sábado, dezembro 31, 2016

O Vernero que foi: Decembro '05

Botando unha olladela, comprobo que o Nadal do 2005 foi unha época propicia para a escrita, cunhas oito entradas arredor dos hobbyhorses que na aquela altura rondaban o meu maxín; entre as novas de actualidade estaba a saída do primeiro libro de poemas de Ramón Blanco, Orfeo en soños, que marcando un eterno retorno acaba de ser agasallado co Premio Eusebio Baleirón polo poemario Se pedra na brétema. Do mesmo xeito que aquel, o novo volume ha xerar unha presada de reseñas e comentarios a adornar os ocos da bitácora en canto teña o libriño entre as mans.

Seguía pelexando naqueles días coas lecturas encol do posmodernismo (Lipovetsky e Foucault en Santa Compaña) e outras, máis clásicas (os libros de historia de Herodoto). A sombra das línguas tamén pairaba como unha branca neve que descende, sen vento, na miña memoria: linguas reais, coma o Osetio, ou inventadas, coma o Ithkuil. E quizaves a metáfora da neve debe algo máis que ao Dante á lembranza do xélido Gulag e doutra lectura dun volume de Tomasz Kizny extraído dos anaqueis da facultade de xornalismo, que moito visitaba daquela...

A neve e a repetición fanme pensar e sentir, quizaves, unha certa στάσις intelectual con respecto ao que lía e pensaba once anos atrás: agora adícolle pouco tempo aos posestructuralistas, e cunha mirada máis hostil; un libro de Dumézil sobre Osetios e Escitas segue agardando, paciente, a que o lea; moita máis paciencia terán que ter os volumes irmáns da Histoire de la sexualité...

Libros do Mes

Guerra de corrientes de Marcos Jaén Sánchez

Un conejo matemático en la chistera de Fernando Blasco

La ciencia del sexo de Susana Eva Martínez

Libro de Alexandre de An. / Jesús Cañas (ed.)

Un universo gravitacional de Mónica Salomone e Ángel Gómez Roldán

*Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

*Tales of the Cthulhu Mythos de HP Lovecraft et al. [E]

quarta-feira, dezembro 28, 2016

Dobre reseña: Libro de Alexandre / Un universo gravitacional

Un universo gravitacional. Agujeros de gusano, materia oscura y espacio-tiempo

Mónica G. Salomone e Ángel Gómez Roldán 

2016, Batiscafo

* * * * * (excelente)

Estupenda obra de divulgación científica explicando variados aspectos da forza da gravidade.

------------------------

Libro de Alexandre

Anónimo (edición a cargo de Jesús Cañas)

2003, Cátedra

* * * * (bo)

Un clásico medieval, modelo de Cuaderna Vía, anque algo pesado por veces

As dúas obras que nos ocupan hoxe non teñen máis común denominador, alén de coincidiren na miña lectura, no tema da paixón polo saber que ámbolos dous ilustran: no Libro de Alexandre, tal desexo reflíctese dende a negatividade (querer saber demasiado é unha mostra de soberbia que non ficará sen castigo); no Universo gravitacional, consoante cos nosos tempos e valores modernos, é parte da pescuda gloriosa de ampliar o saber e os límites da ciencia, e representada por unha galería de nomes honorábeis.

O libriño de Salomone e Roldán, parte da serie 'Descubrir la ciencia' da que xa temos falado, é un moi ben redactado e entretido parcours tanto polo descubrimento e mudanzas no noso coñecemento encol da gravidade coma por unha presada de experimentos e descubrimentos recentes relacionados con ela (materia e enerxía escura, o LIGO e a detección de ondas gravitacionais, os buracos negros e algunhas posíbeis liñas de investigación no futuro).

Saltamos case mil anos no tempo á Castela do Gótico e ao quase-enciclopédico Libro de Alexandre, que alén de narrar (por veces, con moita imaxinación) as fazañas do heroe da Antigüidade, segue o espírito dos seus tempos na súa intención moralizante e relixiosa de pintar un espello do príncipe ideal, a imitar polos reises medievais, á par que redacta un extenso sermón sob o título do 'Contemptus Mundi': incluso o rei máis poderoso, sabio e valente, aquel que conquistara tódolos reinos da terra, estaba condenado a perdelo todo coa morte: moito máis axeitado prepararse para a vida eternal e sen mácula, onde a roda de Fortuna ficará en στάσις, e a alma en έκ-στασις.

