terça-feira, outubro 30, 2018

O Vernero que foi - Setembro / Outubro '07

Transcorrido un mes de coller forzas, logo de moito viaxar e gastar, o outono do 2007 comezaba máis melancólico aínda do habitual. Tocaba unha época de comezos -ao ser o primeiro ano da miña vida en que non estaba apuntado á ensinanza regrada, senón simplesmentes a unha academia para preparar oposicións de Historia-, mais neses días de frío ascendente ía tocando máis ben a Sinfonía dos Adeuses, despedíndome de Compostela e dos amigos universitarios, e aínda seguía pelexando cos espectros e frustracións do pasado.

Fitando as entradas vexo que lía encol do Lissitsky, cavilando en completar un proxecto de vello, que segue durmindo o soño dos xustos, na forma dun libro ou artigo longo sobre a Vangarda Soviética, quizaves chamado 'Os Doce Apóstolos' para centralo en doce figuras e conectar co verdadeiro buque, cheo de minas vellas e ancorado en Odesa, que serviu para as gravacións do Acoirazado Potemkin. Na mesma liña bolxevique, percorría tamén as páxinas do diario de cadea de 'Félix de Ferro', e outras lecturas variadas (Indoeuropeística, Klimt), testemuño do meu padal e dos meus intereses ecuménicos.

Porén, o que máis define aquel tempo é a tristeza densa, acorante, inmortal que me apretaba o pescozo, tristeza non só das mudanzas, senón das repetidas e sonadas frustracións sentimentais; na cifra deses 60 días encríptase o nádir da miña infelicidade e o maior outono do meu descontento; mais o bo de tocar fondo é que xa só fica unha dirección vertical na que rubir.

sábado, outubro 13, 2018

Yo me escapé

Conta a lenda (e contaba o xadrecista aficionado Javier Rodríguez 'Panero' con delectación) que logo de fuxir da URSS, e cando o xadrecista ruso Víktor Korchnoi participaba no torneo polo título mundial de 1978, a delegación soviética esixiu que xogase baixo unha bandeira branca rotulada 'apátrida', ao que o mestre ruso tería respondido, con moita retranca, que aceptaba a idea da bandeira branca anque cun recheo tipográfico diferente: "Eu conseguín fuxir". A anécdota venme ao maxín cando reflexiono, nesta chuviosa tarde outonil, encol da miña propia escapada da ensinanza secundaria, consumada de xeito definitivo este ano.

Son consciente de que non fun xusto coa docencia a adolescentes (anque certo é que xa non me gorentaban moito cando eu era un deles): para empezar, só botei un ano neses trafegos, e a miña imprensión subxetiva é que un non se sente seguro e cómodo nun traballo alomenos ata botar 2 ou 3 anos nel (é o que calculo que me levou no caso das Escolas Oficiais de Idiomas); malia pertenceren ao eido educativo, os dous tipos de traballo que realicei non tiñan prácticamente nada en común, e non se retroalimentaban; que o centro e os grupos que me tocaron en secundaria non fosen os máis doados de lidiar para un profesor novel tampouco facilitou que me integrase ben. Estou seguro de que, con máis anos, experiencia e noutras contornas había facer un traballo tan bo, e de sentirme tan a gusto como agora na sección de Noia. E seguramente, había ser quen de cultivar algunha maior empatía cos meus discentes (algo que me resulta moi doado cando son adultos, agradecidos e/ou racionais).

A vida da moitos xiros, e anos atrás tería considerado merecedor dunha hospedaxe permanente en Conxo a quen me asegurase que ía rematar os meus días ensinando inglés, e disfrutándoo. Non creo que as reviravoltas me leven de novo ás trincheiras das ensinanzas medias, e dende logo nun mudarán o respecto e admiración cara o traballo e a paciencia dos ex-compañeiros que persisten nunha meritoria guerra fría contra as cadeas da ignorancia e da inmadurez, e nun contexto de case nulo recoñecemento e aprezo.

domingo, setembro 30, 2018

Libros do Mes

Ancient China: A History de John S. Major e Constance A. Cook [E]

Languaging, agency and collaboration in advanced second language proficiency de Merrill Swain [E] [Art]

*Cross-Language Mediation in Foreign Language Teaching and Testing de Maria Stathopoulou

*Decline and Fall of the Roman Empire de Edward Gibbon , tomo 1 [R]

*Shih-ching de Ezra Pound (tr.)

*The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.) [R]

*Algebra: Structure and Method de R. Brown, M.P. Dolciani et al.

