorización obrigada para os poetas-funcionarios confucianos (os mandaríns), e un lixeiro coñecemento das súas imaxes e emblemas axudará a disfrutar mellor dos seus versos cando fan referencia a clásicos coma este.
 

quarta-feira, fevereiro 13, 2013

sábado, fevereiro 09, 2013

Clásicos

Como o bo mandarín que son, ando dende fai unha tempada enfrascado na lectura dos clásicos e do pensamento confuciano que, alén da brincadeira, resulta bastante afín a moitos aspectos do meu xeito de pensar e de ver o mundo. Unha das pedras angulares deste pensamento o constitúen os seus 'libros clásicos' (經, ching), herdados en maior ou menor medida dun pasado remoto (o da dinastía Chou Occidental, 1046–771 antes da era común) e posteriormente canonizados pola escola de Confucio e fixados oficial e textualmente ao longo da dinastía Han (206 a.e.c. - 220 e.c.). 

Anque a etiqueta de 'clásico' se teña asociado a unha grande variedade de textos, o seu núcleo duro confórmano os 'cinco clásicos' que, xunto cos 'catro libros', constituían o corpus esencial de textos que tiñan que estudar e memorizar os estudosos que desexaban presentarse ás oposicións da antiga China. Estes cinco son:
-O 'Clásico das Odas' (Shih), do que xa temos falado con anterioridade. É unha antoloxía de arredor de 300 poemas temáticamente moi diversos co metro tetrasilábico como base.
-O 'Clásico da Historia' (Shu), unha colección de documentos e discursos na súa maioría apócrifos e atribuídos a figuras históricas da máis remota antigüidade.
-O 'Clásico das Mutacións' (I), básicamente un manual adivinatorio non moi desemellante ao noso Tarot e composto por 64 hexagramas que se forman con tódalas combinacións posibles de grupos de 6 liñas rachadas ou sen rachar.
-O 'Clásico dos Ritos' (Li), onde se fixa unha longa serie de cerimonias e costumes rituais (vestimentas, obxectos, conductas axeitadas en diferentes eidos, etc...) e composto por tres libros diferentes: o Rexistro dos ritos, o Libro de etiqueta e ritos e os Rituais de Chou.
-Os 'Anais das Primaveras e Outonos' (Ch'un ch'iu), unha crónica analística e estremadamente concisa do estado de Lu (un dos moitos en que estaba dividida China na Época dos estados combatentes, 475-221 a.e.c.) e atribuída a Confucio.

Os dous primeiros destes foron lecturas dabondo interesantes e instructivas. Actualmente estou empantanado co I-ching, que me está a resultar, pola contra, unha lectura ardua e aburrida, ao que sen dúbida contribúe a partes iguais o meu total escepticismo coas artes adivinatorias e o seu estilo seco, fragmentario e contradictorio. En breve falaremos en máis detalle dos seus contidos a través dunha reseña que ando a argallar...  
  

quinta-feira, janeiro 31, 2013

Libros do Mes

Kukai: Major Works de Yoshito S. Hakeda [E]

Soledades, de Luis de Góngora

In Praise of Shadows de Jun'ichirō Tanizaki [E]

Japanese Nō Dramas de Royall Tyler (tr.) [R]

*Tao Yuan-ming, vols. 1 e 2 de A.R. Davis

*Princeton Companion to Classical Japanese Literature de Earl Miner et al.

*Life and Poetry of Wang Anshi, de Jonathan Otis Pease [E]

*The Yi-King de James Legge (tr.) [E]

domingo, janeiro 27, 2013

Tolkieniana

Entre os meus amigos é ben coñecida a miña afición polas obras e a figura de J.R.R. Tolkien, en pequena disonancia e contraste coas miñas habituais tendencias canónicas e clasicistas. O certo é que dentro da literatura xenérica, sempre me ten gorentado máis a fantasía (non só nas historias do profesor oxoniense, senón tamén nas páxinas de Moorcock e Peake) do que a ciencia ficción, malia que sexa con esta última coa que teña traballado un chisco no eido académico.

A miña primeira achega aos textos de John Ronald Reuel debeu de producirse cando andaba polos 9 anos, na pequena biblioteca composta dun dobre anaquel que tiñamos na miña aula de primaria do colexio Corpus Christi, en Bournemouth. O Hobbit facía compaña a outras obras que tamén me chistaron moito daquela e ao seu mesmo nivel, coma Charlie e a fábrica de chocolate ou Matilda de Roald Dahl. Cóntase polo tanto entre os primeiros libros que lin na lingua inglesa, naqueles días nos que o meu maxín infantil loitaba con non poucas dificultades por facerse dono daquela xiria inintelixíbel.

O segundo asalto tería que agardar a unha etapa escolar máis adiantada: no ano 97 estaba a cursar o terceiro curso de bacharelato (letras puras) no instituto Virxe do Mar (Noia); nesta ocasión o fornecedor de libros non un estante abstracto, senón un concreto compañeiro de aulas e hoxe excelente productor discográfico Borja Costa. O volume en cuestión era o Silmarillion, nunha coidadosa edición de tapas duras do Círculo de lectores, e do que o seu dono non pasara da primeira historia: 'A música dos Ainur' (Ainulindalë). 

Malia non ser nen o máis popular nen o máis 'redondo' dos libros de Tolkien (el mesmo non viviu dabondo para editalo nun formato definitivo), foi con el, coas súas historias épicas, líricas e mitolóxicas de deuses poderosos, linguas estrañas, novas razas e grandes combates co que me engaiolou definitivamente: rematei mercando o volume para min ao tempo que me ía facendo con outras obras (O señor dos aneis, os Contos inconclusos, o Libro dos contos perdidos).

A día de hoxe, o meu nivel de frikismo inclúe non só ir lendo os textos máis marxinais e secundarios da súa escrita, ou pasar polo cine para disfrutar coas adaptacións da súa obra, cortesía de Peter Jackson, senón a planificación futura de facerme con edicións de luxo, carísimas, dos seus volumes, e a participar na escolástica textual xerada polos seus textos. Para ilustrala, nalgunha xornada vindeira, debatiremos arredor dun dos cabalos de batalla dos foros de Internet: os Balrogs, o seu aspecto, e a súa capacidade para o voo... 

sábado, janeiro 19, 2013

Tanizaki e os retretes

"Cada vez que me ensinan un retrete vello, escasamente iluminado e (engadiría) impecábelmente limpo nun templo de Nara ou Kyoto, síntome impresionado polas singulares virtudes da arquitectura xaponesa. O recibidor pode ter os seus engados, mais un retrete xaponés é certamente un lugar de repouso espiritual. Sempre fica separado do edificio principal, ao final dun corredor, no medio dun xardín vizoso e fragrante con follas e musgo. Non hai palabras que poidan describir a sensación de sentarse na luz velaíña, absorvendo o lene lampo reflectido no shoji, perdido en meditación ou fitando cara a fora, ao xardín. O novelista Natsume Sōseki consideraba as súas visitas matinais ao retrete como un grande pracer, alcumábaas "unha delicia psicolóxica". E certamente non hai lugar mellor para saborear este pracer do que un retrete xaponés no que, rodeado de muros tranquilos de madeira finamente granulada, un fita ao exterior, vendo os ceos azuis e as verdes follas".     

Jun'ichirō Tanizaki, Eloxio das sombras