Ámbalas dúas son obras moi encomiábeis; a da colección Conciencia é pequena e moi asequíbel, malia o contido científico; o poema medieval vese dificultado pola linguaxe, pola extensión (máis de 2500 estrofas, arredor de 10000 versos, sen pausas temáticas ou capítulos) e pola natureza tan 'outra' do mundo e do imaxinario feudal que representa, mais paga a pena seguir as súas liñas ata o final.

segunda-feira, dezembro 19, 2016

MOOCs - pobreza absoluta

Uns meses atrás falábavos da miña experimentación cos cursos online, os MOOCs (Massive Open Online Courses). Chegado o intre de avaliar, só podo dicir que a experiencia foi enormemente decepcionante, e que estes cousiños, 'sombras andantes, actores malos' están a anos luz de substituír (ou incluso, de meramente acompañar) á ensinanza universitaria regrada.

E non pensedes que disfruto facendo de 'cenizo' dixital. De feito, emprego con gusto tecnoloxías educativas no meu traballo cotián (agora, especialmente, edmodo), e sei darlle creto a quen o merece (a estupenda Khan Academy, por exemplo, da que tamén temos falado). Pero o caso é que os MOOCs son unha cousa tan paupérrima que un non sabe por onde comezar a criticalos...

Un primeiro aspecto sería, quizaves, os materiais. En ningún dos cursos que mirei en Coursera, Stanford ou California, os materiais eran de boa calidade. O método MOOC parece consistir en inserir videos breves, para non aburrir (menos de 4 minutos) con contidos moi esquemáticos. Eses contidos están moito (pero moito) mellor explicados en calquera manual sobre a materia que un pode mercar ou descargar, co que a única 'ganancia' que representan é, para os mitómanos da imaxe, que son videos.

Mais o peor está por chegar; logo de ver os videos, hai uns tests da autoavaliación misérrimos para practicar os contidos. Os tests son claramente insuficientes para avaliar nada, e compleméntanse con actividades de 'comentario breve' que serán avaliados... por outros estudantes! Podo entender a lóxica que leva a isto (corrixir e ler exercicios é moi time-consuming, e os ofertadores de cursos gratuitos non van a contratar a xente para que fagan ese traballo), mais esa lóxica non fai a estes cursos menos inútiles do que son.

Por outra banda, estes cursos non xeran ningún tipo de certificado que teña valor ou recoñecemento en ningures (nen a nivel universitario, como créditos de libre configuración, nen laboral), o que fai tanto máis sorprendente que se pretenda cobrar por eles (algo que Coursera tenta dende o comezo do ano en curso, en que xa nen sequera permite autocorrixir os exercicios de moitos cursos sen pasar por un previo 'pago').

Por todo o exposto, e a día de hoxe, os MOOCs son, ao meu ver, un puro lixo ao que non paga a pena prestarlle a mínima atención. Quen queira aprender cousas novas faría ben collendo uns bos manuais e estudándoos, ou plantexándose a ensinanza universitaria a distancia. Quizaves nun futuro moi, moi distante, as universidades acaben facendo mini-cursos dixitais de calidade e con recoñecemento; mais a teor das patéticas mostras dispoñíbeis, ese día está máis aló deste horizonte que se albisca.

quinta-feira, dezembro 08, 2016

Cabreo

Ben sei que Marc Fumaroli é un grande retórico e un gran historiador (o ano pasado publicouse en español por Acantilado a súa deliciosa Cuando Europa hablaba francés, de recomendábel lectura); do mesmo xeito sei que os cortes de edición en videos e entrevistas poden acabar transmitindo unha imaxe distorsionada e interesada das opinións dun; todo o cal non quita para que me poña de moi mal humor este pequeno video de Stephen Fry encol dos immortels e a Academia Francesa.