*The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

*The Practice of English Language Teaching de Jeremy Harmer

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The Fall of Berlin de Antony Beevor [E]

terça-feira, setembro 25, 2018

Keep your Eyes on the Music

[Cando o Glorioso Exército Vermello entraba en Alemania alá por 1945 nunha orxía de sangue, ferro, lume e violacións múltiples, a compaixón cara o odiado inimigo que cometera tódolos excesos imaxinábeis en Rusia era un ben escaso. Non se facían moitos prisioneiros, e dentro destes, unha porcentaxe non trivial remataban de moi mala maneira, como se ve a continuación]

"Un prisioneiro de guerra británico que conseguira escapar, un piloto recollido e levado con eles por unha unidade da Primeira Fronte de Belarus, veu a un soldado mozo das SS obrigado a tocar o piano para os seus captores rusos. Fixéranlle entender claramente con linguaxe de xestos que sería executado no intre en que parase. Conseguiu tocar por dezaséis horas antes de colapsar, saloucando, sobre as teclas. Entón batéronlle forte no lombo e logo arrastrárono fóra e fusilárono".

Antony Beevor, The Fall of Berlin

quarta-feira, setembro 19, 2018

Busy teacher (2)

Novamente, estou liado ata as orellas, ata case non dispoñer de tempo mínimo de ocio; o comezo de curso é inusualmente quente, dado o cambio de plan de estudos das EOIs, ao que aínda lle teño que sumar a preparación do meu obradoiro para as xornadas destas... Tede un pouquechiño de paciencia, e logo ei voltar ao duro banco desta galera turquesca...


sexta-feira, agosto 31, 2018

Libros do Mes

*Ancient China: A History de John S. Major e Constance A. Cook [E]

*Shih-ching de Ezra Pound (tr.)

*The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.) [R]

*Algebra: Structure and Method de R. Brown, M.P. Dolciani et al.

*A Practical English Grammar de A.J. Thomson e A.V. Martinet

*The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

*The Practice of English Language Teaching de Jeremy Harmer

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

segunda-feira, agosto 20, 2018

To maken vertu of necessitee

Un recente artigo nun xornal xeralista manifesta a súa sorpresa (e un chisco de narcisismo autocompracente implícito) arredor do escaso interese dos alumnos estadounidenses polas línguas estranxeiras; aparentemente, só un 20% dos estudantes de colexios públicos dalá aprende outra língua na etapa escolar, fronte ao 92% dos europeos. Porén, a comparativa, como a mesma nova recoñece, é un tanto inxusta. Alén da pequena minoría que abraza as virtudes do multilingüismo e se somete aos seus rigores, o certo é que en Europa simplemente facemos da necesidade virtude. Un habitante do noso continente difícilmente pode vivir á marxe doutras línguas dado que a súa, por moi poderosa que sexa e moitos falantes que teña, é unha de tantas, e (agás o inglés), non é unha koiné internacional efectiva, e en moitos casos, terá que compartir espazo e co-oficialidade con outras línguas do estado. Os EEUU, ao contrario que a Unión Europea, son a more perfect union na que a língua de Shakespeare fai de indiscutíbel cemento común, e onde a necesidade de línguas estranxeiras para moverse dentro do estado é inexistente; a maiores, as posibilidades laborais fóra son máis limitadas do que as europeas, e aínda neses casos, é posíbel manexarse só en inglés agás en postos moi específicos.

Saber idiomas é unha evidente riqueza intelectual para os que se molestan en aprendelos, mais tamén requiren dun enorme esforzo non trivial (e maior dependendo da dificultade percibida da(s) lingua(s) a aprender), que se pode adicar, na falta de estímulo, a aprender moitas outras cousas. Un docente de línguas estranxeiras coma o que lles escrebe pode considerar que entre as grandes prioridades formativas está coñecer ben alomenos unha língua estranxeira, con innumerábeis virtudes utilitarias e non utilitarias, mais sería inxenuo non recoñecer que non son esas virtudes as que van a explicar motivacións e as situacións sociais multilingües.

terça-feira, agosto 14, 2018

Notas ao Decreto

Onte saiu publicado no DOGA o Decreto 81/2018 do 19 de xullo que establece o currículo dos diferentes niveis de idiomas que se imparten nas Escolas Oficiais de Idiomas. Aínda estou a botarlle unha olladela, e vou aproveitar para tomar notas e facerme preguntas arredor dalgúns dos seus contidos  segundo os vaia lendo.

Artigo 8: Acceso e matrícula

4. Os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 permitirán o acceso, respectivamente, ás ensinanzas de galego dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2. 

Isto creo que é novo; cando eu cursara o B2 de Galego, a titulación requerida para o acceso era o Celga 4. O novo parece máis lóxico, anque podería xerar unha avalancha de matriculados no C2 de galego. 
O decreto (alomenos nesta parte) non fala dos accesos que darán os diplomas de entidades privadas (Cambridge sinaladamente) ou as titulacións universitarias. De novo, cando me matriculei por libre para o B2 de inglés, daquela non había posibilidade, creo, de matricularse directamente no C1 ou C2 (que non se impartía) incluso coa licenciatura en inglés (alomenos, na modalidade libre; tería que consultar no caso da oficial).

Artigo 11: Certificacións

"... a consellería competente en materia de educación determinará as condicións en que o profesorado especialista en linguas estranxeiras deba participar na elaboración, administración e avaliación das probas para a obtención dos certificados dos niveis básico A1 e básico A2 dos idiomas que se determinen".

O interesante desta nota é que parece deixar a porta aberta a que 'profesorado especialista en línguas estranxeiras' (e non só profesorado de EOI; os de secundaria?) tamén avalíe e certifique os niveis básicos de línguas. É un desexo que ven de atrás (xa a consellería o tentara infructuosamente cunha especie de tribunais paritarios secundaria-eoi para avaliar e certificar alumnado de secundaria. A inclusión eiquí pode ser un brinde ao sol ou agochar unha nova concretización disto).
Na mesma liña, a Disposición adicional cuarta (Extensión da orferta educativa) no punto dous afirma, logo de dicir que tentará gradualmente extender as ensinanzas de EOI a tódalas comarcas de Galicia, que

"a consellería competente en materia de educación deberá determinar as condicións en que se poida impartir o nivel básico noutros centros docentes públicos, seguindo criterios de equidade territorial en materia de educación e emprego".

sexta-feira, agosto 10, 2018

O Vernero que foi - Agosto '07

Na primeira metade de agosto seguía o meu periplo por terras estonias, con pequenas menas de satisfacción no medio da densa ganga de frustracións e incomodidades. Entre as primeiras estivo o visionado da película dos Simpsons en versión orixinal subtitulada, co acompañamento dunha botella de gaseerimata vesi, o paseo turístico pola cidade vella de Tallinn, a compaña de Reda e un instante máxico de satori baixo unha chuvia de verán, camiño da casa, fitando a un porcoespiño cruzando a estrada. O cansazo físico e intelectual das viaxes secaría a miña escrita virtual logo de mediados do mes.
Imaxino que ese ano non asistín ao que para daquela xa era un dos meus rituais, interrompido nos últimos anos: a asistencia ás Viñetas desde o Atlántico, o festival de cómic que se leva celebrando dende 1998 na Coruña. Non estou no certo de se asistín á primeirísima edición, anque seguramente sí á segunda e/ou terceira, cando aproveitaba para facer a longa viaxe na compaña de Daniel Sóñora, Rafa e Antón entre outros, parte da tribo friki e aficionada á banda deseñada de ex-alumnos do Virxe do Mar. Sí lembro a primeira visita con enorme e sorprendente claridade, incluíndo o percorrido por librarías de segunda man (algúns exemplares dos meus anaqueis datan daquela) e estar parolando na derradeira sala do Kiosko Alfonso, que daquela era espazo suficiente para toda a exposición. Tempo despois, e logo dalgún hiato, a visita tornou excusa do verán para que algúns membros do Colectivo Sacou botasen un día xuntos na cidade do faro, malia a falta de interese na novena arte da maioría dos asistentes (compensada, alén de pola compaña, cos casetos da feira do libro vello que soen coincidir polas mesmas datas). Dunha das últimas visitas con Manuel e Ramón lembro máis ben retallos soltos, pequenas menas de satisfacción no medio da ganga de fondo das viñetas: as parolas tranquilas nunha tetería, a mostra adicada a Drácula nun dos museos, a inxesta de xelados, ou a visita e compra en librarías de primeira e segunda man... Sería bo que tirasemos fotos para non ter sempre que recorrer á axuda sempre deficitaria da memoria.

terça-feira, agosto 07, 2018

Two Sips from the Chalice of Indulgence

... or a little self-reward for passing the exams...



sábado, agosto 04, 2018

Written on a textbook






























...na sección de polinomios...

terça-feira, julho 31, 2018

Libros do Mes

Diofanto de Joan Gómez Urgellés

China's Last Empire: The Great Qing de William T. Rowe [E]

*Shih-ching by Ezra Pound (tr.)