No que parece unha parodia do habitual estereotipo sobre os franceses como arrogantes odiosos e hipócritas, namorados da súa pasada grandeur, escoito estupefacto ao presidente da academia laiándose da invasión cosmopolita e globalizadora do inglés ("globish") ao tempo que despreza as línguas territoriais de república como 'pouca cousa' que pagaba a pena perder a cambio de participar na 'conversa superior' en francés.

Son cousas como estas as que alimentan a miña coñecida fogueira francófoba e a miña resistencia a aprender o seu idioma, a sentir que o mellor pago que se lles pode facer a estes imperialistas fracasados é colaborar activamente pola irrelevancia desa ferramenta lingüística da que se amosan tan compracentes... 

quarta-feira, novembro 30, 2016

Libros do Mes

El universo meteorológico de José Miguel Viñas

El cerebro artístico de Mara Dierssen

Mirando al cielo de Joan Solé

Historia da Shoah de Georges Bensoussan [E]

*Libro de Alexandre de An. / Jesús Cañas (ed.)

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

*Tales of the Cthulhu Mythos de HP Lovecraft et al. [E]

sábado, novembro 26, 2016

O Vernero que foi: Novembro '05

A escrita deste tempo pasado recoñeceríase ben baixo un sub-título de orixe ciceroniá: De Amicitia. Novembro foi un mes prolífico en entradas, aguilloado a facelas polos comparatistas boloñeses que disparaban as súas frechas dende lonxe, coma Febo Apolo, esixíndome cousas. Entre as 'comandas' está unha imaxe de Savonarola (meses despois tiraría unha foto baixo a súa estatua ferrarense), unha tradución dun poema de Wallace Stevens e unha homenaxe a John Keats, cuxa tumba do Cimitero degli Inglesi foran visitar os camaradas. Polo medio hai tamén algunhas entradas humorísticas, incluída unha fantasía cromática inspirada nesta escea de 8 1/2 de Fellini...

Naqueles días saía tamén do prelo o primeiro libro de poemas do bo amigo Ramón Blanco, Orfeu en Soños, e daba comezo unha presada de entradas-homenaxe que acompañarían ás presentacións e recitais do volume, en en homenaxe do cal, e do aniversario do seu autor, que cumpre en Novembro, ei ler hoxe algúns poemas ao chou nesta tarde mol e grisalleira que se presta a nostalxias varias e a lembrar as boas e vellas amizades a carón dunha taza de chá anisado (vai tempo que renuncei ao alcool...).

quarta-feira, novembro 16, 2016

Replicante (modo De Prada, non Blade Runner)

No Semanal do pasado domingo podíase ler unha columna de Juan Manuel de Prada laiándose da marxinación das humanidades en xeral, e das línguas clásicas en particular nos actuais plans de estudo, a súa substitución polo utilitario e crematístico, e o grave exercicio de desmemoria que isto implica. Malia que o conservadurismo clerical de De Prada tende a xerarlle antipatías e críticas ad hominem incluso antes de que moitos lectores vaian máis alá do titular, eu topei moito do que dí nestas liñas razoábel, e creo que podería compartilo calquer persoa con sensibilidade pola cultura. Matizaría, iso sí, nun aspecto fundamental: cando De Prada lle concede unha posición tan central ao latín coma o 'transmisor e conservador da cultura europea', debera máis ben matizar a qué cultura europea se refire; dígoo porque na Civilización Grecolatina (á que podemos considerar devanceira anque claramente diferente da nosa), a língua prestixiada, transmisora e conservadora da cultura era o grego, a que falaban incluso os romanos (cultos) na intimidade, aquela na que se producían as reflexións e creacións literarias máis senlleiras (e seguiríao sendo na metade oriental do vello Imperio de Roma ata a súa desaparición). O latín foi a lingua cultural da Civilización Cristiá Medieval de Occidente, cuxos textos e cuxos valores estéticos e ideolóxicos son santo da devoción de Juan Manuel. Un latín que xa na época imperial absorvera e imitara á súa compadre e que, en efecto, transmitiu parte do bafo helenístico a Europa.  Mais non esquezamos que foi transmisión interesada, parcial e viciada polo triunfo do cristianismo e a posesión exclusiva do saber por parte da igrexa nos séculos escuros. Árabes e Bizantinos son os responsábeis de que conservemos ese saber en moita maior medida que os monxes medievais e a Igrexa Católica.

Por outra banda, tampouco convén esquencer que pouco a pouco, dende a Reforma, e xa claramente despois das Revolucións Científicas do XVII, o latín deixou de ser a lingua franca incluso de Occidente, sustituída polos vernáculos e por grandes textos, formativos da nosa cultura, que agora se escribían en francés, alemán, inglés.  Todo o cal debería conducirnos a unha atitude máis cauta, anque valorativa, sen dúbida, da língua latina, mais empurrándolle a que ceda o trono e o cetro a outras línguas que en medida pouco menor tamén son fundamentais para a nosa cultura; de feito, para as formas actuais da Civilización Occidental,  que De Prada aborrece, seguramente o grego e as modernas son fontes moito máis nutricias que a língua de Cicerón e de Virxilio (e na parte que realmente lle toca a De Prada a fibra sensíbel, de Agostiño de Hipona e de Tomás Aquino).

segunda-feira, outubro 31, 2016

Libros do Mes

¿Por qué somos como somos? de Gemma Rodríguez-Tarduchy e Álvaro Martínez

¿Por qué es científica la ciencia? De Agustín González Ruiz

Especies cósmicas de Carmen del Puerto Varela

The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]

*Libro de Alexandre de An. / Jesús Cañas (ed.)

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

*Tales of the Cthulhu Mythos de HP Lovecraft et al. [E]

*Historia da Shoah de Georges Bensoussan [E]

segunda-feira, outubro 24, 2016

Reseñas - ¿Por qué es científica la ciencia?

¿Por qué es científica la ciencia? La ciencia a la luz de la filosofía

Agustín González Ruiz

2016, Batiscafo

* * * * (bo)

Amena, ilustrativa e interesante introducción á filosofía da ciencia.

O libro do que falamos hoxe é outros dos volumes da colección divulgativa da colección 'Descubrir la ciencia' de Materia III. Xa se reseñara eiquí o segundo dos libros, adicado á física cuántica, e xa levo lidos en total da serie uns 9 exemplares cun balance positivo, anque non exento de irregularidades. Do que falamos hoxe é para mín a contribución máis interesante ate o de agora.

Nas súas escasas 140 páxinas (incluíndo apéndices de bibliografía e glosario), González Ruiz fai unha boa labor explicando as bases da filosofía da ciencia: comeza por cuestións terminolóxicas, aclarando cal é o consenso intelectual arredor da definición de 'coñecemento científico', os seus criterios de demarcación e clasificación. Prosegue logo cunha breve historia da disciplina, centrándose en detalle nas dúas grandes escolas: a clásica (conectada co positivismo lóxico) e a estructural. A isto séguelle un capítulo sobre os criterios de xustificación racional do coñecemento científico, para rematar cunha xeira de tres capítulos contrastativos, onde se plantexan as relacións Ciencia-Filosofía, Ciencia-Pesudociencia e Ciencia-Relixión.

É unha obra escrita con gran claridade e relativamente doada de seguir nos seus argumentos, anque por veces haxa que prestar atención e ler de vagar os argumentos (especialmente na sección adicada ao modelo estructuralista de filosofía da ciencia). A claridade expositiva foime persoalmente de gran valor á hora de distinguir entre os dous 'paradigmas', se se quere, que houbo na disciplina, anque sospeite un chisco que González Ruíz peca de moi partisano (e quizaves por iso non totalmente obxectivo) da visión estructuralista, unha visión á que a priori eu lle tiña bastantes sospeitas (todos os neosofistas posmodernos citan cada dous por tres a T.S. Kuhn para xustificar o seu relativismo e as súas críticas ao saber científico). Tampouco entra nos debates das teses realistas-irrealistas, anque imaxino que por falta de espazo.