*The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.) [R]

*Algebra: Structure and Method de R. Brown, M.P. Dolciani et al.

*A Practical English Grammar, de A.J. Thomson e A.V. Martinet

*The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

*The Practice of English Language Teaching de Jeremy Harmer

domingo, julho 29, 2018

O Vernero que foi - Xullo '07

Foi no verán do 2007 cando me deixei engaiolar polos cantos de serea dos Comparatistas e, logo de pedir e serme concedida a correspondente bolsa, cando tiven a temeridade de pasar arredor dun mes no Báltico facendo algo de turismo e tentando domear ao cabalo bravo da língua estonia. Certo é que o domeamento era relativo (non lle adicaba as horas extraescolares de estudo que necesitaba), e a escolla oriental, colleita propia (logo da boa experiencia persoal co grupo dos 'fillos de Kalev' no congreso literario de Kiel, o Nadal anterior).

Case sen propoñermo, a serie de entradas glosando os meus infortunios e infelicidades nos confíns da Unión Europea convertéronse nas máis exitosas, a high tide deste bitácora cando aínda a lía alguén. Véndoas en perspectiva, teñen unha comicidade engaiolante, buscada anque -daquela- non sentida pola mantedor.

A memoria da viaxe inclúe imaxes soltas, oníricas: o exemplar en tapas brandas de Paradise Lost que me acompañaba en tantas e melancólicas xornadas; as casas de madeira entre bosques, bandeira letona á porta ondeando en mástil, de Riga; unha máis señorial, de pedra, vista de esguello dende o tranvía; a presentación no xardín botánico de Tartu; o museo de xoguetes, cheo dos máis curiosos monicreques; a película de debuxos animados vista na clase; a catedral de tixolo en ruinas; a caixa de mistos da kaubamaja, onde mercara algún xeado; o moderno minirañaceos do Tasku Centre cuxa tenda de libros visitaba, alén de navegar en internet mentres fitaba con tristura a través dos cristais tintados; o marabilloso cemiterio de Raadi, coas tumbas de Lotman, Kreutzwald e Betti Alver; o xardín de Jüri Talvet en Pärnu, inzado de baias e froitos vermellos que rillar; os desexos (cumpridos) vencellados á ponte Inglisild e á correa do Bom Jesús de Bahía...

Aínda máis que a lembranza dos espazos, a lembranza das persoas, con moi poucas das cales tristemente sigo en contacto: Reda, a lista e adorábel lituana ratiña de biblioteca da que medio namorisquei (mágoa que estivera casada); Ruth, a simpática hispanista que me aloxou e guiou por Tallinn; Esen, a altísima búlgara namorada de España que se laiaba da ausencia cirílica nos billetes de euro; Käbi, a beleza sueca algo baixiña mais digna dunha película de Esteso; Anton, o simpatiquísimo sueco médico e trotamundos co que xantaba e trasfegaba A. Le Coq -a negra, por suposto-; os inseparábeis Inna e Gregory; a bonhomía e intelixencia de Jaak no seu propio terreo.

A estampa é a da fin da segunda fornada de aulas; terei que contactar de novo co sueco a ver se garda fotos da primeira tanda...


quinta-feira, julho 26, 2018

O Vernero que foi - Xuño '07

Na entrada do verán -e das vacacións- do 2007 ía rematando as últimas lecturas da carreira, e entre unha e outra erupción lírica encol de Ginger, engadía algún fragmento de The Death of the Heart de Elizabeth Bowen ou de Mrs. Dalloway, de Virginia Woolf. A inxenuidade amorosa de Portia árdeme nas fazulas -seguramente empaticei con ela e coa novela por mor das miñas propias, reiteradas e doorosas frustracións duns días que pintaría con papel de cor Artemisia absinthium-; os delirios de Septimus Warren Smith, pola contra, arríncanme un sorriso cando leo aquilo de "Un non pode traer fillos a un mundo coma este", pecado no que teño caído, e con ledicia, e que me resultaría inimaxinábel naquela canícula pasada.  Certamente daría para unha boa parola coa que daquela era a miña Mrs. Dalloway e agora anda polos Madriles ensinando a teenagers, e lucindo eternamente ao meu carón nesta pequena presada de bits rescatados do ano en cuestión e do antergo do que despois sería instagram...