En definitiva: un exemplar moi recomendábel e clarificador como punto de partida para aprender sobre o tema. Ficaremos atentos a outras cousas do autor.

domingo, outubro 23, 2016

O Vernero que foi: Outubro '05

O outono deste ano debeu ser bastante melancólico, visto que os poetas comparatistas cos que compartira tantas reflexións e intimidades nos anos inmediatamente anteriores e posteriores estaban ese ano de Erasmus en Bologna, anque enviando dardos, peticións, colaboracións e protestas dende lonxe, coma os fillos de Leto. Entre elas estivo no mes de outubro unha canción de Franco Battiato que non escoitara daquela e que agora sí; ten un toque como a antiga melodía inglesa que lle acae ben...

Naquel tempo (que debía ser o penúltimo ano da miña última carreira) estabamos a ler, entre outras cousas, The Scarlet Letter de Nathaniel Hawthorne,  que era e é unha grande novela que me deixou gorentoso de máis; porén, a suxerentemente titulada The House of the Seven Gables segue agardando a que a merque e lle adique as súas correspondentes horas; algo máis (contos breves) teño lido dende aquela de Hawthorne, e segue escamándome o seu puritanismo. Lendo o que escribía daquela na mini-reseña da novela, tópome hoxe menos escéptico cara os valores humanísticos da literatura (bebía entón con máis intensidade os velenos da crítica postestructuralista e a Escola do Resentimento); da man da miña maior felicidade actual, contemplo con algo máis de distancia a miña forte empatía daquela con personaxes literarias tétricas, coma Chillingworth.

Publicaba daquela tamén unha das poucas colaboracións literarias que teño na revista 'Terra de Outes'; agora teñen que consolarse coa entrevista que me fixeron a traizón e que orna as páxinas do penúltimo número, e que moito máis cedo que tarde, polos meus pecados, habedes de ler eiquí. Dinme que na foto que a acompaña saio moi guapo e moi novo, anque eu sería escéptico (agás na crítica implícita ao meu aspecto actual).

sábado, outubro 08, 2016

Chutney Tasting # 3

Eis a terceira fornada de chutney que se cociñara o verán do 2015; neste caso, empregáramos tomates verdes, mesturados en certa medida con mazás e cebolas, alén de especies e algún froito seco.

























A cor neste caso é a máis 'acastañada', o cal ten a súa lóxica, xa que os tomates que se empregaron nel non estaban vermellos; no que toca ás especias, creo que empreguei máis ou menos as mesmas que en casos anteriores.

Na primeira cata, o que primeiro me chamou a atención foi unha certa acidez; nas seguintes, o sabor xa se amosou máis complexo, doce, quizaves o máis 'afroitado' dos tres chutneys que se viron ata agora.


Igual que ao previo, voulle conceder un apto; non é nada que quite o senso, mais acompaña de xeito delicioso calquera carne ou comida salgada (especialmente queixos).

sábado, outubro 01, 2016

Antropofaxia e sexo inter-especies!

"La bondat del cavallo / vinçiá todo lo al,
nunca en este siglo / ovo mejor nin tal,
nunca fue enfrenado / nin preso de dogal,
mucho era más blanco / que nieve nin cristal.

(...)

Fizol' un elefante / como diz la scriptura,
en una dromedaria / por muy grant aventura;
viniél de la madre / ligerez por natura,
de la parte del padre / fortalez e fechura.

Quando avié el rey / a justiçiar ladrón,
dávalo al cavallo / en lugar de prisión;
ant lo avié comido, /  ¡tanto era glotón!,
que veint e quatro lobos / comerién un motón".

Libro de Alexandre

sexta-feira, setembro 30, 2016

Libros do Mes

The Grand Scribe’s Records, vol. 10 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

Fenómenos cotidianos de Alberto Pérez Izquierdo

Contra la nueva educación de Alberto Royo

El francotirador paciente de Arturo Pérez Reverte

The Analects of Confucius de Robert Eno (tr.) [E]

*The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]

*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.

sexta-feira, setembro 23, 2016

O Vernero que foi: Setembro '05

A caída das follas no outono do 2005 repenicaba axeitadamente no pazo de Trasalba, mesturándose coas sombras-en-sombras de Baleirón ou coas herbas reencarnadas de Álvaro Cunqueiro. Outra negra sombra, funérea e melancólica, pairaba no meu maxín naqueles días. Eran, porén, para moitos os días da esperanza en que o Fragasaurio perdera as eleccións e nos que comezaba un pequeno paréntese entre anos e anos da gaivota; mais a negra sombra manifestábase no regusto agridoce por mor dos malos resultados do BNG nas eleccións (quen nolos dera agora!) e do reformismo quintanista que se albiscaba dende a consellería. Coa perspectiva do tempo, é seguro que os mozos fomos demasiado esixentes con aquel goberno, no que alén dos seus erros, depositabamos unhas irrealistas expectivas de mudanza radical de todo ("hai que romper / romper agora"). O caso é que os que rompimos fomos nós, e máis dunha década despois, seguimos recollendo os anacos.

Nunha das miñas non frecuentes meditación políticas, cavilaba arredor da disxuntiva que toda forza política ten que afrontar entre a fidelidade aos ideais e a vontade de transformación; é unha tensión que non se restrinxe ao político, e que Salman Rushdie reflexa moi ben en moitos parágrafos dos Versos Satánicos, que aínda non lera daquela. Anque tentaba ser ecuánime e equidistante naquelas liñas entre os puros e os posibilistas, non creo que conseguise de todo diluír a miña antipatía cara a segunda destas posturas e os seus representantes, encarnacións dun tipo de política que só me inspiraba indiferenza e un certo patricio desprezo; tal era o remol inevitábel dun ultrarradicalismo previo que ía retrocedendo aos poucos, baixamar pasiño a pasiño, festina lente, perante os enbates de lecturas, realidades e de interminábeis debates e disputas cos colegas comparatistas arredor do posmodernismo e da crise dos metarrelatos. Porén, relendo aquelas liñas non topo ningunha discrepancia intelectual con elas once anos despois, o cal podería lerse positiva ou negativamente, empregando a mesma dialéctica (neste caso, aplicada a nivel persoal) da lealdade aos vellos ideais ou do aggiornamento aos novos tempos; ou podería indicar simplemente que escribín aquel texto con tento e con siso, e xa esculcando coa mans o país dunha certa madurez persoal e intelectual.

Máis mudanza descubro ollando para as liñas que citaba de Eagleton, un crítico literario ao que sigo respectando mais que xa ten caído (e non pouco) do pedestal en que o tiña daquela; é que se naqueles días aínda aceptaba os provocativos ataques a todo formalismo literario que emanan de Literary Theory: an Introduction, a día de hoxe son un furibundo esencialista con moi pouca paciencia cara as escolas do resentimento escritoril. Seguramente o meu purismo de antano mudou de habitación propia, que non de casa, e pasou da política á estética...

terça-feira, setembro 20, 2016

A prol das reválidas

Últimamente non deixamos de ler nos xornais novas sobre a inminente aprobación da primeira reválida en secundaria, filla da LOMCE, e os atrancos e a virulenta oposición que dende a 'esquerda educativa' se lle plantexan. Voume permitir, nesta ocasión, nadar contracorrente e facer unha defensa deste tipo de probas sempre e cando se fagan ben, e deixando claro que tanto a lei en vigor como a pésima praxe do goberno van ser exemplos de libro (permitídeme xogar a profeta) do que é facelas MAL.

Son varias as virtudes que presenta este tipo de probas, ao meu ver; a primeira é que garantizan que o alumnado de etapa realmente acadou de xeito uniforme os obxectivos curriculares mínimos que se agardan deles (e da etapa); o sistema actual está demasiado pensado para 'maquillar' a ignorancia, o desleixo, a preguiza e o desprezo do saber e dos contidos que sanciona a doxa pedagóxica imperante, e unha proba externa seria e ben deseñada obrigaría a todos, alumnado e profesores, a 'poñerse as pilas' e garantir a consecución dos ditos obxectivos. Ven a ser expandir a etapas previas o que xa fai a selectividade na etapa pre-universitaria de finais de bacharelato.