segunda-feira, julho 23, 2018

O Vernero que foi - Maio '07

Como xa vos contaba, en abril do 2007 soltaba unha peza de oratoria para o acto de licenciatura de inglés, sen que se me pasase pola cabeza naqueles días que ía rematar de profesor da lingua de Shakespeare nas EOIs (institucións cuxa existencia ignoraba completamente) logo doutra peza de oratoria unhas xornadas atrás. Encarreirando a recta final dos estudos, o que máis me chama a atención relendo o que escribín son os textos encol da Doncela de Xenxibre, pola que bebía os ventos no inverno do meu descontento e da miña formación académica, doce musa inspiradora de verbas e de desexos e á que, paradoxos do tempo, agora coñezo un chisco mellor, ma non troppo.  

Con non menos pudor (e rubor) repaso as miñas respostas ao cuestionario Proust, testemuño dun Eu que aínda se recoñece en moitas cousas pero non tanto noutras, coma o runrún de bolxevismo militante, School of Resentment total no político, estético e afectivo. Fitando para atrás sempre me choca o parviño, ignorante e arrogante que me vexo en perspectiva, e iso faime temer (xogo de espellos) no que dirá deste Eu que agora escrebe o Eu máis vello, posíbelmente máis sabio, menos ou máis feliz, de dentro de 11 anos, Hannibal ante portas do medio século e cun fillo xa pre-adolescente que quizaves -con pudor e rubor- leas nestas páxinas virtuais os pensamentos do seu vello. Pra ti, Mamo, deixo a memoria de onte cando fumos á praia de Broña e entraches sorridente nas súas frías augas comigo.

sábado, julho 21, 2018

O Mandarin Marabilloso - त्रिरत्न

Anque son de natural escéptico, certas coincidencias van a rematar por espertar ao místico pitagórico que agocha en mín. Parece que o número catro, a τετρακτύς dos seguidores do filósofo de Samos, ten efectos especiais no que afecta á miña esfera laboral e mandarinesca. Catro anos atrás, tal día coma hoxe, anunciábavos que adquirira a especialidade de Xeografía e Historia, e catro anos antes diso, a entrada a través de Inglés no corpo de Profesores de Ensino Secundario.  Desta volta engado unha terceira xema, triratna budista, ao meu cinto: a entrada no corpo de Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas na especialidade de Inglés que faculta ao interesado, entre outros dereitos, a portar un cadrado de mandarín coa representación dun Qilin, e a incluír unha franxa de púrpura e pinceis entrelazados nos baixos da túnica.

terça-feira, julho 10, 2018

Ἀρχίλοχος

Heart, my heart, so battered with misfortune far beyond your strength,
up, and face the men who hate us. Bare your chest to the assault
of the enemy, and fight them off. Stand fast among the beamlike spears.
Give no ground; and if you beat them, do not brag in open show,
nor, if they beat you, run home and lie down on your bed and cry.
Keep some measure in the joy you take in luck, and the degree you
give way to sorrow. All our life is up-and-down like this.


________


Corazón, meu corazón, tan batido pola desgraza máis alá das túas forzas,
érguete e oponte aos que nos odian. O peito descuberto ao asalto
do inimigo, envíao de volta. Érguete firme entre lanzas coma trabes.
Non cedas un palmo. E se lles gañas, non te gabes publicamente
nen, se che vencen, corras para a casa a laiar e a deitarte na cama.
Mantén algo de mesura na ledicia que che concede a sorte, e no grado
en que cedes á tristura. Toda a nosa vida é un rubir e baixar deste xeito.


Fragmento 67 dos poemas de Arquíloco de Paros, verquido ao inglés por R. Lattimore

terça-feira, julho 03, 2018

宝

Today, in the mail...

sábado, junho 30, 2018

Libros do Mes

[Tódalas lecturas están conxeladas ata o mércores pola noite]

The Lyric Age of Greece de A.R. Burn [E]

El enigma de Fermat de Albert Violant

Alex's Adventures in Numberland de Alex Bellos [E]

Zhongyong (The Doctrine of the Mean) de Robert Eno (tr.) [E]

*China's Last Empire: The Great Qing de William T. Rowe [E]

*Diofanto de Joan Gómez Urgellés

*Shih-ching by Ezra Pound (tr.)

*The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.) [R]

*Algebra: Structure and Method de R. Brown, M.P. Dolciani et al.

sábado, junho 23, 2018

Busy teacher


Moi ocupado estes días con cousas diversas... conto con ficar descansado dende mediados do mes de xullo, ou sexa que se agardades para daquela, xa vos poñerei ao día...