Outra ventaxa pode ser a de mellorar un chisco a atmósfera e a atitude cara a aprendizaxe na aula: a proba externa obriga ao alumnado, se quere titular, a facer un esforzo para prepararse para a proba; ese mesmo esforzo é unha boa lección e preparación para a vida post-académica, onde as esixencias laborais sobre o traballador van estar á orde do día; isto é algo moi visíbel, novamente, en segundo de bacharelato, anque a situación non é totalmente equiparábel nas etapas previas (onde teríamos outro problema a debatir, a saber, o da uniformidade comprehensiva das ensinanzas e itinerarios).

Da man do anterior, unha vantaxe non menor sería o cambio na atitude cara o docente: con probas externas, éste pode deixar de verse coma 'o inimigo' (ese que me vai suspender) e converterse, coma os entrenadores deportivos, nun 'aliado' (ese que me vai a axudar a superar a proba). A avaliación externa crea un novo filtro de obxectividade e un rol máis positivo para o profesor.

Moitos profesores obxetan cara as revalidas en tanto as consideran unha 'descalificación' das súas notas e do seu traballo docente. Eu diríalles que non ten porqué ser tal: nas EOIs nas que levo traballado a maior parte da miña vida laboral, a 'reválida' e a non avaliación por tí mesmo dos teus alumnos é a norma, non a excepción; e podo dicir que da excelentes resultados dende tódolos puntos de vista.

Outra obxeción é que as reválidas obrigan a subordinar a docencia e o traballo nas aulas á 'preparación do exame'. Tal cousa non tería que darse cunha reválida ben feita e ben deseñada, que se centrase en garantir os contidos mínimos dos que xa falamos; realmente isto entronca con outro problema totalmente diferente e do que tamén poderíamos falar noutra ocasión, a saber, o da hipertrofia dos contidos curriculares e das materias; ámbalas dúas cousas que ao lexislador lle resulta moi doado engadir con total e perfecta indiferenza das consecuencias reais, non das imaxinadas, dese 'empacho' ).

Porén, e como dicía no comezo, a reválida que nos ven sabemos que non só non vai ser a óptima, senon unha auténtica trapallada: imposta sen consenso educativo, sen consultar aos docentes (o cal é o consenso máis importante neste eido), privatizada para favorecer aos amigotes do ensino privado/concertado, densa e longa de máis, avaliando cousas que non se prepararon e/ou deron nas aulas axustadas ao currículo, non á revalida... Mais todo iso son incompetencias culposas da administración educativa actual, e non do formato das probas externas en sí.

quarta-feira, setembro 14, 2016

Seal of Office

"... e no séptimo ano da Era 永工作, o Mandarín Marabilloso foi nomeado Prefecto de Lang-chou, con dereito a portar o Gran Selo de bronce prateado con forma de tartaruga".

dos Anais Básicos do Mandarín Marabilloso

quarta-feira, agosto 31, 2016

Libros do Mes

The Enlightenment de Anthony Pagden [E]

Kyoto: An Urban History of Japan's Premodern Capital de Matthew Stavros [E]

Tras el Big Bang de Alberto Fernández Soto

Fitful Slumbers (Utatane) de Abutsu / John R. Wallace (tr.) [E] [Art]

La ciencia de la ciencia-ficción de Manuel Moreno e Jordi José

Midnight’s Children de Salman Rushdie

*The Grand Scribe’s Records, vol. 10 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

*Count Zero de William Gibson [R]

*The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]

sábado, agosto 27, 2016

Curseando

Un  par de meses atrás, explorando aplicacións educativas dixitais, decidín probar os cursos online que ofrecen gratuitamente algunhas universidades a través de plataformas coma coursera; sospeitaba, con razón, que estes materiais de balde ían a deixar un tanto que desexar, coma case tódalas mostras de productos que se ofrecen en rúas e supermercados; a miña primeira experiencia (How to Learn Math: For Students, da universidade de Stanford) confirmou as sospeitas.

Porén, voulle dar outra volta de porca nestes días, tan de retorno aos estudos, de setembro. Apunteime a outro curso de Stanford (Introduction to Mathematical Thinking) que me parece ten un pouco máis de empaque, e a outro choio da universidade de California en Irvine: Pre-Calculus: Trigonometry. Xa vos irei contando como van...


segunda-feira, agosto 15, 2016

O Vernero que foi: Agosto '05

É un lugar común, en boa medida falso, que as células do corpo humano son completamente substituídas cada sete ou dez anos. Algunhas, como as neuronas, nunca se mudan; mais seguindo co xogo ao que da lugar o lugar común, pensemos por uns intres en canto fica do nós de van 10 anos atrás: seguramente haxa fotos, lembranzas, ideas. Cousas que permanecen e cousas que mudaron. Aproveitando a miña habitual tendencia á nostalxia e que esta bitácora leva sendo dende o 2005 un íntimo e público diario e memoria paralela / para lela, dou comenzo a unha sección na que revisitar as cousas nas que cavilaba no pasado, e as continuidades (ou non) no meu cavilar do agora.

No Agosto do 2005 inauguraba este espazo con catro pequenas cousas; As dúas primeiras eran un introito de homenaxe Oteriá, xa que Don Ramón Otero Pedrayo era e é un dos autores galegos aos que máis admiro e co que máis empatizo. O seu trasunto literario poboa, baixo o nome de 'Maître Obscur' a novela 'No ventre do silencio' de Méndez Ferrín, perseguido na miña primeira entrada por Narda ate os adentros da catedral compostelá. Neste pazo dixital de Trasalba, un podía xogar ao Maître Obscur anónimamente observado por presadas de lectores virtuais.

Libros de Otero que tiña lido 'naquel tempo' (como se dí nas lecturas do Evanxeo na misa) incluían, amais do evidente Fra Vernero, o meu favorito, a triloxía d' Os camiños da vida (o primeiro volume como parte das lecturas obrigatorias do COU de letras), a súa versión apocopada no Arredor de sí e os contos breves de Entre a vendima e a castañeira. Hoxe tería que engadir O señorito da reboirana, que en boa medida desprazou ao Zacarías nos meus afectos; e na estantería agarda, impaciente, A romería de Xelmirez, que ei comezar antes que remate o ano.

Tampouco tivo maior fortuna lectora, malia unha compartida admiración, o escritor de Lübeck Thomas Mann, anque poucos anos despois había de visitar a Buddenbrookhaus, hoxe convertida en museo;  dende a Montaña Máxica só lle adiquei un par de días a un pequenísimo volume seu publicado en Edhasa (quinteto) con La muerte en Venecia e Mario y el mago. A mala conciencia arremuíñase nesta volta arredor dunha edición boa, de tapas duras, do Doktor Faustus, que agardo mercar antes que remate o 2016. Lela xa será fariña doutra costal...

Remataba aquel agosto cunha meditación e pregunta retórica arredor da miña sempiterna fascinación cos mitos, en aberto contraste cun racionalismo militante que ás alturas deste agosto segue ardendo con igual ou maior rigor, mutando tan só un chisco dende auroras de Marx ás luces da Ilustración; coa perspectiva que dan os anos, volvería a plantexarme a pregunta e a respostala, desta volta: máis que o mythos, o que sospeito que me fascina de sempre é a ficción e a narratividade; foi ese amor, malguiado polo falta dunha man sabia e directora, o que acabou condensando na mitoloxía e, logo, na historia (pensade, nun pequeno excursus, que as línguas da península non distinguen, baixo a etiqueta de 'historia' os feitos máis ou menos reais do pasado -history- das narracións ficticias -story- como fan os anglosaxóns). E foi esa confusión, en parte, á que me levaría a certo estupor, rematando a miña primeira carreira: o do nulo interese que espertaba en mín a investigación histórica máis 'científica': cando non había nomes propios e historias de reises ou de revoltas que contar; cando xurdían, como ameazantes torres no ar, as estatísticas demográficas e os artigos encol de excavacións arqueolóxicas, o meu subconsciente comezou a pescudar un carreiro e un proxecto de vida novos. E por eses carreiros andamos...